Iniciar sesión
Recensión histórica do primeiro director.

Este colexio de 24 unidades constrúese a unha velocidade de lóstrego, nun terreo excesivamente húmido que dará os seus problemas á hora de manter o patio de recreo en bo estado. Comezan as obras en xaneiro de 1980, con data prevista de finalización en setembro do mesmo ano e así iniciar o seu funcionamento no curso 1980-81. O atraso das obras leva a que non empece ata o día 1 de outubro, o que fai aparecer nos pais unhas expectativas de certa tensión e incerteza nos días previos ao seu comezo, pois hai que ter en conta que os rapaces procedentes do colexio do Feal xa non inician o curso neste centro, están na rúa esperando a que o novo colexio lles abra as súas portas.
Faino, como queda dito anteriormente, o día 1 de outubro e con unha matrícula de 519 alumnos e alumnas en 22 aulas e un cadro de persoal de 23 profesores e profesoras, dos que 4 proceden do Feal por segregación doutras tantas unidades que se incorporan á Solaina, dúas das escolas de Domirón, que conforman os 6 profesores definitivos e, os dezasete restantes son propietarios provisionais, cunha media global de idade por debaixo dos 35 anos. As previsións parece ser que eran comezar con 19 aulas e reservar 5 para o seguinte curso académico, pero o exceso de matrícula non o permiten.
Así comeza a andaina este novo centro cuns inicios cargados de certa precariedade:
- Falta de mobiliario (encerados, mesas e cadeiras dunha aula de preescolar de 4 anos, mesas e cadeiras de biblioteca, mesas de profesor…).
- Presenza de obras no edificio e no recinto, polo menos durante un mes, para rematar certos traballos, coas conseguintes molestias e ruídos.
- Patio de recreo moi embarrado e con charcos na parte leste do edificio por non funcionar un sumidoiro alí existente.
- Falta de calefacción en case todo o primeiro trimestre, etc.
Recordo como curiosidade que cando chegaron os encerados, a empresa subministradora entréganos 36 en lugar dos 25 con que estaba dotado o colexio. Colócanse todos e como había suficientes nalgunhas aulas de cursos inferiores puxéronse dous por aula. Pasado certo tempo, reclámansenos da Delegación os 11 encerados recibidos de máis, contestando que xa estaban fixados á parede, que habería que descravalos o que podería dar lugar a roturas que os faría inservibles. Poucos días despois notifícasenos que os deixásemos quedar.
En anos sucesivos o patio de recreo seguiu demostrando a súa abundante humidade e todo o recheo que se lle botaba pronto ia deixando asomar o barro.
A excesiva matrícula do macrocolexio do Feal vese resolta naquel co inicio deste novo centro, pero axiña se afoga en si mesmo, non absorbe a matrícula da súa propia zona, da que lle acababa de ceder o Feal. Así, o segundo ano de funcionamento houbo 123 solicitudes para primeiro cando as prazas abertas ou convocadas para este curso eran 25. Isto, como é lóxico, non contentaba a ninguén. Durante uns catro/cinco anos, tívose que utilizar a lei que regulaba a admisión de alumnado en centros públicos, dando incluso participación a ANPA ou Consello Escolar para verificar as baremacións das distintas solicitudes e a pureza no proceso de admisión de alumnos.
No terceiro ano de funcionamento chegouse a ter 832 alumnos e alumnas de matrícula, pois nos catro primeiros anos de funcionamento o exceso de solicitudes que non se podían admitir e a matrícula tan numerosa resultaba ser un problema , que se vai resolver co inicio de funcionamento do colexio da Gándara que lle recolle toda a poboación escolar que queda para o outro lado da Estrada de Castela, e dicir, para o lado da Gándara. Dende este momento e coincidindo tamén co baixón da natalidade, o problema do exceso de matrícula deixa de selo.
Os vinte e algo de anos que estivemos exercendo neste Centro moitos de nós (máis de media vida profesional), demostramos sobradamente que nos atopamos moi a gusto nel, pero o comentario máis xeneralizado é que tódos os anos o primeiro foi especial, marcou en nós un selo, unha maneira de ser e de funcionar o centro no futuro, con un cadro de persoal moi novo disposto e voluntario en todo momento e para todo.Tanto se descargaba mobiliario en horas de recreo ou á saída da sesión de mañá (en máis dunha ocasión aparecían camións con mobiliario para o centro pendente de recibir e procedentes de calquera punto de España, sen traer persoal para descargar a mercadoría que transportaban), como se traballaba duro nas aulas repletas de matrícula. Neste labor tampouco receaba participar calquera outro membro da comunidade escolar que se atopaba presente nese momento. Aínda perdura no noso recordo aquel 29/30 de setembro de 1980, a desinteresada concorrencia dun formigueiro de xente (nais/pais, alumnado e profesorado) para subir o mobiliario existente ás distintas aulas e así poder empezar as clases ao día seguinte,día 1 de outubro.
Dende este recuncho e dentro deste curto recordatorio non podemos esquecer o noso agradecemento ao conserxe, tan eficiente e respectuoso con todos/as e que tan ben soubo participar na posta en marcha do centro, así como a todas aquelas persoas dos distintos sectores da comunidade educativa que, tanto a nivel individual como colectivo, colaboraron desinteresadamente no mellor funcionamento posible.Tamén, por outra banda, facémolo extensivo a todos/as os/as que non tiveron ocasión de axudar ou que téndoa, deixaron de facelo para non entorpecer o labor doutras persoas, pois non só é de sabios saber facer, senón saber deixar facer.
A todos os que tivemos responsabilidades na posta en funcionamento do centro, cólmanos de satisfacción ver que esa boa harmonía reinante entre o profesorado nos primeiros anos, mantívose nos seguintes, continúa manténdose e desexamos que , por ben do ensino, continua viva por moitos anos e se siga facendo extensiva a todos os sectores implicados no labor formativo da nosa xuventude.
Narón, 26 de maio de 2006
Ángel Paz Villares
CEIP A Solaina