páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

O MOSTEIRO DE CAMANZO

A igrexa de San Salvador de Camanzo é unha xoia do Románico e quizais un dos monumentos máis importantes do noso concello. Actualmente do mosteiro so se conserva a arquería da sala capitular e a igrexa con algúns cambios.

San Salvador de Camanzo é o recordo do antigo mosteiro benedictino fundado no século X polo conde Don Gonzalo e a súa muller Dª Teresa. Nun principio foi un mosteiro de monxes e pasou a ser de monxas benedictinas. No ano 1115 foi doado á igrexa compostelana pola raíña Dª Urraca. Esta deixará no seu testamento vaias mandas a favor dos monxes do mosteiro de Camanzo. Finalmente en 1516 deixará de ser comunidade de monxes e incorpórase a San Paio de Antealtares. A igrexa debeuse construir aproveitando o período de esplendor do mosteiro, que coincide co remate do de Carboeiro.

A igrexa de planta primitiva basilical consta de tres naves e tres ábsidas semicirculares. A nave central é máis alta cas laterais, estas divididas en catro tramos e separadas por piares cruciformes. As naves están divididas por piares rectangulares con columnas adosadas nas frontes sobre as que descansan os arcos formeiros que aínda hoxe se conservan. Os arcos máis próximos á cabeceira son apuntados, o que indica unha reforma no Gótico. As bóvedas de cascarón nas naves laterais destacan máis ca cubrición de madeira. Os capiteis tanto das columnas das capillas da cabeceira como os dos arcos das naves son románicos e teñen unha ornamentación xeométrica e floral. Os arcos de ingreso ás capelas da cabeceira están formados por arquivoltas ornamentadas.

No exterior, as ábsidas presentan unha planta distinta á que teñen por dentro. Na central, a planta interior é rectangular e a externa é de ferradura. As ábsidas laterais, ó contrario da central, teñen no interior unha planta de ferradura e fóra aparece como semicircular.

A porta principal consta de doble arquivolta sobre columnas; a arquivolta exterior ten ornamentación floral. No tímpano hai un año esculpido e enmarcado por unha franxa floral en arco de ferradura. A porta románica do muro norte presenta arquivoltas peraltadas ornamentadas con arquiños superpostos en dúas columnas. Na porta sur a fachada foi refeita e consérvanse algúns elementos da portada antiga. Polo exterior nas ábsidas pódense contemplar ventás con formas de arcos de medio punto cegos.

Do mosteiro quedan algúns restos, como a arcada que pertenceu á sala capitular. Son arcos semicirculares sobre dúas columnas con ornamentación de follas e a arquivolta do arco presenta ornamentación de bólas.

Posiblemente no tímpano da porta principal figurara Cristo en actitude de bendecir, cun libro na man e rodeado de catro anxos. Podería ser a idea do Pantocrátor (Cristo en Maxestade) rodeado polo Tetramorfos (os catro evanxelistas). Parte de bóveda de canón sobre o presbiterio está cuberta por pinturas do século XVI.

O estado de todo o conxunto deixa bastante que desexar. A sala capitular é utilizada como almacén; a igrexa está nun estado lamentable e os frescos da ábsida central, aínda que nun principio non chaman a atención pola falta de luz, vense deteriorados. Quizais para que os frescos se viran mellor sería recomendable iluminalos cuns focos. Tamén poderíase despexar a sala capitular. Sería necesario un horario de visita e unha persoa que se ocupase de abrir a igrexa.

Accédese ó monumento pola estrada que vai de Ponte Ledesma a Vila de Cruces. Tomando un desvío á man esquerda cun cartel que pon “Igrexa” chégase ó lugar dos Tatos en Camanzo, onde está situado o mosteiro.

   

 
  Silvia Míguez Vilanova, Eva Saavedra Castro, Silvia Varela Ferreiro - 2º Bacharelato  
 
Ir a Investigacións sobre a comarca
 
     
índice de ciencias sociais | arriba
 
   
 
     
iescamballon@terra.es