Bertamiráns, 28 de maio de 2010  
  Recibimos a visita do Doutor Carracedo  
     
 

O día 26 de maio tivemos o grandísimo privilexio de recibir no noso Centro ao Doutor Carracedo, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, experto na investigación do ADN e xefe dun equipo formado por científicos de moitas nacionalidades diferentes, que é referencia a nivel mundial nas súas investigacións.
O doutor Carracedo conectou rapidamente cos nenos e nenas do terceiro ciclo de primaria, que en dous grandes grupos, tiveron a fortuna de ser receptores das súas palabras.
Adaptándose perfectamente ao nivel dos nosos alumnos, explicoulles o que era o ADN, e mesmo fixo coa axuda de colaboradores improvisados, un experimento no que, a partires de cousas que temos nas nosas casas, foi quen de extraer o ADN duns chícharos.
Ao alumnado encantáronlle as explicacións, o humor e a proximidade que amosou o doutor Carracedo.
Tamén lles contou que desde o seu laboratorio lévanse importantes investigacións que axudan á policía científica de moitos países a resolver casos de identificación de cadáveres, ou mesmo facilitar pistas para localizar delincuentes.
Na fase final das dúas charlas, o alumnado tivo ocasión de facer preguntas, sendo respostadas todas con inmensa paciencia polo noso invitado de luxo.
Segundo nos manifestou o propio doutor Carracedo resultoulle unha experiencia "moi divertida" xa que era a primeira vez que ía a un colexio de primaria.
Para todos nós foi unha enorme ledicia poder contar coa presenza dun científico galego (de Santa Comba) con tanta repercusión a nivel internacional e coa sorte engadida de que as charlas foron, en palabras do propio invitado "na lingua máis fermosa do mundo", que é a nosa galega.
Grazas doutor, e ogallá que sexa ata outra.