
por Inés Rivas Senlle

Desexando colaborar en todo o que ao ensino se refire,
eido ao que pentencín con orgullo durante 42 anos, e aínda que fique moi
atrás destes adiantos da tecnoloxía, Internet,
etc gostaríame aportar brevemente as miñas impresións sobre o que era a
escola no ano 1967, data na que cheguei a Corcubión a ocupar unha praza de
"maestra nacional" que solicitara no concurso de traslados. Dita praza
de "pre-escolar" era de "nova creación", polo que foi
ubicada no recinto do Colexio "José Carrera", que por aquel entón
estaba adicado a Instituto de Ensino Medio.
Eu viña de escolas unitarias ou colexios pequenos, ubicados en
lugares, como San Martiño ou Mallas en Fisterra, Buiturón en Muxía,
Louro
en Muros ( na foto ) etc, moitas deles case inaccesibles, e tendo
matrículas de 40 e 50 alumnos, pero isto non parecía mellorar.
A aula era pequena, e, tendo en conta que tiña unha
matrícula de 35 nenos, que non contaba con outro material que dous mapas, un
encerado, un globo terráqueo fornecido pola inspectora e pouco máis, as clases
eran a "golpe de voz", que se perdía pola altura do teito, co cal a
miña afonía chegou a ser crónica.
Ao clausurar as escolas unitarias de San Roque de Redonda
e coincidindo co traslado do Instituto para Cee, viñeron a ocupar estas aulas
Mª José García e Alberto Pardo, excelentes compañeiros cos que compartín
provisoriamente a estancia no Centro, ata que se fixo a agrupación nel das
escolas da zona, tendo que irme a impartir o pre-escolar ás escolas unitarias
do Campo do Rollo. Alí, Cesáreo García ocupaba unha aula cun segundo de E.X.B.
A estancia na unitaria antedita tiña pros e contras.
Impartía a nenos de 4 e 5 anos misturados, a matrícula era alta, o recreo era
ao aire libre, e contaba con poucas comodidades propias dun centro grande, pero
ocupaba a vivenda da escola, co avantaxe que conleva ter o traballo perto da
casa.
Máis tarde trasladaron a Emilia Feijoo, outra parvulista que tiña a súa escola no Campo da Igrexa, á aula contigua a miña, e con iso a nosa situación mellorou moito, xa que segregamos aos nenos por anos, e desa maneira eu impartía aos de 4 anos e ela aos de 5, rotando ao curso seguinte.
Todo eran melloras, incluso chegamos a ter unha fotocopiadora, aínda que a matrícula ía en aumento: ¡ Chegamos a ter 38 e 42 nenos ! Contemplado desde os tempos de hoxe, pregúntome como nos arranxábamos, pero o curioso era que nos "defendíamos", e coido que bastante ben.
.
Así pasou a miña labor como mestra; trinta anos como parvulista ata que, poucos anos antes de xubilarme, e coincidindo coa marcha da miña compañeira a un colexio da Coruña, volvín ao "José Carrera", pero esta vez a impartir en Primaria.
Esta época foi moito mais doada: turnos de recreos,
moitos compañeiros, charlas, reunións, comodidades, cursos menos saturados,
etc, e alí dinme de conta do esforzado, solitario e escravo que é impartir
párvulos en unitarias, aínda que dea máis satisfacción agora, só pensar a
canta xente aprendimos a ler e escribir.
Dous anos despóis, fomos trasladados ao novo colexio, o "Praia de Quenxe".
Eu coñecín as "escolas mixtas", unitarias, e
de "difícil desempeño", chamadas así por distanciar entre 3 a 4
kilómetros da carretera xeral, con accesos por corredoiras cheas de lama, e
intransitables, e será por iso que o novo colexio pareceume un "hotel de 5
estrelas" polo luxo co que contaba ( e conta ): unha paraxe incomparable,
frente ao mar, perto da praia, boas vistas, edificio novo e limpo, amplos
ventanais e aulas, calefacción, bo material, tele, vídeo ... Calquera vila da
Comarca tería envexa del.
No "Praia de Quenxe" pasei os meus últimos anos como profesional, sempre impartindo en Primaria, e en moitas ocasións, tendo como alumnos a fillos doutros alumnos meus.
Para finalizar, falaría de que ao final da miña vida como profesora, tiven dúas satisfaccións: por unha banda, estar por fin nun bo colexio, contando con bos compañeiros e alumnos, e por outra banda, contar como compañeiro ao meu propio fillo, coincidindo con él o mesmo curso da miña xubilación, como colofón ao meu paso como mestra por Corcubión.
Mª Inés Rivas Senlle
Dona Inés Rivas Senlle foi parvulista e mestra de Primaria tanto en unitaria, como no "José Carrera", xubilándose no noso Centro "Praia de Quenxe"