|
Conscientes de que a nosa primeira aspiración é fomentar a
educación integral dos nenos e das nenas as en tódalas súas facetas
e ó traveso da propia creatividade e autonomía dos mesmos
consideramos prioritario establecer os seguintes principios básicos
que rexen a vida educativa do Centro:
- Concepción do noso centro como escola pública, entendida como
servicio en favor do desenvolvemento dos cidadáns, coa finalidade
de promover o progreso social e a igualdade de oportunidades
educativas.
- Pluralismo e valores democráticos: dando cabida a tódalas
interpretacións e fomentando no alumnado hábitos de respecto,
cooperación, entendemento e defensa da liberdade en tódalas súas
facetas.
- Respecto das diferencias e aposta pola integración como fonte
de riqueza social e cultural. Fomento das capacidades individuais
máis características; tentando conseguir unha educación
individualizada que estimule as capacidades propias e máis
senlleiras de cada alumno e alumna, fomentando e satisfacendo as
súas necesidades máis específicas. Evitar caer en actitudes
homoxeneizantes que non permiten o desenvolvemento integral e
individualizado e que impidan a reproducción das diferencias que
por mor do desfavorecemento sociocultural existen.
- Aconfesionalidade: derivada do carácter de centro público e do
respecto absoluto a tódalas crenzas, evitando a defensa de
posturas particulares e defendendo un concepto humanista da
educación.
- Sentido Integral da Educación: Concibida esta non só como mera
transmisión de conceptos e técnicas instrumentais, senón que
abrangue tamén de maneira destacada, a formación en valores como a
curiosidade pola vida, pola reflexión e o espírito crítico, o
desenvolvemento de estratexias de pensamento e aprendizaxe e
adquisición por parte do alumnado do patrimonio cultural ó que
pertence.
- Dereitos do Individuo: baixo a premisa de respecto absoluto ós
dereitos básicos do individuo e da súa axeitada integración na
comunidade. Dentro deste eido consideramos unha obriga o
coñecemento e respecto dos dereitos do Neno evitando todo tipo de
conducta que implique a humillación e menoscabo físico e
psicolóxico do neno e velando sempre porque os nosos alumnos se
desenvolvan dentro dun marco afectivo e emocionalmente
equilibrado.
- Coeducación e concepción non sexista: aceptando e aprendendo a
valorar aquilo que nos fai distintos e que, ó traveso dese
coñecemento, nos axuda a ser iguais e respectuosos no marco da
igualdade, incluíndo actitudes positivas e evitando os
estereotipos de xénero.
- Educación para a paz e a non violencia, rexeitando calquera
tipo de actitude que leve implícita xeitos de conducta agresivos,
e recoñecendo que a diversidade de pensamento, intereses, crenzas,
culturas e linguas aporta riqueza de valores que merecen ser
respectados, valorados, integrados e aceptados.
- Respecto ó Medio Ambiente como eixe primordial da correcta
integración do individuo no seu contorno, aprendéndoo á respectar
e coidar.
- Aposta pola promoción e recuperación da cultura e da lingua
propia de Galicia como elemento que nos sitúa dentro do contorno
da cultura universal.
|