
Historia de Corcubión


Ó parecer o nome de Corcubión
deriva do vasco "Kotsko-Urbión", que significa "ensenada
de boas augas",
non faltando outro tipo de hipóteses. Os xeógrafos antigos supoñen unha
poboación de Nerios, ó ar redor do cabo Fisterra.
Unha densa néboa oculta realmente as súas oríxes. Xentes tal
vez de orixe celta poboaron os montes próximos, onde quedan restos de castros
(Quenxe) e mámoas como únicos vestixios.
Non faltan autores que identifiquen a Corcubión co
Arrotrebarum portus o Portus Parvus Artabrorum dos
primitivos xeógrafos, aínda que outros inclínanse por Muros.
Corcubión foi o primeiro Señorío do Conde de Traba e
logo pasou ó poder do de Altamira formando parte dos seus partidos
xuridiccionais ou merindades. Segundo un curioso compendio do Estado de
Altamira, que redactou José Isla de la Torre no ano 1724, a vila de Corcubión compoñíase
entón de douscentos veciños que vivían da pesca da sardiña e do congro,
para
o cal dispoñían duns trinta barcos. O Conde tiña un pequeno pazo
na propia vila. 
Este documento infórmanos tamén de que,
antigamente, a
parroquia estaba fóra da vila, nun monte denominado San Andrés de Canle; máis
tarde, polos anos 1430, construiuse a nova igrexa,
perto do palacio e contigua ó peirao,
colocándose no seu interior unha fermosa imaxe de San
Marcos que chegou á vila nun navío veneciano, sendo hoxe o seu
patrono. Gracias ó citado compendio sabemos ademais, que existía un
hospital, fundado por Rodrigo de Moscoso e a súa
dona Juana de Castro, cuia renta foi a menos, ata o punto de quedar so unha casa
que se utlizaba para acoller ós peregrinos que se dirixían a Nosa Señora da
Barca (Muxía) e o Santísimo Cristo de Fisterra. 
Gobernábase por un xuíz ordinario e catro rexidores que nomeaba o Conde de Altamira, sen proposición e ó seu arbitrio, e por un procurador xeral designado polo Concello ademais de dous procuradores de causas, nomeados ás veces polo Alcalde Maior e outras polo Conde. Era praza de armas, cun castelo que chamaban de Santa Cruz, dotado de sete canóns e baixo o mando dun sarxento maior.
A xurisdición suxeita o xuíz de Corcubión comprendía
as ferigresías de:
Brens, Redonda, Toba, Lires, Frixe, Touriñán, Salgueiros,
Pereiriña, Dumbría, Olveira, Ézaro, Ameixenda,
Morquintián, Bardullas, Buiturón, Caberta, Carnota,
Lariño e Serres. As tres últimas tiñan un
escribano de número nomeado polo Conde e os restantes nomeaban cada ano un
procurador xeral, coa asistencia da xusticia e reximento de Corcubión, e tiñan
tamén o seu escribano, cuio oficio valía 3000 reais e era nomeado polo
Conde.
Na devandita relación o país considérase abundante en trigo, centeo e mijo, con moita cría de gandeiría maior e menor, así como xabaríns e perdices.
A xurisdición de Corcubión estaba separada da de Muros
polo río Olveira, e da de Vimianzo polo Castro. 
En cada unha das ferigresías nomeaba o xuíz un maiordomo e para todas elas un ministro e un alcaide do cárcere.
O Conde de Altamira posuía na vila 56 casas e varias outras propiedades que lle rentaban cada ano 2700 ferrados de trigo, 306 ferrados de centeo, 154 cuartillos de manteiga, 65 galiñas, 2 carneiros, 1072 reais e 8 maravedíes. Ó que hai que engadir os 47 reais e 23 maravedíes que cobraba sobre dez lugares en concepto de facendeiras.
Cada veciño da vila pagaba real e medio de servicio de fogo e cada viúva tres cuartillos; quedaban excluídos do pago os fidalgos e os pobres.
As emb
arcacións cargadas de viño que quedaran en seca
aboaban, se non eran dos naturais, dous azumbres por cada pipa.
Así mesmo, o
Conde tiña as Luctuosas, Mostrencos e Penas de Cámara.
O arcebispo de Santiago, Francisco Blanco, uníu á
parroquia de Corcubión a antiga de San Andrés de Canle. Contruída dita igrexa
en 1480, a súa fachada principal
e a torre actuais foron reedificadas despois dos destrozos causados por un raio
en
1885. No respaldo da imaxe de San Marcos
aparecen as armas dos Altamira e dela dise, ó igual que a Virxe da Xunqueira de
Cée que foron botadas ó mar por un barco estranxeiro. Segundo acta de visita
de 1547, a igrexa de Corcubión posuía tres fermosos cálices e unha artística
cruz.
Perante a Idade Media, Corcubión foi ruta obrigada dos peregrinos que, despois de visitar Santiago de Compostela continuaban a súa peregrinaxe ata Fisterra. Noutros tempos tiveron moita importancia as chamadas verbenas ou parrandas de San Joán e San Pedro, vestixio de tempos inmemoriais e tal vez das rivalidades das casas de Altamira e Maceda.
Cando as loitas entre
España e Inglaterra no século XVIII, os veciños de Corcubión,
Escaxa e Leira
armaron varias naves e combatiron nas augas de Fisterra. No 1809 enterados os
franceses, que estaban en Santiago, que nas vilas de Corcubión e Cée se fixeran
alarmas contra a invasión destacaron partidas das súas tropas para batir e
perseguir ós paisanos, o que conseguiron plenamente no punto denominado Ponte
Olveira, ó anoitecer do día 13 de Abril. Como exerceron todo xénero de
crueldades e asasinaron a mantenta, a noticia de que baixarían a estes pobos
fixo cundi-lo pánico entre os seus habitantes que se escondían nos montes máis
escabrosos e ós que aínda resistían foron inhumanamente sacrificados. En
Corcubión cometeron toda crase de atrocidades e queimaron a vila desaparecendo
todolos arquivos. Ó retirarse a indisciplinada soldadesca do mariscal Ney, a
emigración foi a única saída para aqueles homes que viron arruinadas as súas
facendas e perdidas as súas esperanzas. Co tempo voltou a tranquilidade,
a calma
e o progreso.
A traducción española de "The Bible in
Spain" de Borrow, difundíu grandemente por España as peripecias de "Don
Jorgito el inglés", por estas terras onde, gracias a intervención de Don
Antonio de la Trava, el Valiente de Fisterra, foi defendido da desconfianza da
multitude. Conseguíu que esta se aplacase confiándoo a autoridade do Alcalde de
Corcubión, un xove moi liberal chegado fai pouco de Madrid, lector de Bentham,
que
en realidade era Laureano María Muñoz, xuíz de primeira instancia polo outono
de 1837 e non alcalde como dixera Borrow.
Fonte: Enciclopedia Gallega