Contan
que nun lugar da estepa rusa, había unha velliña que vivía soa nunha cabana,
chamábanlle Babushka, que quere dicir avoíña.
Un día de Nadal saíu a recoller leña e, de volta a casa, logo de
prende-lo lume, quedou adurmiñada. De súpeto escoitou petar na porta. Abriuna
e viu tres homes vestidos coma os reis antigos. Eran máis vellos ca ela e tiñan
as barbas e o pelo brancos coma a neve e levaban nas mans un cofre de ouro con
pedras incrustadas.
Babushka preguntoulles quen eran e un dos vellos respondeu: somos tres
sabios de Oriente que imos de camiño a Belén de xudea para ofrecerlle estes
regalos ó Príncipe da Paz que acaba de nacer, e queremos que veñas con nos
para levarlle o teu regalo ó príncipe da Paz.
Babushka pensou ben o que lle dixeran e contestoulles que era moi vella
e que o camiño ata Belén era moi longo e igual morría nel, xa que o corpo
non lle daba para chegar a Belén e ademais era moi pobre e cos poucos aforros
que tiña non podía mercar nada digno dun príncipe.
|
 |
Os tres Reis marcharon con tristura e Babushka quedou matinando no moito
que lle gustaría ir ve-lo príncipe da Paz e no regalo que lle podería levar.
Despois de cavilar decidiu que o día seguinte marcharía tamén para Belén..
Á mañá seguinte Babushka saíu da súa casa cun queipo cheo de
xoguetes, bolas de cores, papel de prata, pasteis e caramelos. Despois de moito
camiñar decatouse de que non sabía cal era o camiño para Belén, nevaba
moito na Estepa e non quedaban pegadas dos Reis Magos. Preguntou por onde se ía
a Xudea e todos lle dicían: "Hai
que ir máis lonxe, Babushka, hai que ir máis lonxe".
Babushka non chegou a Belén e agora non se sabe moi ben por onde anda,
pero unha noite ó ano volve co seu queipo cargado de bolas de cores, xoguetes,
caramelos e pasteis e vai repartindo todo polas casas da Estepa. Espera que os
nenos estean durmidos, entra nas casas e vai deixando os xoguetes ó pé das
camas dos rapaces e rosma para ela: "Hai
que ir máis lonxe, Babushka, hai que ir máis lonxe".
|