Iniciar sesión

Proxecto 2009-2010

 

PROXECTO DE BIBLIOTECA ESCOLAR PARA O CURSO 2009-2010

1.DENOMINACIÓN


“Biblioteca activa”


2.XUSTIFICACIÓN

Ao  longo destes últimos anos, tal como podemos ler nas memorias presentadas, dende a  Biblioteca Escolar (BE) programáronse e realizáronse diferentes actividades para fomentar o hábito lector do noso alumnado: ampliación dos horarios para préstamo de libros, campañas de animación á lectura, charlas con autores, contacontos... Para levar a cabo estas actividades contamos coa colaboración dos/as titores/as e do profesorado encargados da biblioteca. Contamos tamén coa colaboración do Concello de Narón.
Segundo o establecido na Lei Orgánica 2 do 3 de maio de 2006, de educación (LOE), “a utilización dos recursos da Biblioteca Escolar supón un importante factor para o logro da competencia en comunicación lingüística, para aprender a aprender, a competencia no tratamento da información e a competencia cultural e artística”. Tamén se indica a obrigatoriedade de elaborar en todos os centros o Plan lector de centro e un Proxecto  de tecnoloxías da información e da Comunicación (TIC)
Con este proxecto pretendemos conseguir que o alumnado, pais e nais e profesorado se involucren dun xeito máis directo e conxunto co servizo da biblioteca.
.
É necesario a realización de diversas actividades lúdicas relacionadas coa lectura para que o alumnado sinta a biblioteca coma un espazo propio, no que poida desenvolver  a súas necesidades creativas.
Debemos darlle ao alumnado a facilidade de achegarse de diversas formas á lectura, mostrarlles diferentes camiños ata ela, camiños dinámicos e lúdicos... conseguindo así, con maior facilidade ,fomentar nel un achegamento ao mundo dos libros.
Desenvolver como actividade principal a de préstamo de libros, fai que esquezamos os múltiples beneficios, tanto académicos como persoais, que nos pode brindar este espazo.
Por outra banda, para permitir que a biblioteca se converta nun verdadeiro recurso e espazo de ensino-aprendizaxe debemos ter presentes aspectos como: cubrir as necesidades de todas as áreas e en diferentes formatos, ofertarlles aos mestres e mestras diferentes recursos, técnicas, actividades tipo… para aplicar na aula. Diferenciar tamén, os espazos de lectura formal e informal e,  baixo a nosa forma de entender a biblioteca, diferenciar tamén espazos de lectura en soporte impreso e espazos más propios da aprendizaxe a través de soportes audiovisuais.

3.ANÁLISE DA SITUACION DE PARTIDA DA BIBLIOTECA ESCOLAR E O SEU CONTEXTO

A biblioteca do centro está ao servizo do profesorado e doalumnado en horario de mañá e tarde. Pola mañá cada titor/a dispón dunha hora semanal para acudir á biblioteca co seu grupo de alumnos; para préstamos, consulta, lectura e realización de traballos todos os días á hora do recreo. Polas tardes de 16.30 h a 18.00 h agás os martes.
Durante o recreo a persoa que controla os préstamos é Fina García, profesora coordinadora da biblioteca durante este curso escolar.
Polas tardes as persoas encargadas desta función é o profesorado  de garda.
Durante o horario escolar realízanse actividades de animación á lectura, unha por trimestre, adaptadas aos diferentes niveis, programadas e realizadas polo profesorado que forman o grupo de traballo da BE
Para poder levar a cabo a programación destas actividades contamos coa colaboración de todo o profesorado do centro e un grupo de traballo estable, cun representante de cada ciclo, con  pouca  dispoñibilidade horaria e un coordinador/a do grupo.
Dende a biblioteca participamos tamén nas diferentes celebración e datas sinaladas no calendario escolar : Magosto, Samaín, Nadal, Antroido, Día do Libro,Día das  Letras galegas...
Os profesores que forman o grupo de traballo da BE son os encargados de orientar aos alumnos nas actividades, sendo os titores e titoras os que dirixen estas actividades.
Os fondos cos que contamos: ata o momento temos catalogados uns 2000 exemplares (tras realizar unha expurgación e recollida da maioría dos documentos radicados noutros espazos do centro). De todos estes fondos podemos dicir que arredor dun 70% son libros de ficción, literatura e clásicos sendo o 30% restante libros informativos (enciclopedias, dicionarios…).
Por outra banda, contamos cunha escasa cantidade de fondos en formato audiovisual pero que aínda non foron expurgados, catalogados e clasificados.
De toda esta colección detectamos a falta dun equilibrio entre áreas, pois apenas existe bibliografía para as especialidades (música, educación física…) así como tamén carecemos de material suficiente para o tratamento de contidos transversais nin adaptado ao alumno con necesidades educativas especiais.
A maioría do fondo documental existente está catalogado informáticamente, mediante o Programa Meiga.
Orzamento: contamos para a adquisición de fondos documentais coas dotacións extraordinarias achegadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria  da Xunta de Galicia e a dotación asignada na Programación Xeral Anual.
4.ANÁLISE DAS NECESIDADES DE RENOVACIÓN E ACTUALIZACIÓN DOS FONDOS DOCUMENTAIS.

