Iniciar sesión

Proxecto de Fomento do Uso do Galego - Curso 2008 · 2009

A Resolución do 5 de setembro do 2008 –Pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2008-2009- posibilita ao tempo que fai que haxa que elaborar un proxecto que se poñerá en práctica no actual curso académico.
O devandito proxecto integra no seu seo algunhas actividades e propostas que, iniciadas no 2007-2008, será necesario continuar no presente curso, e implicará a participación de  todo o profesorado e  alumnado do Centro.
A Lei de Normalización Lingüística (1983) di no seu artigo 13.2 “As autoridades educativas da comunidade autónoma de Galicia arbitrarán medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. Este artigo sérvenos para reflexionar sobre se nós coma mestres/as estamos elaborando medidas de promoción da lingua galega. Pero tamén é certo que a elaboración deste proxecto e a mesma reflexión sobre a nosa situación é un avance e pode aportar medidas que fagan que a lingua siga viva.

1.OBXECTIVOS:
No Plan Xeral para o Uso do Idioma e no Plan Específico para o Ensino en lingua galega, recollidos no Proxecto Curricular de Centro, e concretados para un ano académico, na Programación Xeral Anual (PXA) atopamos os seguintes obxectivos:

  • Xuntar esforzos  na procura da progresiva implantación do galego coma lingua habitual no Centro;
  • Mellorar as competencias e aptitudes lingüísticas dos diferentes membros da Comunidade Educativa.
  • Avanzar no coñecemento da realidade galega: historia, literatura, arte, folclore, etc.
  • Acadar unha valoración positiva  entre o noso alumnado e as súas familias sobre a  lingua e  a cultura propias de Galicia.
  • Potenciar a credibilidade e confianza nas posibilidades expresivas, de creatividade e comunicativas en lingua galega.
  • Empregar as novas tecnoloxías como recurso para o ensino e aprendizaxe da lingua galega.
  • Colaborar con outras institucións no desenvolvemento de accións tendentes a favorecer o coñecemento da lingua e da realidade galega.

O Equipo de Normalización e Dinamización  Lingüística do CEIP “A Solaina”, coa axuda e colaboración de tódolos outros membros do Claustro; en especial traballando conxuntamente co Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias,  proponse traballar intensamente para acadar  a consecución dos  obxectivos antes citados. Para isto temos o apoio do Claustro, para facer do galego lingua cotiá do noso alumnado e de nós mesmos.

2. MEDIDAS TENDENTES Á CONSECUCIÓN DOS OBXECTIVOS:
Para poder acadar os obxectivos antes enumerados é necesario que a priori establezamos unha serie de medidas que todos nós (pais/nais, profesores e alumnado) debemos respectar:

  1. Que o galego non quede relegado só ás áreas obrigatorias.
  2. Fomentar a lectura e escritura en galego.
  3. Pedir a colaboración das familias para que lles falen máis en galego aos nenos/as e lles destaquen a importancia da lingua.
  4. Espertar no alumnado a valoración  positiva da nosa cultura.
  5. Que os mestres/as teñan material de consulta axeitado para a súa capacitación e sexan sempre un exemplo, para os nenos/as.
  6. Que nas reunións e comunicados se use sempre a lingua galega, así coma noutras situación que xorden da vida cotiá.
  7. Conseguir material didáctico axeitado para promocionar o xogo en galego.
  8. Fomentar e poñer  en práctica  tarefas que se desenvolvan co emprego da lingua galega a nivel oral.
  9. Continuar a dar a coñecer e recuperar tradicións populares, buscando a implicación de toda a comunidade escolar.
  10. Facer un centro en galego e galego.
  11. Usar o galego na celebración de tódalas festividades e conmemoracións do centro: Magosto, Nadal, Entroido…
  12. Facer as festas e conmemoracións relacionadas co acervo cultural galego. Por exemplo, traballar unha visión galega do Entroido: cigarróns, peliqueiros….
  13. Coñecer/Ver o galego como unha lingua viva que evoluciona e se atopa na rúa, nos organismos oficiais, na literatura, na prensa….

3. BREVE ANÁLISE SOCIOLINGÜÍSTICA:
Atopamonos nun centro urbano, situado no barrio da Solaina, que pertence á parroquia de Santa Icía, no Concello de Narón.  A parroquia de Santa Icía conta con 6.293 habitantes e unha superficie de 1.75 km  cadrados.
A maioría das familias que aquí viven presentan un nivel sociocultural medio. Respecto á lingua galega temos o seguinte panorama:
Un profesorado capacitado para empregar de forma habitual o galego, xa sexa por ser a lingua nai dalgúns deles/as ou tamén por formación académica.
Un conxunto de pais e nais que son maioritariamente castelán falantes pero con actitudes favorables de cara á súa fala. Na súa maioría observamos un interese pola súa ensinanza e sobre todo polos costumes que se foron perdendo ao longo dos anos e que algúns avós e avoas aínda recordan de cando eran nenos/as.
O claustro deste centro está de acordo en traballar a prol do galego.
Como a actitude da Comunidade educativa é favorable, entendendo por actitude  “unha tendencia ou predisposición relativamente estable a actuar –neste caso favorablemente- con respecto a obxectivos e situacións sociais.
Deste xeito, estudando os grupos sociais poderemos configurar un mapa actitudinal de toda a poboación do centro.
Como as actitudes tenden a ser modificables, traballaremos sobre estas actitudes lingüísticas para intentar cambialas.
Para iso pasouse o curso pasado unha enquisa entre os nenos/as do 2º e 3º  ciclo de Educación primaria e os/as pais/nais dos/as nenos/as de Educación infantil e 1º ciclo de Educación primaria, de onde obtivemos datos de tódolos sectores involucrados.

