o colexio   actividades
 
servizos
 
información
 
enlaces   taboleiro
   información
 
 

secretaría

titorías

horarios

calendario

libros de texto

apa

consello escolar



 

Avaliación Diagnóstica

Estimados pais e nais: O próximo día 21 de outubro, todos o alumnado que estaba en 4º de E. Primaria o pasado curso (actual alumnado de 5º e os/as que repiten 4º), ao igual que o resto do alumnado deste nivel educativo de toda Galicia, participarán nunhas probas deseñadas para medir o grao de adquisición das competencias básicas contempladas no currículo da E. Primaria, derivado da LOE (Lei Orgánica de Educación).

 

Que é a avaliación diagnóstica?

É un proceso de avaliación para a mellora dos centros, que mide o nivel de desenvolvemento das competencias básicas de cada un dos alumnos e alumnas escolarizados en 4º de E. Primaria e 2º de ESO. (Excepcionalmente, a correspondente ao curso pasado, celebrarase o día 21 de outubro) Esta avaliación realízase a través dun conxunto de probas e cuestionarios de contexto, comúns para todo o alumnado de Galicia, que serán aplicadas con criterios estandarizados en todos os centros sostidos con fondos públicos. Como resultado desta avaliación, cada centro escolar, o seu profesorado e as familias do alumnado, e en xeral todo o sistema educativo, poderá dispoñer dunha información suficientemente obxectiva sobre a súa situación, que deberá complementar cos seus propios datos internos, e posibilitará a posta en marcha de procesos de mellora.

Por que debe facerse esta avaliación?

A Lei Orgánica 2/2006 de 3 de maio, de Educación (LOE), regula as avaliacións de diagnóstico relativas á E. Primaria e á ESO: “Ao remate do 2º ciclo de E. Primaria e o 2º curso da ESO, todos os centros realizarán unha avaliación de diagnóstico das competencias básicas acadadas polos seus alumnos”

A Consellería de Educación e O.U. regulou o desenvolvemento da avaliación diagnóstica en Galicia coa súa propia normativa e así, na Orde do 16 de febreiro de 2009, recóllese: “A finalidade da avaliación de diagnóstico é contribuír a determinar o nivel de desenvolvemento das competencias básicas do alumnado, de cara a promover accións de mellora do sistema educativo. En consecuencia, a avaliación diagnóstica será formativa e orientadora para os centros e informativa para as familias e o conxunto da comunidade educativa. Así mesmo, carecerá de efectos académicos”.

Por que se fai en 4º de Primaria e en 2º da ESO?

Porque o carácter diagnóstico e formativo desta avaliación aconsella situala na metade de cada etapa obrigatoria de forma que os seus resultados e informacións poidan ser empregados para detectar problemas, adaptar os currículos ao proceso de ensino-aprendizaxe de cada centro e adoptar medidas de apoio a aqueles alumnos que se considere necesario.

Para que serven estas probas?

Para coñecer o grao de desenvolvemento das competencias básicas no alumnado e para que os centros organicen as medidas de reforzo que requira o seu alumnado. Para que a Administración Educativa adopte cantas medidas estime oportunas para mellorar o desenvolvemento das competencias básicas avaliadas e poida orientar a súa política educativa.

Que se vai a avaliar?

Neste curso avaliaranse as seguintes competencias básicas: lingüística e matemática.

Avaliarase se o alumnado é quen de aplicar o que aprenderon na clase para solucionar situacións e problemas da vida real.

O novo enfoque do ensino por competencias non lle resta importancia aos coñecementos (saber), pero é preciso “saber facer” e “querer facer”: as capacidades dos alumnos desenvólvense cando os coñecementos adquiridos son empregados para resolver as esixencias de cada situación.

A quen se vai avaliar e cando?

A avaliación de diagnóstico vai dirixida a todos os alumnos e alumnas de 4º de E.Primaria e de 2º de ESO no último trimestre de cada curso.

Excepcionalmente, a correspondente ao pasado curso celebrarase o mércores, 21 de outubro. As probas pasaranse a todos os alumnos que cursaron 4º no curso 08/09.

Como se vai a avaliar?

Os actuais titores de 5º aplicarán as probas, elaboradas pola Consellería de Educación para todos os centros de Galicia, e que están custodiadas no centro ata o día da proba.

Ao longo da mañá, avaliaranse as dúas competencias cun descanso entre ambas. Despois do recreo, pasarase o cuestionario do alumnado e levarán para a casa o cuestionario das familias, que deberá ser devolto antes do venres, día 23 de outubro.

A corrección das probas e a carga de datos na aplicación informática habilitada pola Xunta serán realizadas por outro profesorado do centro. Para a valoración global dos resultados teranse en conta as probas realizadas polo alumnado e o resultados dos cuestionarios de contexto: alumnos, familias e equipo docente.

Que relación existe entre esta avaliación diagnóstica e a que realiza habitualmente o profesorado?

As avaliacións habituais que fai o profesorado están referidas ao que se está dando na aula e teñen en conta as características de cada alumno. O profesorado, tendo en conta todas as informacións coas que conta pon as cualificacións de cada alumno.

A avaliación de diagnóstico realízase mediante probas estandarizadas e deseñadas pola Consellería de Educación e son comúns para todos os alumnos e alumnas de Galicia. Os resultados da avaliación de diagnóstico non terán valor académico, é dicir, non van incidir nas cualificacións nin nas promocións de ciclo.

Daranse a coñecer os resultados?

A Consellería de Educación fará público o resultado da avaliación de diagnóstico de Galicia, detallando a media global da Comunidade en cada unha das competencias avaliadas, xunto coa puntuación acadada polo centro así como en relación a outros centros das mesmas características socioeconómicas e culturais. Será o centro educativo o que informe ás familias do resultado destas probas. Como consecuencia da avaliación diagnóstica, os centros, a través dos seus órganos colexiados de goberno, realizarán unha reflexión interna tras a que se establecerán as accións de mellora pertinentes.

En definitiva, a avaliación diagnóstica persegue os seguintes obxectivos:

  • Obter información sobre as competencias curriculares acadadas polo alumnado nas áreas avaliadas.

  • Analizar os resultados para mellorar a calidade do ensino.

  • Proporcionar a cada centro información do rendemento dos seus alumnos e alumnas nas materias avaliadas.

  • Establecer comparacións ao longo do tempo para determinar como e en qué dirección se produce a evolución dos resultados de cada centro.

 

 

 

 
 
     
© 2009 CEIP Sofía Casanova . Vilaboa . Culleredo