Consideramos necesaria a renovación e, nalgúns casos, nova adquisición de material audiovisual e material informático relacionado cos temas que se imparten nas diferentes áreas e niveis sobre todo material de información.
Nova adquisición e renovación de aqueles libros que debido á súa demanda estean deteriorados polo uso.
Ampliación do material axeitado para o alumnado con necesidades educativas especiais (NEE), fomentando a integración de todo o alumnado do centro.
Aumentar o número de ordenadores para consulta do alumnado (só existen dous).
Mercar novos fondos para que a biblioteca sexa o motor das aprendizaxes, potenciar os fondos documentais non só en formato impreso senón tamén en formato audiovisual (pois hai unha menor cantidade/ variedade), sen esquecer da literatura infantil de calidade tanto en galego como en castelán .
A biblioteca debe ser fonte de información para as distintas áreas débense actualizar os materiais para as diferentes áreas: coñecemento do medio, matemáticas, educación física, artística, etc...
Para conseguir isto, o equipo da biblioteca elaborará un plan de adquisición de fondos documentais tendo en conta as necesidades dos distintos ciclos, establecendo prioridades dentro dunha actualización equilibrada do material.
5. OBXECTIVOS

Con este proxecto pretendemos que a programación e realización de actividades relacionadas coa a lectura e interpretación de todo tipo de textos, teñan como eixo central a BE, e así implicar dun xeito directo o fomento, os hábitos e o gusto pola lectura en todos os niveis e que a BE sexa un centro de recursos de información, de lectura e de aprendizaxe, dinamizadora das actividades educativas no centro.
OBXECTIVOS relacionados coa formación do alumnado-profesorado:
· Fomentar os hábitos de lectura dos nenos/as dun xeito lúdico e dinámico, espertando a súa imaxinación e creatividade para que cheguen a ser lectores expertos e gocen da lectura.
· Reforzar a adquisición de destrezas en canto a comprensión e expresión, tanto oral como escrita.
· Adquirir hábitos de convivencia e traballo en equipo: respecto aos compañeiros, e á diversidade, ás normas da biblioteca, coidado dos libros e mobiliario...
· Desenvolver un espírito crítico cara a sociedade e ao medio.
· Achegar o alumnado ao mundo da interpretación e das artes.
· Desenvolver formas de lectura, de todo tipo de textos, lectura silenciosa, lectura en grupo... creando ambientes e situacións agradables.
· Dinamizar o papel da biblioteca do centro.
· Conseguir que todo o alumnado do centro adquira as destrezas necesarias para acceder á información e utilizar todas as fontes documentais que lles permitan unha aprendizaxe autónoma en todas as áreas
· Deseñar estratexias e proxectos de animación á lectura para todos: mestres e alumnos..
· Fomentar a comunicación e coordinación entre todo o profesorado.
· Buscar a participación dos pais/nais nas actividades relacionadas coa lectura.
· Facer da biblioteca un lugar de intercambio de experiencias e coñecementos coa comunidade educativa.
· Coordinar, promover e participar na elaboración do lector do centro.
Obxectivos referentes ao funcionamento e organización:
● Mellorar o espazo da biblioteca para facer dela un lugar onde se chegue a aprender a aprender, mediante o seu uso nos procesos de ensino- aprendizaxe.
● Aumentar o mobiliario para facer unha biblioteca útil para o alumnado e de cara a organización/ distribución de espazos.
● Fomentar a utilización das TICS para buscar información, diferenciando un espazo propio na ludoteca e na biblioteca. Adquirir para tal feito máis equipos informáticos.
● Continuar coa catalogación e adquisición de novos fondos, atendendo ás necesidades detectadas.
● Promover a cooperación e coordinación cos equipos docentes e organismos externos ao centro, mediante a participación nos claustros e consellos escolares do responsable da biblioteca, como un membro máis.
● Integrar este proxecto de biblioteca nos diferentes documentos do centro, como forma de manter unha boa comunicación entre todo o centro. (PEC, PCC, PLC …).
6.TIPO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO

