
RAMÓN PIÑEIRO LÓPEZ
(1915 - 1990)
Ramón Piñeiro López naceu en Láncara (Lugo) en 1915. Despois
de cursar na capital de provincia o Bacharelato elemental, volta á súa vila para
axudar nas tarefas agrícolas familiares e en 1930 comeza a traballar en Sarria.
En 1931, ano da proclamación da República, terá a oportunidade de asistir nesta
vila a diferentes actos electorais. Un ano despois Piñeiro regresa a Lugo para
estudar o Bacharelato superior e, influído por un mitin do recén creado Partido
Galeguista, Ramón participaría na creación da Mocedade Galeguista de Lugo, sendo
elixido na altura secretario de Cultura (máis tarde chegaría a desempeñar o
cargo de presidente). A partir deste momento Piñeiro entra nun período de
intensa actividade política que o levaría a exercer en 1936 como secretario do
Comité Provincial do Estatuto de Autonomía organizado polo Partido Galeguista.
Tras a guerra civil comeza a cursar Filosofía e Letras en Compostela e
Madrid. Porén, Piñeiro, máis preocupado pola reagrupación clandestina do
galeguismo, abandonaría definitivamente estes estudos. Cando a finais de 1945 os
nacionalistas cataláns, bascos e galegos deciden tratar co
goberno republicano exiliado en Francia, Piñeiro será designado como
representante galego naquela xestión. De regreso sería detido e condenado a seis
anos de prisión, dos cales cumpriría tres, de 1946 a 1949. Xa libre, Piñeiro
voltará a Galiza e desde entón vaise esforzar en mudar radicalmente a estratexia
galeguista, prescindindo da opción política e reducíndoa cara á intervención
cultural, o que provoca a desvertebración do Partido Galeguista. Froito deste
posicionamento, coñecido como "piñeirismo", será a fundación en Vigo de Galaxia
(1950), a primeira iniciativa editorial
galeguista de posguerra. Como director desta empresa e codirector da revista
Grial, Piñeiro dedicarase á promoción e difusión da cultura galega. Desde a
mesa do seu gabinete de Xelmirez fomentará entre a mocidade o imposibilismo
dunha reactivación política galega e dedicarase á escrita. A súa breve produción
ensaística (mesmo a de carácter lingüístico-literario, como a que se recolle en
Olladas no futuro, de 1974) ten como punto de partida o pensamento
filosófico: Siñificado metafísico da saudade (1951), Pra unha
filosofía da saudade (1953), A saudade e Rosalía (1962)...
No ano 1967 ingresa na Real Academia Gallega cun discurso titulado
A lingoaxe i as língoas (1967). Xa en época democrática sae eleito deputado
independente do Parlamento de Galiza polas listas do PSdeG-PSOE e desde 1983 até
a súa morte, acontecida en Compostela en 1990, Ramón Piñeiro será presidente (o
primeiro) do Consello da Cultura Galega.
Obras:
"A filosofía i o home"
· A lingoaxe i as língoas
· Ciclo Castelao
· Da miña acordanza
· Filosofía da saudade
· Galicia
· Olladas no futuro
· Pra unha filosofía da saudade
· Un epistolario de Ramón Piñeiro