POZO GARZA, Luz 

Naceu en Ribadeo en 1922, e aquí pasou parte da súa nenez. O resto da súa infancia  e mocidade transcorreron en  Viveiro. Ó iniciarse a Guerra Civil, o seu pai, que era militante republicano,  foi encarcerado e posteriormente desterrado. Debido a isto, a familia cambiou de residencia, vivindo primeiro en Lugo e despois en Larache (Marrocos),  ata que en 1940 regresan a Viveiro. Por estes anos a autora concluíu os seus estudios secundarios e publicou os primeiros poemas. Despois titúlase en Piano Superior polo Real Conservatorio da Coruña, e en Maxisterio; posteriormente licenciouse tamén en Filoloxía Románica. Nesa época colaborou en múltiples publicacións de Galicia, España e América.

Debido ó seu traballo como profesora de Bacharelato viviu en Badaxoz, Corcubión e A Coruña, onde se instalou en 1964. Alí dirixiu con Tomás Barros a revista Nordés. En 1977 trasladouse a Vigo, onde accede a Catedrática, e casa en segundas nupcias con Eduardo Moreiras; desde alí encargouse, xa en solitario, da dirección de Nordés, na súa segunda etapa. Nos anos 90, residindo de novo na Coruña, dirixe Clave Orión, unha nova revista de pensamento, poesía, arte e música. Desde 1997 forma parte da xunta directiva da Real Academia Galega, sendo a primeira muller que accede a ese cargo en toda a historia da Academia. O seu discurso académico foi Diálogos con Rosalía.

Como autora experimentou unha evolución, desde o uso exclusivo do castelán ata o monolingüísmo en galego, pasando por unha etapa  intermedia na cal cultivou os dous idiomas. O seu primeiro poemario, Ánfora,  publicouse en 1949, en castelán,  idioma que usou tamén en El vagabundo (1952), Cita en el viento (1962) e Últimas palabras (1964). En galego a súa primeira obra foi O paxaro na boca (1952) e en 1976 editouse a versión bilingüe Últimas palabras/ Verbas derradeiras da obra de 1962. A partir dos anos 80 utiliza exclusivamente o galego, vendo a luz Concerto de outono (1981), dedicado ó seu marido Eduardo Moreiras, Códice Calixtino (1986), Consagración de Trasalba (1989), Prometo a flor de loto (1992), poemario concibido como un diálogo co finado Eduardo Moreiras, no cal se artellan unha serie de reflexións sobre a vida, a morte e o amor. Por esta obra recibiu o Premio de Poesía da Excma. Deputación da Coruña. O seu último poemario é Vida secreta de Rosalía (1996), revelación e diálogo existencial entre dúas mulleres galegas e poetas.

Como ensaísta, ademais dos numerosos artigos publicados en Nordés, Grial e outras revistas, hai que mencionar A bordo de Barco sen luces ou o mundo poético de Luís Pimentel (1990), Álvaro Cunqueiro ou Herba aquí ou acolá (1991), Galicia ferida. A visión de Luís Seoane (1994) e Ondas do mar de Vigo. Erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo (1996).  

O seu é un bo exemplo de autora na cal obra e vida están fortemente relacionadas. Deste xeito as súas  circunstancias persoais cos avatares da guerra e a posguerra, as súas relacións afectivas, as súas afeccións artísticas, principalmente a música, e a propia condición de muller impregnan os seus versos, converténdoa nunha das autoras máis destacadas da poesía galega das últimas décadas.  

Para Carmen Blanco

UNHA CAMELIA AGORA sobre a liña indecisa
entre a vida e a morte  
Unha camelia agora
despois outra camelia
coma os pasos dun fillo  

Un naufraxio maior devólvenos o pranto
desde o inicio das aves

A camelia virada
para despois da vida

Unha lágrima agora
despois outras ausencias
no país da invernía que coñece a fame

Unha conversa chega coma un salmo

A camelia fechada
para despois da morte

Camiñamos por riba da indecisión das formas
que non che neguen nunca a lucidez da flor  

(Pozo Garza, Luz: Vida secreta de Rosalía. Espiral Maior)

 

       

OBRAS  

Poesía:

  • Ánfora: Imp. Varela, Vigo, 1949.

  • El vagabundo: Riberas, Ribadeo, 1952

  • O paxaro na boca: Ed. Xistral, Lugo, 1952.

  • Cita en el viento: Santiago, Viveiro, 1962

  • Últimas palabras/verbas derradeiras: Nordés, A Coruña, 1976

  • Concerto de outono: Ed. do Castro, Sada, 1981

  • Códice calixtino: Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 1986 / Ed. Xerais, Vigo, 1991.

  • Consagración de Trasalba: Boletín Galego de Literatura. Universidade de Santiago, 1989.

  • Prometo a flor de loto: Deputación Provincial. A Coruña, 1992.

  • Vida secreta de Rosalía:  Ed. Espiral Maior, A Coruña, 1996.

Ensaio:

  • A bordo de Barco sen luces ou o mundo poético de Luís Pimentel: Ed.Sotelo Blanco, Barcelona, 1990.

  • Álvaro Cunqueiro ou Herba aquí ou acolá: Ed. Galaxia, Vigo, 1991.

  • Galicia ferida (A visión de Luís Seoane): Ed. do Castro, Sada, 1994.

  • Ondas do mar de Vigo. Erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo: Ed. Espiral Maior. A Coruña, 1996.

VOLVER