O DEPARTAMENTO DE FILOSOFÍA INFORMA:
As materias que son competencia do noso departamento son as seguintes: a Ética no 4º curso da ESO, a Filosofía en 1º e 2º BAC, a Ética e filosofía do dereito como optativa en 1º, e Filosofía da ciencia e Tecnoloxía, e Introducción ás Ciencias Políticas e Socioloxía como optativas en 2º para os bacharelatos de Ciencias e Humanidades respectivamente, conforman o cadro de ensinanzas que a nosa especialidade ten como responsabilidade na formación do alumnado.
|
Ética |
4º ESO |
|
Filosofía |
1º e 2º BAC |
|
Ética e Filosofía do Dereito |
1º BAC |
|
Filosofía da Ciencia e Tecnoloxía |
2º BAC Ciencias e Tecnolóxico |
|
2º BAC Humanidades |
Polo que respecta ós contidos das materias optativas, facemos de seguido un resumo dos obxectivos que perseguen e a importancia do seu contido en relación ós estudios posteriores:
Ética e Filosofía do Dereito
(optativa 1º BAC)Con esta materia o alumnado poderá coñecer a orixe da nosa sociedade, a natureza do noso propio ser comunitario, os diferentes conceptos que integran o panorama político e sociolóxico, e achegarse ós escritos que fundamentan a convivencia nos Estados modernos (Dereitos Humanos, Constitución, Estatuto, ...)
Os dous obxectivos máis xenéricos que persegue esta optativa son por unha parte achegar ó alumnado algúns dos pensadores básicos nestas disciplinas, e aprender a reflexionar de forma autónoma desde os seus escritos. Platón, Aristóteles, Cicerón, Voltaire, Ortega, Marx, Habermas, ... serán as guías que nos permitirán descubrir os conceptos, teorías e modelos que ó longo da historia se foron formando para unha mellor convivencia e relación tanto entre os propios cidadáns como entre os distintos pobos.
A reflexión e a necesidade de expresar as propias ideas e discutir as alleas desde presuposotos racionais son os valores fundamentais que podemos conseguir desde esta materia.
Filosofía da Ciencia e Tecnoloxía
(optativa 2º BAC)É imposible pensar un mundo sen ciencia, e é este o ámbito de máis influencia na configuración do noso futuro. Pero estes avances científicos necesitan dunha permanente reflexión crítica tanto sobre os contidos como sobre os procedementos do coñecemento científico e as súas repercusións ambientais, sociais, éticas e políticas.
Esta materia supón, polo tanto, un tratamento sistemático daqueles contidos curriculares que abordan aspectos epistemolóxicos (conceptos, métodos, teorías, mitos, ...), e ético-políticos ou transversais (educación ambiental, educación para a paz, calidade de vida, ...). Supón tamén unha reflexión interdisciplinar e integradora acerca das características comúns e específicas desas diversas áreas e materias nas que o alumnado se ven formando.
A inclusión desta optativa no 2º curso tanto para a modalidade de Ciencias da Natureza e da Saúde como para a modalidade de Tecnoloxía ten unha doble finalidade: por unha parte os contidos de análise e clasificación das disciplinas científicas e tecnolóxicas orientarán ó alumnado sobre as futuras opcións que podan escoller, e por outra, os contidos metodolóxicos e críticos ampliarán e reforzarán a preparación do alumnado para a realización de estudios posteriores (universitarios ou de formación profesional) de carácter científico ou tecnolóxico.
Introducción ás Ciencias Políticas e Socioloxía (optativa 2º BAC)
A configuración do noso contorno social e político é o fundamento da nosa reflexión, xa que o comportamento individual e grupal supón unha autonomía e madurez persoal que comeza coa maioría de idade.
Esta materia constitúe o afianzamento dos contidos teóricos traballados na Ética e Filosofía do Dereito, así como unha integración significativa de diversos coñecementos adquiridos noutras disciplinas, o que potencia un tratamento formal e abstracto dos contidos en concordancia coa madurez psicolóxica e intelectual do alumnado.
Para rematar, a inclusión desta optativa no último curso do Bacharelato responde a unha finalidade introductoria e preparatoria para o estudio non só das Ciencias Políticas e as Ciencias Sociolóxicas, senón tamén para as Ciencias Económicas, Xurídicas, Históricas e Humanas en xeral.