4. ACTIVIDADES:
Ó longo deste curso académico 2008-2009 levaremos adiante –na medida que sexa posible- as seguintes actividades: (que vamos a explicar e clasificar de acordo a diferentes apartados)
4.a.-    Actividades para implicar á comunidade educativa:

  • Emprego da lingua galega en reunións con pais e nais, nos claustros, nos consellos escolares, e nas reunións dos distintos equipos de coordinación didáctica existentes no centro.
  • Continuarase a realizar o traballo de revisión e cambio da nomenclatura das distintas estancias do centro que aínda se conserven en castelán. Asegurarémonos de que todo estea en galego.
  • Seguir completando a páxina web do centro (en galego) e promover, a través de diferentes enlaces, a consulta doutras páxinas de interese.
  • Configurar tódolos computadores do centro para que o galego sexa o idioma predeterminado en todos eles.
  • Elaboraremos unha serie de modelos de comunicación que, como todos os que parten do equipo directivo xa se redactan sempre en galego, nos centraremos nos avisos e citacións que parten dos/as titores/as e os equipos de ciclo.

4.b.- Actividades para fomentar o uso oral e/ou escrito da lingua:

  • Actividades de animación á lectura preparadas polo equipo de mestres/as que se encarga do funcionamento da biblioteca do centro.
  • Recompilación de material –informático e/ou impreso que axude ao profesorado a traballar en galego.
  • Elaboración dunha revista anual (o primeiro nº publicouse o curso 2007-2008). Onde todos ou a meirande parte dos traballos terán como fío condutor un tema de importante significado para o centro e que será escollido polo claustro a proposta do equipo de normalización lingüística e o de actividades extraescolares e complementarias.
  • Continuaremos a facer un traballo de recolección/clasificación e nomenclatura en galego da flora do patio e do contorno do centro (Planificar cos Ciclos). Isto rematarase cunha presentación informatizada e impresa do traballo realizado que se poderá utilizar como recurso para traballar na aula.
  • Celebración do Día das Letras Galegas, para que os nenos/as coñezan a vida e obra do homenaxeado: Ramón Piñeiro.
  • Ampliación do dossier de xogos tradicionais. Estes xogos se levarán ao patio onde os nenos/as poderán xogar no seu tempo de lecer. Establecerase un lugar no patio para cada un e se irán rotando ao longo do curso. O último mes, xuño, deixaranse os que tivesen máis éxito entre o alumnado.
  • Organización da actividade “24 horas en galego”, xa prevista para o curso pasado e que debido ao número de actividades  do programa quedou para este curso. Esta actividade, acompañada dunha abundante publicidade na escola, consiste en animar ao profesorado e ao resto do persoal do centro a probaren usar o galego durante 24 horas como única lingua e reflexionar sobre a experiencia.
  • Organización dun concurso de fotografía “Galicia Viva”, entre os alumnos e alumnas do 3º ciclo de Educación Primaria, que pretende recoller imaxes que representen a realidade cultural presente e pasada de Galicia. As fotografías resultantes serán expostas no centro e poderase compartir a exposición con outros colexios que estean interesados.

4.c.- ACTIVIDADES PARA FOMENTAR AS COMPETENCIAS PASIVAS (recepción visual e auditiva):

  • Sesión de contacontos para os nenos/as de educación Infantil e Primeiro ciclo de Primaria.
  • Contacto con autores ou ilustradores de literatura galega adecuada á idade dos nenos e nenas do segundo e terceiro ciclo de primaria.
  • Proxección de películas e documentais que completen o currículo e nas que se empregue a lingua galega.

4.d.- ACTIVIDADES PARA FOMENTAR O GALEGO NO EMPREGO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS:

  • Emprego dos xogos interactivos existentes no portal da Xunta de Galicia.
  • Impulsaremos o uso das novas tecnoloxías promovendo a súa identificación co uso do galego. Para iso crearemos un blog  partindo das actividades da biblioteca.
  • Continuar coa adquisición de xogos interactivos.
  • Difusión entre o profesorado de xogos na rede ou programas informáticos para traballar en galego.

4.e.- ACTIVIDADES DE COLABORACIÓN CON OUTRAS INSTITUCIÓNS:

  • Participar no certame intercentros do Concello de Narón:
  • Como en anos anteriores, tódolos niveis educativos do centro participan neste certame nas súas diferentes modalidades: murais, cómics, contos, poesía, expresión oral,...
  • Acudir ás sesións de teatro en galego ofertadas polo Concello de Narón.
  • Participación nos obradoiros de recuperación de tradicións populares que no centro se levan a cabo contando coa colaboración do Concello de Narón: esfolla do millo, o Samaín, elaboración de carautas, de Maios, .....
  • Compartir coa asociación de veciños a recompilación da actividade “Flora do Centro” como un recurso e un fondo de investigación feito polos nenos e nenas.
  • Saídas culturais, coas que pretendemos que os nenos coñezan o contorno, así como que aumenten os seus coñecementos sobre os distintos aspectos que se traballan nelas.

4.f.- ACTIVIDADES DE COLABORACIÓN COS OUTROS CENTROS EDUCATIVOS:

  • Compartir –de ser posible- as fotografías da exposición “Galicia Vive”.
  • Acudir a outros centros educativos –pendente de confirmación- á sesión onde se expliquen os xogos ós que nós xogamos no patio de recreo, como forma de difusión do noso traballo de investigación.

Back to top