O funcionamento eficaz da BE supón unha axuda fundamental para o labor de todo o profesorado, sendo necesaria a colaboración de todo o Claustro para a súa existencia. Por iso, resulta imprescindible que haxa un equipo estable con suficiente dispoñibilidade horaria para elaborar unha programación de actividades e executala.
O responsable da BE será nomeado/a a principios de curso pola dirección a proposta do equipo de Biblioteca.
O equipo deberá estar formado polo menos por un representante de cada equipo de ciclo.
Funcións do/a coordinador/a:
Ø Elaborar o proxecto anual da biblioteca e a memoria final.
Ø Colaborar e coordinar a elaboración e posta en práctica do proxecto lector do centro.
Ø Realizar o tratamento técnico dos fondos.
Ø Coordinar o equipo da biblioteca.
Ø Informar ao claustro das actividades propostas polo equipo.
Ø Definir os criterios para os préstamos e atender ao servicio xunto co equipo de apoio.
Funcións do equipo de apoio
Ø Apoiar o responsable da biblioteca na organización e dinamización desta.
Ø Recompilar informacións, materiais e todos os recursos necesarios para un bo funcionamento da BE.
Ø Cooperar na organización e programación das actividades levadas a cabo.
Ø Establecer criterios para a adquisición dos fondos da biblioteca .
Ø Recoller propostas e suxestións do profesorado e alumnado.
7. ACTUACIONS POR TRIMESTRE

Primeiro trimestre: as actividades desenvolvidas durante este trimestre estarán dirixidas á formación de usuarios/as:
· Como se debe utilizar a biblioteca.
· Colocación do material.
· Normas.
· Coñecemento de adquisición de destrezas de busca e uso da información.
· Motivación para a utilización dos fondos da biblioteca para a aprendizaxe formal e informal.
· Adquisición de coñecementos sobre a biblioteca e as súas funcións: servizos que ofertamos, como consulta, Internet ...
Segundo trimestre: achegar os nenos á lectura de todo tipo de textos como fonte de enriquecemento persoal.
· Lectura e escenificación de contos.
· Actividades de expresión oral e escrita: poesía, refráns, adiviñas ...
· Busca de información sobre autores.
· Manexo do xornal na biblioteca.
Terceiro trimestre:
· Reflexión e comentario dos libros lidos.
· Inventar finais novos.
· Intercambiar personaxes.

Estas actividades serán realizadas polo equipo de biblioteca, contando sempre co apoio dos profesores titores. Formularanse sempre de xeito lúdico e adaptadas ás diferentes idades. Contarase cos/coas mestres/as de apoio a NEE para integralos na dinámica do grupo. Na programación anual da biblioteca figuran desenvolvidas ditas actividades.

Ao longo de todo o curso realizaranse actividades relacionadas coas diferentes conmemoracións. O equipo da biblioteca será o encargado de transmitir, elaborar, ambientar e presentar diferentes actividades relacionadas coa conmemoración e os/as titores/as e  os/as encargados/as de realizalas.
Festas e conmemoracións: Magosto-Samaín, Día da Paz, Entroido, Semana da Prensa, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Maios.
Ao longo de todo o curso aproveitaremos todas as oportunidades que nos brinde o concello ou calquera outra entidade para desenvolver actividades de animación á lectura. Encontro con autores, ilustradores, conta contos, xornalistas...
No desenvolvemento de todas estas actividades, utilizaranse todos os  fondos e recursos dispoñibles na biblioteca: soportes audivisuais, das novas tecnoloxías, material impreso....
Outras actividades
· Continuarase coa catalogación e arquivo de libros
· Informatización dos préstamos: poñer en vigor o uso do carné da biblioteca para poder levar a cabo o empréstito e devolución de exemplares.
· Mellora dos sistemas de información nos espazos do centro: andares, sala de mestres; empregando taboleiros atractivos e claros.
· Elaborar diferentes documentos informativos para o profesorado: pautas de traballo sobre a lectura, animación, posibilidades de traballo....
· Elaborar listaxes de libros de lecturas recomendados.
· Exposicións temáticas.
-Proxecto lector do centro. Fomento da lectura
No vindeiro curso, coa finalidade de fomentar ao hábito da lectura, iniciaremos o desenvolvemento do proxecto lector.
As liíneas básicas de actuación que teñen como fin a adquisición do hábito lector versarán sobre os seguintes obxectivos:
· Desenvolver a competencia lectora
· Favorecer a competencia literaria
· Educar no uso crítico da información
· Fomentar o hábito da lectura
· Apoiar a adquisición das competencias básicas
Este proxecto lector será elaborado por todo o profesorado do centro e coordinado dende a Biblioteca Escolar.
Na procura de fondos documentais, a equipa da biblioteca ofertaralle ao Claustro todos aqueles medios cos que conta.
Establecerase para o próximo curso un tempo diario á lectura estimando este en media sesión, quedando pendente a súa localización segundo o horario de comezo de curso.
Continuarase coa utilización da biblioteca por parte dos/as titores/as acudindo a hora semanal co seu alumnado, tal e como se vén realizando.
As bibliotecas de aula entenderanse como seccións da biblioteca do centro e servirán de apoio ao proxecto lector.
-Apoio ao estudo ou outras actividades desde a biblioteca para a compensación das desigualdades.
· Analizar programas de libros axeitados para os alumnos con NEE.
· Facilitar programas, recursos e materiais para traballar con alumnos con NEE.
· Estimular a linguaxe oral e corrixir as dificultades existentes.
· Desenvolver a capacidade de comprensión e expresión.
· Reforzar a adquisición de destrezas de comprensión lectora e expresión escrita.
· Conseguir que o alumnado que presenta desigualades sociais adquira as destezas necesarias para localizar e utilizar as fontes documentais que lle permita a aprendizaxe autónoma de toda as áreas do currículo a e tamén o seu propio divertimento.
· Posibilitar que os  nenos de familias con escasos recursos económicos teñan acceso dende a biblioteca aos libros e ás novas tecnoloxías informáticas (Internet, ofimática...)
Fomento da lectura
· Desenvolver actitudes favorables á lectura mediante a creación de ambientes lectores.
· Descubrir o pracer pola lectura.
· Facer dos noso alumnado lectores competentes.
· Acadar o hábito lector do noso alumnado
· Achegarlles aos nosos lectores á interpretación de distintos textos escritos en diferentes soportes: xornais, libros, ordenador...
· Non só facer que o alumnado sintan gusto e afección pola lectura se non que non se afasten dela a medida que van medrando.
· Defender o seu dereito a ler calquera tipo de libros que lles produza pracer e lles resulten divertidos.
· Valorar a utilidade que nos pode aportar a lectura.
8. HORARIO PREVISTO

