aprende sociales

O PÁRAMO

      Concello  da  comarca  de Sarria  , situado no centro-L da comunidade   autónoma de Galicia e no  centro   da   provincia    de  Lugo . A  sua  posición   xeográfica  e   de   42º  49’ 30’’  latitude  N  e  7º 30’  40’’ lonxitude  O. Limita   ao  N co  concello  do  corgo   e co de  Guntin  ( comarca de  Lugo  )  ,  ao L  cos  de  Láncara   e Sarria   ( comarca de  Sarria )  ,ao S co de  Paradela  ( Sarria) e ao O cos  de Portomarín  e  Guntín(Lugo). Abrangue  unha  superfície de 75,7 km2 en  que  acolle   unha  poboación  de 1.907 h (2001) distribuidos nas parroquias de Adai, Friolfe, Gondrame, Grallás, Moscán, Neira, Piñeiro, Reascos, Ribas de Miño, A Ribeira, Saa, San Vicente de Gondrame, Santo André da Ribeira, A Torre, Vilafíz, Vilarmosteiro, Vilasante e Vileiriz. A capital está no lugar de Trebolle, parroquia da  Torre, localizada a 119 km de Santiago de Compostela e a 18 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo arciprestado de Páramo-Farnadeiros e á xurisdición do partido xudicial de Sarria.

 

XEOGRAFÍA FÍSICA
A simplicidade é a nota característica do relevo do Páramo, dominado polo macizo granítico do mesmo nome e os cursos dos ríos Miño e Neira . Distínguense tres áreas individualizadas. A primeira área está formada polas terras baixas dos ríos antes citados, no O e N do concello , que acadan altitudes entre os 350 e 450 m e orixinan amplas  veigas , en espacial nas parroquias de Reascos e Neira . Unha segunda área coincide cun territorio de transición, entre os 500 e 650 m , disposto a modo de estreita franxa con orientación NL-SO, onde destacan os montes Albaredo (584m) e Grallas (547m). Por último, o extremo SL do concello é a serra do Páramo propiamente dita , en que destacan as cotas do Páramo (876m) e Monte Maior(792m).O concello repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental , ao abeiro da influencia moderadora das masas de aire mariño . A temperatura media anual é de 10,8ºC, a media de xaneiro é de  4,6ºC, a de xullo de 17,7ºC e a amplitude térmica extrema chega aos 24,5ºC. A precipitación anual media é de 1.447mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 39% das precipitacións son recollidas no inverno , fronte ao 10%  do verán , mentres que quedan con valores medios a primavera (26%) eo outono (25%) .A rede hidrográfica verte totalmente ao Miño , que delimita o concello  no seu estremo oriental , e onde desemboca o río Neira que delimita polo N o territorio do Páramo . Da vexetación autóctona destacan os carballos ,mesturados coas terras de cultivo e pastos , así como as árbores de ribeira nos cursos fluviais . As masas de piñeiros  de repoboación e o mato están limitados ás terras da serra do Páramo.

 

REFERENCIAS HISTÓRICAS
As primeiras referencias documentais referidas ao concello data de 569 , ano en que se celebrou o Concello de Lugo, onde se definiron os límites dos 11 condados que formaban a diócese lucense . Daquela O Páramo recibía o nome de Paramienses. Consérvase a carta de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe(910) e un escrito de 1255 en que Afonso X o Sabio confirmava un privilexio polo que otorgaba estas terras en doazón á orde do Hospital. Durante o Antigo Réxime , as parroquias distribuíronse entre as xurisdicións de San Xoán de Portomarín , señorío da encomenda de Portomarín ,compartido nalgunha parroquia co conde de Amarante, o marqués de Bendaña e outros señores, e da Pobra de San Xulián señorío do conde de Lemos Tras a división municipal de 1835 estas dúas xurisdicións convertéronse en concellos. O Concello do Páramo creouse en 1840 pola reforma xudicial e municipal que decretou a Xunta de Goberno da provincia de Lugo. En 1845 a parroquia de Santa Cruz de Moscán pasou a integrarse na de Santa María Madanela de Moscán e en 1861 autorizouse o traslado da capitalidade do concello da parroquia de Piñeiro á da Torre.

 

PATRIMONIO CULTURAL
Son frecuentes os restos arqueolóxicos prerromanos, entre os que destacan os túmulos megalíticos en Santo André da Ribeira e os castros en Friolfe e Moscán. Da Idade Media consérvanse algunhas igrexas románicas, entre elas as de San Salvador de Vileiriz, Santa María de Gondrame ou Santa Eufemia de Vilarmosteiro. Tamén destacan as igrexas parroquiais de San Xoán  de Friolfe, Santo Estevo de Grallás e San Salvador de Vileiriz, e os pazos de Paredes(Saa) e de Vilafiz (Vilafiz). Anualmente celebra as feiras de primaveira ( o 10 de xuño é o día grande) e as feiras locais os días 10 e 25 de cada mes.

(Datos recollidos da Enciclopedia Galega Universal,Tomo 13,páx.238-239,coa autorizacion expresa IR INDO Edicións)

 

 

seguinte

o concello

 

parroquias

 

mapa

 

feiras