Iniciar sesión

Historia

Esta páxina ten nova dirección web:

http://www.edu.xunta.es/centros/ceipasolaina 

Recensión histórica do actual director.

"No colexio vés recibir educación, iso enténdese como un proceso de vida que involucra no só os coñecementos e habilidades, senón que ten que ver coa esencia da vida mesma, desexo que o Colexio A Solaina sexa a vida mesma, construirémola entre todos."

Benvidas/os, nenas/os, nais, pais, titoras/es, mestras/es e demais persoal.

Antón López Anca

Recensión histórica do primeiro director.

 

Este colexio de 24 unidades constrúese a unha velocidade de lóstrego, nun terreo excesivamente húmido que dará os seus problemas á hora de manter o patio de recreo en bo estado. Comezan as obras en xaneiro de 1980, con data prevista de finalización en setembro do mesmo ano e así iniciar o seu funcionamento no curso 1980-81. O atraso das obras leva a que non empece ata o día 1 de outubro, o que fai aparecer nos pais unhas expectativas de certa tensión e incerteza nos días previos ao seu comezo, pois hai que ter en conta que os rapaces procedentes do colexio do Feal xa non inician o curso neste centro, están na rúa esperando a que o novo colexio lles abra as súas portas.

Faino, como queda dito anteriormente, o día 1 de outubro e con unha matrícula de 519 alumnos e alumnas en 22 aulas e un cadro de persoal de 23 profesores e profesoras, dos que 4 proceden do Feal por segregación doutras tantas unidades que se incorporan á Solaina, dúas das escolas de Domirón, que conforman os 6 profesores definitivos e, os dezasete restantes son propietarios provisionais, cunha media global de idade por debaixo dos 35 anos. As previsións parece ser que eran comezar con 19 aulas e reservar 5 para o seguinte curso académico, pero o exceso de matrícula non o permiten.

Así comeza a andaina este novo centro cuns inicios cargados de certa precariedade:

  • Falta de mobiliario (encerados, mesas e cadeiras dunha aula de preescolar de 4 anos, mesas e cadeiras de biblioteca, mesas de profesor…).
  • Presenza de obras no edificio e no recinto, polo menos durante un mes, para rematar certos traballos, coas conseguintes molestias e ruídos.
  • Patio de recreo moi embarrado e con charcos na parte leste do edificio por non funcionar un sumidoiro alí existente.
  • Falta de calefacción en case todo o primeiro trimestre, etc.

Recordo como curiosidade que cando chegaron os encerados, a empresa subministradora entréganos 36 en lugar dos 25 con que estaba dotado o colexio. Colócanse todos e como había suficientes nalgunhas aulas de cursos inferiores puxéronse dous por aula. Pasado certo tempo, reclámansenos da Delegación os 11 encerados recibidos de máis, contestando que xa estaban fixados á parede, que habería que descravalos o que podería dar lugar a roturas que os faría inservibles. Poucos días despois notifícasenos que os deixásemos quedar.

En anos sucesivos o patio de recreo seguiu demostrando a súa abundante humidade e todo o recheo que se lle botaba pronto ia deixando asomar o barro.

A excesiva matrícula do macrocolexio do Feal vese resolta naquel co inicio deste novo centro, pero axiña se afoga en si mesmo, non absorbe a matrícula da súa propia zona, da que lle acababa de ceder o Feal. Así, o segundo ano de funcionamento houbo 123 solicitudes para primeiro cando as prazas abertas ou convocadas para este curso eran 25. Isto, como é lóxico, non contentaba a ninguén. Durante uns catro/cinco anos, tívose que utilizar a lei que regulaba a admisión de alumnado en centros públicos, dando incluso participación a ANPA ou Consello Escolar para verificar as baremacións das distintas solicitudes e a pureza no proceso de admisión de alumnos.

No terceiro ano de funcionamento chegouse a ter 832 alumnos e alumnas de matrícula, pois nos catro primeiros anos de funcionamento o exceso de solicitudes que non se podían admitir e a matrícula tan numerosa resultaba ser un problema , que se vai resolver co inicio de funcionamento do colexio da Gándara que lle recolle toda a poboación escolar que queda para o outro lado da Estrada de Castela, e dicir, para o lado da Gándara. Dende este momento e coincidindo tamén co baixón da natalidade, o problema do exceso de matrícula deixa de selo.

Os vinte e algo de anos que estivemos exercendo neste Centro moitos de nós (máis de media vida profesional), demostramos sobradamente que nos atopamos moi a gusto nel, pero o comentario máis xeneralizado é que  tódos os  anos o primeiro foi especial, marcou en nós un selo, unha maneira de ser e de funcionar o  centro no futuro, con un cadro de persoal moi novo disposto e voluntario en todo momento e para todo.Tanto se descargaba mobiliario en horas de recreo ou á saída da sesión de mañá (en máis dunha ocasión aparecían camións con mobiliario para o centro pendente de recibir e procedentes de calquera punto de España, sen traer persoal para descargar a mercadoría que transportaban), como se traballaba duro nas aulas repletas de matrícula. Neste labor tampouco receaba participar calquera outro membro da comunidade escolar que se atopaba presente nese momento. Aínda perdura no noso recordo aquel 29/30 de setembro de 1980, a desinteresada concorrencia dun formigueiro de xente (nais/pais, alumnado e profesorado) para subir o mobiliario existente ás distintas aulas e así poder empezar as clases ao día seguinte,día 1 de outubro.

