ABAIXO
 
Cada
primeiro de maio (segundo a tradición cristiá a data chega ate o día 3) a
vexetación sae á rúa en forma de "maio", unha construcción de
diferentes formas feita con elementos vexetais en función da zona na que se
elabora e que pode ser enxebre ou artístico. Os "maios" xestáronse
para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posíbeis
ameazas naturais, coma os ratos, toupas... ou os sobrenaturais, as sempre
temidas meigas que cos seus poderes poden botar un "mal de ollo" á
colleita.
Aínda que os maios
comezaron sendo festas propiamente vexetais feitas con pequenas construccións,
co paso dos anos foron incorporando bailes e coplas con carácter satírico,
completando o sentido popular da festa.
A celebración hoxe
Metade tradición, metade
espectáculo, varias localidades de toda Galicia festexan esta peculiar
convocatoria no período que cómprente os últimos días de abril ou os
primeiros de maio (en función de cando coincida o domingo no calendario).
Desde finais do século
XIX e principios do XX as institucións potencian a celebración desta festa coa
creación de certames. En Ourense, a festa de exaltación da vexetación celébrase
desde 1909, e aínda que, segundo afirma o propio concelleiro de Cultura, José
Araújo, son "tradicións que nunca se perderon na cidade, aínda que manteñen
dúas variantes: unha de maios tradicionais, e outra dos artísticos, que
reproducen escenas cotiás ou edificios da cidade". Ademais, o Concello
insiste en recuperar esta tradición, por iso, durante o pasado mes de marzo
organizou, en colaboración con varias asociacións, un "Foro dos maios".
Unha serie de conferencias que recolleron opinións e teorías sobre o pasado,
presente e futuro dos maios que o concello acaba de editar acaba de editar
dentro da colección Auria baixo o título "Levántate, maio"
Un total de 25 maios
encheron a alameda ourensá, no que había réplicas en carriza da Ponte do
Milenio, do Carrabouxo, de igrexas, esculturas e situacións cotiás da cidade
ou da provincia. Non faltaron as asociacións culturais "Rabo de Galo"
e "As Eiroas", dous clásicos neste certame no que venceron a Asociación
de veciños da Rúa do Vinte e un e o Mouchiño, na categoría de maio artístico
adulto; os alumnos do colexio Padre Feijoo e o centro de ensino Guillelme Brown
na categoría de maio artístico infantil. Nos apartados maios enxebres gañaron
os veciños da Rúa do Vinte e un na categoría adulto e os alumnos do Colexio
Concepción Areal na edición infantil.
En Pontevedra dez maios
foron os encargados de engalanar a Praza da Ferraría. O vencedor foi o maio de
Cerponzóns que levou o premio especial (que é o máis importante do concurso).
Os maios de Pontevedra eran tradicionais, onde predominaba a habitual forma cónica.
En Poio víronse 7 maios e dous máis con forma de barco, outra das estructuras
tradicionais para este tipo de construccións. Os gañadores en Poio foron os
grupos "Pimpín" do Sartal, "Bouréante" de A Seca e o do
colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Isidora Riestra.
As orixes
Os historiadores non
conseguen pórse dacordo á hora de datar a da orixe dos maios. Hai quen a sitúa
no Paleolítico, momento no que xorden os cultos agrarios como hai quen a sitúa
no Neolítico, co nacemento da agricultura. O que si queda claro é que os maios
xurdiron sempre ligados ao medio agrícola e á necesidade de crear un ritual
para o crecemento das colleitas e da súa protección contra calquera tipo de
mal (ben unha peste, ben un "mal de ollo").
Os maios acompáñanse
habitualmente de coplas cun compoñente satírico que facían relevancia a
calquera feito social que acontecese no último ano. As coplas eran recitadas
por unha persoa desde dentro do propio maio, e a xente que estaba fóra
replicaba coas mesmas verbas. Coas coplas acontecía igual que coas formas e os
materiais de construcción dos propios maios, hai moitas estructuras, figuras e
variantes. O que si é igual en toda Galicia, é a relación que hai entre os
maios e os nenos, que son os protagonistas destas festas.
As variantes perdidas
Manuel Murguía e Alfredo
Vicente, máis tarde Xosé Filgueira Valverde, Emilio de Gregorio e Clodio González
Pérez estudaron a orixe e as diferentes manifestacións populares dos maios en
toda Galicia. Por iso, documentan moitas variacións hoxe completamente
perdidas. É o caso das "maias", grupos de neniñas que canta, bailan
e piden cunha compensacion a cambio (dábase en localidades como Betanzos ou
Ferrol). Houbo un tempo no que se ergueron árbores de maio, unha tradición que
consistía en cortar unha árbore do contorno e logo espetala no centro da aldea
ou vila, como trunfo da vexetación. E tamén se perdeu a celebración da Santa
Cruz o tres de maio, unha festa de carácter relixioso.
En varias localidades, con
diferentes formas, e distintas coplas, os protagonistas dos maios este ano foron
o Dona Letizia, o príncipe Felipe, Zapatero, Aznar, a guerra de Iraq e as
diferentes vicisitudes da política local.
 
No
Colexio “A Gándara”  como
ven sendo tradicional fíxose un maio que este ano foi unha tarta de flores que
representa o XXV Aniversario do Centro (Vintecinco anos Ensinando).
                                   
Ver Imaxes.
 
Maio
na praza España 3/05/2006

 
 
ARRIBA