Tradición

Sabemos da importancia do traballo do coiro na nosa terra polos nomes que aínda perviven en moitas zonas. Foron moitos os pelamios en Galiza, aínda que agora tan só queden en Lalín, Noia e Allariz.
O curtido do coiro era un proceso moi longo. Comenzaba no lavadeiro, alí nunha pía remollaban os pelicos. Logo pasaban ó caleiro onde perdían parte do pelo. O resto retírabase no pelado (co coitelo de pelar). Logo de lavadas viña o escarnado (co coitelo de escarnar) no que abrían os poros e caía a raiz do pelo.
Despois viña a canina que era un tratamento con excrementos de can, de galiña ou de pombas, para que perdan o cal.
Despois deste tratamento, e do lavado, ven o labrado (co coitelo de labrar) para retira-lo cal. Rematado este virá o aprimado (co coitelo de aprimar) para lle retira-los restos de carne, pola cara interna da pel.
Logo doutro lavado virán os traballos da mudanza que comenzan polo graneu. Consiste en trata-las peles con tanino, obtido ó botar na auga casca do carballo ou da encina. O saíren espárranse (cos coitelos de esparrar) e logo engraxánse con aceite de sardiña. Virán aínda o secado, mazado e raspado. O último é o rematado.
Este proceso tan longo é agora moito máis sinxelo grazas ós productos químicos aínda que o coiro que resulta non se pode comparar co obtido destes procedementos tradicionais.

Nas proximidades dos pelamios con moita frecuencia asentábanse outros artesáns. Uns destes eran os zapateiros.
Aínda que agora tan só fagan reparacións, hai anos eran uns artesáns indispensables na vida das vilas.

No debuxo do libro de Xaquin Lorenzo "Os Oficios" aparecen as ferramentas utilizadas polos zapateiros.

Tamén os albardeiros estaban a carón dos pelamios para obte-la materia prima dos seus traballos. Aínda que estes usaban tamén outros materiais tales como a arpilleira, o ferro e a madeira. Tamén tiñan algunhas ferramentas especiais do seu oficio: a agulla de albardeiro, a tanaza de madeira e o dedal de manopla.
Foron moi necesarios cando a xente viaxaba a cabalo, non agora que este pasou a ser utilizado como un elemento de ocio e deporte.

Debuxo das ferramentas: Xaquin Lorenzo

Toda a información sobre o tratamento do coiro e os debuxos das ferramentas son recollidas do libro "Os Oficios" de Xaquín Lorenzo.

Para constancia desta tradición de traballa-lo coiro, quedan tamén ditos, cantigas e refráns.

O crego de Vigo é xastre;
O de Cangas, mariñeiro;
O de Ourense, afiador;
e o de Allariz, zapateiro.

Os zapateiros de Noia
valen pouco e van a menos
venden cento por un carto
como un prato de xurelos.

Eu ben vin estar o cuco
enriba do meu palleiro
coa subela na man
aprendendo a zapateiro.

Un zapateiro me quere
un xastre por min non vela
mariñeiriño ha de ser
quen ha de salir con ela.

Este cantariño novo
quen o trouxo a esta terra
os zapateiros de Noia
na punta dunha subela.

Costureira, pan na criba;
tecelana, no tear;
zapateiro, o pote cheo;
xastre, tixola no lar.

Se a nosa Cruña está probe
non é falta de diñeiro
que descubreuse unha mina
de xastres e zapateiros.

"Para adondar os coiros: os fornos e os lavadoiros."
"O zapato do amigo, moito pez e ben cosido"


Ou aquelóutro que din: "O oficio de albardeiro é meter palla e sacar diñeiro."

Volve ó índice
Volve ó índice