ORIENTACIÓN PARA PAIS E NAIS EN PREVENCIÓN DAS DROGODEPENDENCIAS

Suxerencias para prever o consumo de drogas dende a familia. 

¿ Que podemos facer os pais e nais ?

    Os pais/nais poden ser os mellores axentes preventivos en coordinación coa escola fronte ao consumo de drogas, favorecendo nos seus fillos/as comportamentos e hábitos saudables, desenrolo de valores persoais e autoconfianza, responsabilidade, capacidade de crítica, etc.
    Vostede coñece ao seu fillo/a mellor ca ninguén, e pode axudalo a desenrolar habilidades, actitudes e hábitos sans para evitar que chegue a consumir drogas.
    Gran parte do contido deste caderniño xa o coñecen, porque son pais, mais gustaríanos aportarlles algunhas suxerencias que lle poden facilitar este labor e axudalos a afrontar esta problemática que tanto lles preocupa.

FALE COS SEUS FILLOS E FILLAS ACERCA DAS DROGAS.
    Non crea que por evitar falar das drogas o seu fillo ou filla vai descoñecer que existen. Ofrézalle a información que posúe ( non ten que ser experto no tema ) mostrando unha actitude aberta ao diálogo, e pida axuda se o precisa. Deste xeito, pode axudalo a que reflexione e valore os riscos que pode correr.
OFRÉZALLE UN BO EXEMPLO.
    Vostede actúa como modelo a imitar polo seu fillo/a. Cos seus hábitos e actitudes ante o consumo de drogas influirá nas súas actitudes ante o mesmo problema.
    É imprescindible que exista unha congruencia entre a súa conducta e as mensaxes ou recomendacións que lle dá. Actúe de acordo co que di, e mostre unha conducta favorable á saúde.
ESTABLEZA UNHA BOA COMUNICACIÓN E DIÁLOGO NA FAMILIA.
    Favoreza un clima cordial e de confianza. Comparta as súas opinións co seu fillo/a, estimulandoos a expresarse e mostrando interese e tolerancia fronte ás súas ideas e cousas.
    Aprendalle a reflexionar, máis que darlle solucións feitas.
ESTABLEZA UNHA BOA CONVIVENCIA FAMILIAR.
    Participe do ambiente familiar, buscando tempo para estar xuntos.         Estableza unhas normas familiares razoables e, sempre que sexa posible, negociadas. Os pais e as nais deben procurar evitar desautorizarse ou contradicirse respecto ás normas e a educación dos fillos/as.
    Non esqueza que é importante demostrarlles afecto e recoñecer e premiar o positivo.
ESCOITE AO SEU FILLO E Á SÚA FILLA.
    Dialogar e comunicarse, implican escoitar e non só falar. Deste xeito, crearán un clima de confianza e comunicación, que posibilitará que o seu fillo/a comparta con vostede os seus problemas e preocupacións.
AXUDE Á SÚA FILLA E AO SEU FILLO A DESENVOLVER VALORES FIRMES E ADECUADOS.
    Un sistema de valores e principios firmes axudarálle a dicir NON e a soportar a presión do grupo.
    Vostede pode axudar ao seu fillo/a, potenciando a súa capacidade de autocrítica e ensinándolle a defender as propias ideas e decisións, e ser consecuente coas mesmas
AXUDE Á SUA FILLA E AO SEU FILLO A TER AUTOESTIMA E AUTOCONFIANZA.
    Se o fillo ou filla se sente ben consigo mesmo, terá máis probabilidades de decir NON ás drogas. Vostede pode fomentar a súa autoestima: 
- Mostrándolle que o quere.
- Axudándolle a marcarse metas realistas adecuadas ás súas                     posibilidades.
- Louvando o seu esforzo, non só os logros.
- Se ten que correxilo/a, critique o acto, non a el ou ela.
- Dándolle responsabilidades adecuadas á súa idade.
- Déixeo medrar. A medida que medran deben gozar de maior                     liberdade, pero tamén exixirlles maiores responsabilidades.
AXUDE AOS SEUS FILLOS/AS A SER TOLERANTES FRONTE Á FRUSTRACIÓN.
    As frustracións na vida son inevitables. Tolerar a frustración significa aceptar o NON aos desexos sen que por isto se afunda o mundo, e aprender a renunciar a unha satisfacción inmediata que pode xerar problemas maiores a curto ou longo prazo.
    Para axudar ao seu fillo/a a afrontar as frustracións, non é conveniente ceder sempre de forma inmediata aos seus desexos, senón aprenderlles a ser pacientes e afrontar as situacións problemáticas.         Necesitan aprender a tomar as súas decisións, valorando as vantaxes e inconvenientes do seu propio comportamento. Apréndalle a evitar a saída máis cómoda se non resulta ser a máis válida.
FOMENTE ACTIVIDADES RECREATIVAS
    O aburrimento é un mal amigo. Estimule a participación do seu fillo/a en actividades sanas e creativas de ocupación do tempo libre, tanto individuais como colectivas. Procuren participar vostedes mesmos nesas actividades, divirtíndose con eles. Deste xeito estarán a facilitar a súa integración social, participación e capacidade de compartir.
APOIE ACCIÓNS PREVENTIVAS NO CAMPO EDUCATIVO.
    Colabore co colexio, A.P.A. ou outros colectivos da comunidade educativa, participando nos programas de prevención e fomento de alternativas válidas ao consumo de drogas.
INTENTE RECOÑECER CANTO ANTES QUE O SEU FILLO TEN PROBLEMAS
    Se sospeita que a súa filla ou fillo teñen problemas, teña en conta que canto antes interveña, menor será o dano. Se ela ou el acoden a vostede por iniciativa propia, escóiteos e compórtese de xeito que o vexan como alguén a quen recurrir en solicitude de axuda. En todo caso, solicite axuda de profesionais expertos.

 

PROGRAMA DE PREVENCIÓN E REINSERCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS

Asociación "NERIA"
Rúa Buenaventura Castro Rial, S/N
15270 CEE ( A Coruña )
Telf. 981.706028
Fax.:981.706297