A biblioteca permanecerá aberta durante todo o curso lectivo, o seu horario será o mesmo que o do alumnado incluído o recreo. Para isto organizarase a súa apertura segundo a dispoñibilidade dos responsables e, distribución por aulas ou cursos. Durante o recreo os alumnos poderán facer uso da biblioteca para préstamo de libros, consultas, realización de traballos sendo un membro do equipo da biblioteca o encargado da súa supervisión.  Nas actividades extraescolares tamén estará aberta: dende as 16.30 h ata as 18.30 h. De luns a venres,excepto os martes,os encargados serán os/as mestres/as que teñan garda nese día.
Por outra banda, cada aula deberá ter no seu horario, unha hora semanal de biblioteca. Existirá a posibilidade de formular este tempo como forma de traballo conxunto entre diferentes aulas, ciclo…
COMISIÓN DA BIBLIOTECA NO CONSELLO ESCOLAR
Créase no seo do Consello Escolar unha comisión co fin de:
Analizar as necesidades da Biblioteca Escolar referidas á infraestrutura, equipamento, mantemento.. en horario extraescolar.
Xestionar a apertura da biblioteca en horario extraescolar para a realización de diferentes actividades relacionadas coa lectura.
Realizar propostas para a adquisición de fondos.
Realizar xestións con sectores culturais que podan colaborar co Bblioteca Escolar.
Colaborar nas actividades de sensibilización e dinamización cultural entre toda a comunidade escolar
9 .CRITERIOS E PROCEDEMENTOS DE AVALIACIÓN.

O equipo de biblioteca avaliará todas as actividades realizadas, así como unha reunión trimestral para avaliar:
- Nivel de formación adquirido polo profesorado e alumnado.
- Desenvolvemento dos/as lectores/as e os hábitos adquiridos.
- O nivel de coordinación do equipo entre si co resto do profesorado.
- O funcionamento de horarios e cumprimento destes.
- Valoración da utilización da biblioteca como fonte da aprendizaxe.
A medida que se desenvolva o proxecto levaranse a cabo as medidas oportunas para cambiar, propoñer, temporizar... para un mellor aproveitamento da biblioteca. Por iso entendemos este documento como algo flexible e dinámico.
Serán instrumentos de valoración:
- O número de empréstitos e outros datos obtidos a partir da base de datos do Programa Meiga.
- Enquisas ao profesorado e alumnado para coñecer o grao de satisfacción.
- Consecución dos obxectivos formulados de cara á organización mediante escalas de cotexo.
- Participación nas actividades formuladas e o nivel de demanda por parte do alumnado e profesorado.
Os/as  usuarios/as demandan a continuidade das actividades.
- O alumnado aporta novas  ideas de posibles actividades con total  protagonismo  dos mesmos.

Back to top