Dende este recuncho e dentro deste curto recordatorio non podemos esquecer o noso agradecemento ao conserxe, tan eficiente e respectuoso con todos/as e que tan ben soubo participar na posta en marcha do centro, así como a todas aquelas persoas dos distintos sectores da comunidade educativa que, tanto a nivel individual como colectivo, colaboraron desinteresadamente no mellor funcionamento posible.Tamén, por outra banda, facémolo extensivo a todos/as os/as que non tiveron ocasión de axudar ou que téndoa, deixaron de facelo para non entorpecer o labor doutras persoas, pois non só é de sabios saber facer, senón saber deixar facer.

A todos os que tivemos responsabilidades na posta en funcionamento do centro, cólmanos de satisfacción ver que esa boa harmonía reinante entre o profesorado nos primeiros anos, mantívose nos seguintes, continúa manténdose e desexamos que , por ben do ensino, continua viva por moitos anos e se siga facendo extensiva a todos os sectores implicados no labor formativo da nosa xuventude.

Narón, 26 de maio de 2006

Ángel Paz Villares

 

Recensión do actual director. ( Antón López)

A fundación do colexio, coincide case co inicio da Democracia en España, polo que se empeza cunha situación nova no ensino. Foi don Ángel Paz quen comezou a andaina de dirixir o centro nos primeiros cursos, agrupándose as nenas/os do barrio e proximidades, que estaban nas unitarias da zona e no colexio do Feal.                                                                                                                           

Parabéns a don Ángel Paz, equipos directivos e a tódas/os mestras/es que nesta primeira década educaron a unha xeración de alumnos/as naroneses que, sen dúbida están  contribuíndo á proxección deste concello coa súa formación.                                                                                                 

Parabéns a don Xosé Cid, que continuou coa organización do centro xunto cos equipos directivos e profesorado, tamén vivindo cambios no só na educación, senón nos primeiros momentos de                afianzamento das institucións e traslados de competencias administrativas con respecto ao ensino.       Nos inicios da década dos noventa o centro foi dirixido durante un curso por don Celestino Prieto,        despois novamente don Xosé Cid, don Ángel Paz e máis eu formamos o equipo directivo. Tras esta      primeira parte de vida do colexio, e por circunstancias coxunturais asumín a dirección do Ceip A Solaina por nomeamentos administrativos e por procesos electorais nesta 2.ª metade de vida do centro.         

Antes de seguir con esta introducción, por suposto agradecerlles aos equipos directivos que me acompañaron e acompañan; así como a todo o profesorado pola colaboración, entrega e participación   do clima de bo ambiente que caracterizou o funcionamento do centro nos últimos tempos.                  

Dende a metade dos noventa ata hoxe en día creo que a función organizativa neste colexio, ao igual que noutros centros públicos, vén influída polas seguintes cuestións:                                                

  •    As reformas educativas que se foron desenvolvendo: EXB, LODE, LOXSE e agora a LOE.           
  •    Incremento da función administrativa ( bolsas, gratuidade, introducción da informática etc.)        
  •    Os efectos, si os houbera do descenso da natalidade dos anos 90. (non foi tanto no noso caso).
  •    As expectativas que teñen os pais na educación para os seus fillos e fillas na actualidade, e a      problemática que se xera ( falta de hábitos, problemas de disciplina, …).                                    
  •     Retos de transformación do centro.                                                                                    
  •     Outras …                                                                                                                         

 Como se poden ir afrontado estes feitos?

Non esquecer o que un se propón nos proxectos: seguir coas bases dun centro integrador, participativo, transmisor de valores cívicos, aberto á sociedade, capaz de resolver as capacidades do alumnado e amable na convivencia.                                                                                            

 Sendo unha das razóns máis importantes para min a progresiva mellora dos centros públicos polo que o centro debe ser competitivo, sobre todo cos privados. Manter sempre información aberta sobre as decisións a toda a comunidade.                                                                                                

Na cuestión de infraestructuras o colexio da Solaina debe seguir na liña destes últimos cursos:

  • Cubrición do patio interior que permite ter tempos de lecer que antes se facían nas clases e sobre todo desenvolvemento de actividades extraescolares.                                                               
  • Ascensor permite mellor a integración de alumnos con necesidades educativas especiais (NEE)    
  • Aula de informática deunos a oportunidade de introducir este recurso a mestres/as e sobre todo a alumnos/as dende hai dez anos.                                                                                             
  • Peche do patio de infantil de tres anos, antes acceso a laboratorio e pretecnoloxía, permítenos ter un lugar mais a disposición da comunidade.                                                                             
  • Mellora e nova colocación da iluminación.                                                                                 
  • Cambio de fontanería en todo o colexio.                                                                                 
  • Alicerzado e saneamento e cambio dos sanitarios.                                                                    
  • Pintado de todo o interior do colexio.                                                                                      
  • Habilitación dun servizo para alumnos con NEE., con auga quente.                                              
  • Construcción e posta en funcionamento dun invernadoiro e aula de natureza.                               
  • E outras moitas.                                                                                                                    

O único obxectivo que ten que prevalecer sempre é o ben facer pedagóxico co alumnado, meta de calquera docente.                                                                                                                 

Maio de 2006.

Antón López Anca, director do Centro

 

Distribuir contido

Back to top