O viño

pisando as uvas

Antes de bota-lo viño nas cubas, hai que fregalas con pequenos feixes de xestas chamados chamizos.

Cando o viño comenza a ferver hai que vixialo e baixa-lo bagazo cun pao, xa que debido a fermentación acumúlase na parte superior.

A cuba hai que sellala con sebo, por riba da tapa, ou con barro ou cinza amasado con auga. Isto chámase barra-la cuba. Antes de que o viño remate a fervura faise a proba, isto é o viño doce.
cuba do viño

O redor de febreiro ou marzo trasfégase o viño. Esta operación consiste en sacalo das cubas en que ferve, e levalo para outras barricas limpas. Deixase o bagazo só, para máis adiante face-lo augardente e os licores.

O viño que se produce neste municipio de Ferreira de Pantón, coñécese como "Amandi". Podemos dicir que na denominación de orixe dos viños da Ribeira Sacra atopamos as seguintes subzonas: Chantada, Quiroga, Ribeiras do Miño e Ribeira do Sil-Ourense.


uvas negras
Case a totalidade dos viños responden a variedades de tinto como "Mencía" ou "Garnacha", mentras que "Albariño" e "Godello" son as principais variedades de branco.
As súas características son as de viños moi aromáticos e frescos.
uvas brancas

Da importancia dos viños, as uvas e a vendima na nosa terra, dan fe a cantidade de refráns e ditos populares que recollen toda a sabedoría dos devanceiros.

  • "Uva mollada pra viño non val nada".
  • "San Migueliño das uvas maduras, tarde me ves e pouco me duras".
  • "A auga de San Xoán leva o viño e tolle o pan".
  • "Cando a formiga traballa, viño na parra".
  • "Cáveme quen quixer e pódeme quen souper".
  • "Día de San Martiño proba o teu viño".
  • "Cava fondo e terás anada dabondo".
  • "O que cava e bima fará boa vendima".
  • "Quen en marzo non pode a súa viña, perde a vendima".
  • "Si queres coller bo viño pranta a viña cara o soliño".
  • "Polo Pilar os nabos na terra e o viño a envasar".
  • "Polo San Mateo vendima arreo".
  • "Por Santiago xa pinta o bago".
  • "Poda en xaneiro vendima no sombreiro".
  • "Poda curto e ara fondo, terás viño e pan dabondo".
  • "Se trona en xaneiro sube as cubas ó fumeiro".

E un consello final: "O que non ten casa, nin viña, nin leira, avecíñase onde queira".

Volve á Ribeira Sacra
Vai comproba-lo aprendido
Imos facer o encrucillado