PROCEDEMENTO PARA A ADMISIÓN DE ALUMNOS/AS

EN INFANTIL E PRIMARIA E SECUNDARIA

Reserva               Admisión               Matrícula

Escolarización mediante reserva de praza

¿Quen pode facer a reserva de praza?

A reserva de praza só a poden facer os alumnos e alumnas xa escolarizados que vaian continuar no mesmo centro.

¿Cando teño que facer a reserva de praza para o próximo curso?

Do 1 ó 10 de marzo tódolos alumnos e alumnas do centro poden solicitar a reserva de praza. As reservas axustaranse ó modelo oficial que normalmente xa llo entregan no propio colexio. Impreso anexo I da páxina 4.905 do DOG Nº 72 do 11 de abril de 2001.

¿Se fago a reserva teño que facer o proceso de admisión?

Non, a continuidade no centro non require un novo proceso de admisión, é suficiente a reserva solicitada. É necesario que actualice na secretaría  os datos persoais, enderezo, teléfono, etc. según vaian cambiando.

Se non fago a reserva ¿Que ocorre?

A non solicitude de reserva implica a escolarización mediante o proceso de admisión.

Reserva               Admisión               Matrícula

Escolarización mediante proceso de admisión

¿Quen ten que facer o proceso de admisión?

Todo o alumnado que vai por primeira vez ó centro, tanto de Educación Infantil, Primaria ou Secundaria. Así como aqueles que non fixeron a reserva de praza.

¿Como sei as prazas que hai no centro?

Antes do 16 de marzo o director fará público o número de postos escolares dispoñibles para o curso seguinte.

¿Cal é o prazo para presentar as solicitudes?

Do mércores 16 de marzo ó luns 18 de abril de 2005, ámbolos dous incuídos.

¿Como sei cal é o centro que corresponde á miña zona?

Preguntando na Inspección de Educación (rúa da Rosa 16, 981 59 62 00) ou no centro máis próximo, cada centro coñece a súa zona de influencia e cales son os outros centros próximos.

¿Onde recollo a solicitude?

En calquera centro ou fotocopiando o anexo II da páxina 4.906 do DOG Nº 72 do 11 de abril de 2001. Tamén neste enlace Impreso anexo II. As solicitudes axustaranse ó modelo oficial e presentaranse xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos académicos esixidos e con tódolos xustificantes dos criterios de baremación.

¿Onde se entrega a solicitude?

No centro que se solicita en primeiro lugar. Cada solicitante presentará unha única instancia, relacionando nela por orde de preferencia tódolos centros nos que solicita praza.

¿Podo presentar varias solicitudes en distintos centros?

Non, o artigo 10 da lei que regula o proceso de admisión di: No caso de que o alumno presente máis dunha solicitude, non se terá en conta ningunha delas, procedéndose á súa escolarización ó final do proceso. Do mesmo xeito se procederá coas solicitudes entregadas fóra de prazo.

¿Que outros documentos teño que entregar?

1. Solicitude en modelo oficial.

2. Certificación de empadroamento (Pídese no Concello de Santiago)

3. Fotocopia da Declaración da Renda ou Documento que acredite a contía da renda.

De ser o caso:

1. Certificado médico de minusvalidez.

2. Fotocopia do Título de Familia Numerosa.

¿É obrigatorio presentar os documentos coa solicitude?

Non. A presentación dos xustificantes dos criterios de baremación ten carácter voluntario. A non presentación dalgún deles suporá a renuncia explícita a ser baremado no criterio correspondente.

¿Se o meu fillo ou filla ten necesidades especiais que fago?

Presentar a solicitude no centro que lle corresponda. IMPORTANTE: Hai que ter en conta que cando alumnos/as con necesidades educativas especiais, en resposta ás súas necesidades, requiran dotación e equipamentos singulares de difícil xeneralización, A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo dos informes que estime oportunos, determinará o centro onde se escolarizarán preferentemente.

¿Quen adxudica as prazas?

O Consello Escolar adxudica os postos escolares vacantes ós alumnos e alumnas que o solicitaron atendendo ós documentos entregados conforme ós criterios de admisión.

¿Como sei se estou admitido/a?

A adxudicación das prazas farase pública antes do día 10 de maio e estarán expostas as listas no centro onde se realizou a solicitude, constando a relación de solicitantes coa totalidade de puntuación outorgada por epígrafes, no caso de que haxa máis solicitudes que prazas.

¿Como me inflúe non ser baremado nos documentos non presentados?

Se hai máis solicitudes que prazas dispoñibles, os/as alumnos/as con máis puntos serán admitidos/as. A puntuación determínase segundo os criterios de admisión. Polo tanto os xustificantes que non se entregan non suman puntos.

¿Que pasa se non entro no centro que solicito en primeiro lugar?

No caso de que o alumno/a non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, o director remitirá a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederá a escolariza-lo alumno/a, para  o que poderá constituír, nas localidades que crean convenientes, comisións de escolarización. Estas comisións terán como función: distribuír aqueles alumnos/as que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta as preferencias dos alumnos e os criterios de baremación.

¿Ocorre algo se presento a solicitude para un centro que non é da miña zona?

Os alumnos que soliciten e obteñan praza nun centro distinto ó que lles corresponda, segundo a distribución de zonas de influencia aprobada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, non terán dereito a ningún dos servicios complementarios establecidos con carácter gratuíto e sufragados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Por exemplo o transporte gratuíto ou o comedor.

Se non estou admitido, ¿Podo reclamar?

Si. Poderá presentar reclamación contra as resolucións de admisión, no prazo de tres días contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días.

Reserva               Admisión               Matrícula

Formalización da matrícula

¿Se estou admitido teño que facer algo máis?

Si hai que formalizar a matrícula. Os alumnos admitidos en cada centro, ben por reserva de praza, ben mediante o proceso de admisión deberán matricularse no centro onde foron admitidos.

¿Que teño que facer para formalizar a matrícula?

A formalización da matrícula farase no centro, mediante un impreso que facilitan no mesmo, e no que necesariamente conste a sinatura do pai, nai ou titor legal ordinario ou persoa que teña a garda e protección do alumno, que poderá ser deseñado por cada centro ou no seu defecto empregarase o impreso que figura na páxina 4.908 do DOG Nº 72 do 11 de abril de 2001.

Educación Infantil e Primaria Impreso anexo IV a)

Educación Secundaria Obrigatoria Impreso anexo IV b)

¿Onde e cando  formalizo a matrícula?

No propio colexio do 20 ó 30 de xuño. Para o alumnado de Infantil e Primaria.

No propio instituto do 25 de xuño ó 10 de xullo, para o alumnado de Secundaria, incluídos os alumnos e alumnas que pasan de primaria a secundaria.

IMPORTANTE: Transcorrido este prazo entenderase que o alumno/a non matriculado renuncia á praza.

¿Se teño unha causa xustificada, podo formalizar a matrícula fóra de prazo?

Os alumnos que, por causas debidamente xustificadas (traslado de localidade ou outras), non se matriculasen nos prazos fixados, presentarán a súa solicitude, xunto cos xustificantes correspondentes na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá segundo proceda, tendo en conta o informe da inspección.

Volver

Calendario de matrícula. Curso 2005-2006

Orde do 16 de marzo de 2001.  DOG Nº 72 do 11 de abril de 2001