IES A Pinguela - Estación Meteorolóxica - Reseña histórica
ESTACIÓN METEOROLÓXICA
 
RESEÑA HISTÓRICA

Outubro de 1988: constrúese a primeira das garitas meteorolóxicas, é totalmente artesanal, de forma que aos dous anos de funcionamento deteriórase. Previamente, deséñase un programa en gwbasic para almacenar datos; os datos que se toman proveñen da dotación do laboratorio que como instrumento mais preciso, dispón dun barómetro de mercurio, os demais instrumentos, pouco precisos cun erro de 1º C, son un termómetro de máxima e mínima, un higrómetro, e un psicrómetro, cun erro de 0,5º C, algúns barómetros tipo Vidí e un pluviómetro cuxa superficie de recollida non é a estándar, (todo iso, pertence ao equipamento orixinal) Adquirimos nesta primeira época un anemómetro de man.

Adquirimos unha nova garita a finais do 90, que aínda está en pleno rendemento. O procedemento segue sendo o mesmo pero gañamos en precisión. Adquirimos tamén un pluviómetro, e coidamos en especial as actitudes no que se refire á limpeza da garita, lixado e pintado anual, operación que desde esta data vén realizándose anualmente.

Comezamos o envío de informes mensuais ao INM. Ademais difundimos aos medios de comunicación da zona informes cos datos mais significativos do mes e do ano.

Primavera do 92: adquirimos un Baro-Termo-Higrógrafo (meteorógrafo), e facémonos cun pluviómetro do tipo Hellman, xa normalizado.

Gañamos en comodidade, aínda que non en precisión. O rexistro automático necesita unha inicialización semanal, e proporciónanos maior cantidade de datos, interpretamos estas gráficas e comparámolas. En calquera caso o procedemento de lectura diaria segue o seu curso, e na actualidade permítenos o calibrado dos instrumentos de rexistro semanal.

É o ano 93 cando nos pomos en contacto co centro zonal do INM, que nos proporciona un pluviógrafo. Tamén nos proporciona unha nova garita meteorolóxica co que acabamos a etapa de sistemas de rexistro mecánico. Como resposta á nosa colaboración.

Durante os cursos do 93-94 aséntase o traballo con esta instrumentación e dedícome a reunir estudos previos e a recompilar datos de estacións precedentes, para perfilar o traballo de investigación que presento. Tamén neste período informatizo os datos recompilados nun arquivo de MS-DOS.

Primavera do 94: cae nas miñas mans unha revista americana de venda por correo, e encontro unha estación de rexistro totalmente automática fabricada por Davis Instruments, que por medio duns sensores electrónicos e un software adecuado permíteme rexistrar e almacenar datos ao longo dun día con períodos de almacenamento de ata un minuto. Entre tanto me inicio en Windows, e no manexo de Qpro.

A finais do 94 adquirimos un termohigrógrafo.

Xaneiro do 95: comeza o rexistro automático dos datos a través do Weather Monitor II (é o modelo de estación), unha interface, o Weatherlink, e o seu Software o PClinkII. Os partes que envío a partir de agora son decenales e mensuais e obedecen ao modelo das estacións de primeira categoría.

Ao longo do 95 traballando en equipo co meu irmán Orlando, coñecedor do clima con anterioridade, levamos datos de MS-DOS a unha Folla de Cálculo (QPRO), e realizamos o estudo que terminamos, en decembro do mesmo ano.

O traballo preséntase ao premio de estudos locais e é galardoado co máximo galardón.

Un pequeno programa, que deseño persoalmente, reduce a lectura barométrica a cero graos, ao nivel do mar e corríxea atendendo a posibles variacións coa latitude, a gravidade e o menisco. Outro programa deduce a tensión de vapor a partir das lecturas termométricas efectuadas.

En febreiro do 96 entro en contacto con Windows 95 e o paquete de Microsoft Office, e deseño nunha folla de cálculo como EXCEl todos os cálculos necesarios para elaborar os informes decenales e mensuais así como as correccións mencionadas no punto anterior.

A comodidade alcanzada neste punto responde ás miñas expectativas nas que a idea fundamental é a de "evitar o fallo humano".

Está informatizada ata o punto de ser independente do observador. Eliminei os posibles fallos humanos!

Agora os alumnos, seguindo o mesmo procedemento que nos inicios da estación utilizan este sistema para corrixir os seus erros.

Pero a xoia da estación é o receptor de satélite, que nos axuda na actualidade a facer as previsións cunha fiabilidade máis que aceptable.

Termino, persoalmente, coa instalación na primavera do 96 co que culmina o proceso de informatización da estación.

Na actualidade, coa total automatización e informatización da estación, tanto o INM, como os bombeiros e Protección Civil, estes dous últimos cando adquiran o equipo adecuado, poden acceder ao computador da estación e recoller datos para procesalos en tempo real.

Ano 2005: acabamos un estudo comparativo das variables climáticas do estudo anterior e os dez últimos anos, pensando, sobre todo, no tan controvertido asunto do cambio climático. As conclusións do estudo están nestes momentos pendentes de publicación.

Antonio Matías Vázquez Yáñez, Xefe do Departamento de Física e Química do IES A Pinguela.

 
 
Ir á páxina principal da web Ir á sección de novas Ir á páxina de contacto Ver a oferta formativa do IES A Pinguela Ver a localización do IES A Pinguela