
por Miguel Vázquez Candamo

Por
solicitarmo con interés o meu estimado amigo e querido exalumno Luis, e a fin
de que poda servirlle para completar o estudio no que está traballando sobre o
proceso educativo do Ensino Primario de esta localidade de Corcubión nos últimos
cincuenta anos, noble tarefa na que eu colaborei perto de trinta como mestre de
Primeiro Ensino, primeiro na Escola Unitaria, e máis tarde na Agrupación
Escolar Mixta, e posteriormente no Colexio Público de Ensino Xeral Básico, amén
de participar como profesor auxiliar no Colexio Libre Adoptado de Ensino Medio
“Xosé Carrera”, adscrito ao Instituto Masculino da Coruña, a continuación
me é grato informar que exercín o ensino desde o ano 1944 ao 1985 que fun
xubilado.
Sendo
titular da escola unitaria de nenos de Brens ( Cee ), accedín por
concurso-oposición á escola do Padroado do “Frente de Juventudes” de
Corcubión, recien criado, no curso 1957-58. No citado curso había na Vila
catro escolas unitarias de nenos: a Escola Nacional, a Escola Privada e gratuíta
do Colexio “Xosé Carrera”, a do Padroado de Orientación Marítima, e a
anteriormente citada ao meu cargo, tamén do Padroado; e tan só dúas de nenas:
a Nacional, e a privada da Fundación “Xosé Carrera”.
A
idade escolar obrigatoria comprendía aos nenos desde os 6 aos 12 inclusive,
pero algúns nenos abandonaban o ensino aos 10 anos, idade mínima exixida para
cursar os estudios de ensino medio, previo exame de ingreso.
O
local desta escola do Padroado “Frente de Juventudes” tiña capacidade ampla
para 24 nenos, ubicados en 12 pupitres bipersonais, sitos en 3 filas de 4
pupitres cada unha, e orientados de xeito que a luz entraba pola esquerda do
alumnado, desde tres anchos ventanais. Contabamos con material novo e moderno
suficiente para atender ás tres seccións no que estaba dividido o Ensino
Primario: 1ª sección: nenos de 6 a 7 anos; 2ª sección : nenos de 8 a 9 anos
e 3ª sección, con nenos de 10, 11 e 12 anos. Algúns nenos permanecían na
escola ata os 13 anos cumpridos cando así o requerían os pais.
Do
material funxible, só os cadernos para a escritura e o cálculo o aportaba cada
neno, a tiza, a tinta etc, era fornecido polo Padroado.
A
escola estaba ben dotada de material escolar, como o
atestiguan os informes das visitas de Inspección; contaba cunha
biblioteca itinerante da Comisaría de Extensión Cultural, do Ministerio, cuios
libros podían levalos os alumnos para ler na casa.
Dispoñía,
así mesmo, dunha pista de baloncesto, que podía adaptarse para balonvolea ou
para a práctica doutros exercicios, e un terreo colindante, con céspede, onde,
cada ano, celebrébase a Festa da Árbore: os alumnos plantaban frutais que
coidaban ao largo do curso escolar.
Ao
autorizar Inspección de 1º Ensino a constitución da Agrupación Escolar
Mixta, a comezos co curso 1965-66, e habéndoselle asignado á Escola do
Padroado “Frente de Juventudes” os alumnos da última etapa ( nenos e nenas
de 10 anos en adiante ), iniciáronse os primeiros concursos escolares de
redacción, debuxo e postais do Nadal, ao prinicipio de ámbito local, e
comarcal máis adiante.
Tamén
confeccionábase un xornal mural titulado Aire Libre, un por cada trimestre:
Septembro-Novembro, Decembro-Febreiro e Marzo-Xuño, con cuestións en torno a
unha efemérides, unha nova relevante publicada nun xornal ou revista, etc que
se tomaba como centro de interés, tendo levado varios premios provinciais,
porque o alumnado participaba nesta labor con verdadeiro entusiasmo.
Ao
entrar en vigor a nova Lei de Ordenación do Ensino Primario, que pasou a
denominarse E.X.B. ( Ensino Xeral Básico ), na súa fase de experimentación no
curso 1969-70, se non me falla a memoria, en virtude da cal se ampliaba a
obrigatoriedade da idade de escolaridade do alumnado até os 14 anos cumpridos,
entón as unidades foron trasladadas ao antigo edificio da Fundación “Xosé
Carrera”, remodelado ao efecto cunha nova planta, e quedando fora do edificio
tan só as dúas unidades de “párvulos”, ubicadas nas vellas escolas
unitarias do Campo do Rollo.
O
ensino entón impartíase por cursos, e en dúas etapas: a 1ª Etapa, que
comprendía os cursos de 1º, 2º, 3º, 4º, e 5º; e a 2ª Etapa os cursos 6º,
7º e 8º. O ensino da Primeira Etapa era impartida por un só profesor en cada
curso; mentras que os cursos da Segunda Etapa eran impartidos por profesores
especializados en Letras, Ciencias, Sociais, etc, constituíndose así un só
Colexio Público de E.X.B. con 10 unidades: 5 profesores da 1ª Etapa, 3
profesores da 2ª Etapa, e 2 profesoras para as Escolas de Párvulos, incorporándose,
máis adiante, un profesor de apoio.
O
colexio de E.X.B. contaba con un director e un secretario na dirección, e máis
tarde amplióuse cun Xefe de Estudios, e titores para a 2ª Etapa.
No
curso 1971-72 asistín, por voluntade propia, ao Curso de Actualización para o
Profesorado de E.X.B. –Serie A-, celebrado na Coruña de outubro a decembro do
ano 1971, cunha duración de 60 horas e impartido por D. Jaime García García,
coa colaboura do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de
Santiago, según consta no Diploma.
O
Ordenamento Educativo sofre unha nova reforma coa L.O.D.E. , modificándose a
nomenclatura dos cursos por Niveis, e a de etapas por Ciclos, ficando deste
xeito: Ciclo Inicial: 1º e 2º Nivel; Ciclo Medio: 3º, 4º e 5º Nivel e Ciclo
Superior: 6º e 7º e 8º Nivel.
No
curso 1983-84 fun nomeado pola Inspección Provincial de Ensino Director do
Colexio Público de Ensino Xeral Básico “Xosé Carrera” de Corcubión, e no
seu desempeño fun xubilado por cumprir a idade regulamentaria de 65 anos, en
decembro de 1985.
Corcubión decembro de 1999-12-26
![]()
Miguel Vázquez Candamo
D. Miguel Vázquez Candamo foi profesor e director do Colexio "José Carrera" de Corcubiòn