Este blog pretende darvos a coñecer información relacionada co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e ligazóns de interese en galego. Intentamos poñelo a andar neste mes de xuño para ir ampliando os contidos no vindeiro curso académico. Desexamos que sirva de vínculo entre o centro e o contorno no que nos atopamos (alumnado, familias, mestres, outros centros, asociacións, ...), xa que a noso obxectivo non é outro que facilitar ferramentas que permitan o coñecemento do idioma e o seu uso no ámbito social.
Para comezar, colgamos a revista escolar en formato dixital. Neste 2009 "XOANIÑA" cumpre 10 anos. Dende aquí queremos dar grazas tanto ás mestras, sen as que este proxecto non sería posible, como ás familias que colaboraron con entusiasmo en cada actividade que se lles propuxo.
Hai moitísimas páxinas interesantes na web para os máis cativos. Seleccionamos unhas cantas para que no verán os pequerrechos (e tamén os maiores) da casa pasen un intre entretido:
Cando o alumnado de Infantil chega ao 3º nivel, moitas familias amosan preocupación pola aprendizaxe da lectoescritura. Existen moitos libros e métodos sobre este proceso e as titoras, por moito que lles pese, acaban por ser as que elixen o que mellor se adapta á súa aula e ás necesidades do grupo. A seguinte ligazón dá uns breves trazos sobre o CONSTRUCTIVISMO, porque xa se sabe: "sobre gustos non hai nada escrito".
Dámosvos, agora, o enderezo dunha páxina que pode vir ben se tendes amigos estranxeiros que queiran perfeccionar o galego e o castelán na nosa comunidade. A Paralaia é unha escola ubicada en Coruña, que ofrece un amplio abano de posibilidades. Para curiosos que queiran coñecer un pouco máis sobre as nosas tradicións. Atoparédela tamén en Facebook.
Aínda que os xogos tradicionais chegaron a nós, descoñecemos moitos deles pois nos se transmitiron de pais a fillos. Se queredes recuperar lembranzas da infancia ou ensinar novos xogos aos vosos cativos, consultade Galicia encantada.
Coa chegada das vacacións, os libros convírtense neses amigos inseparables que nos acompañan ao longo da xornada. A miúdo deixamos correr a imaxinación polos parágrafos que, pouco a pouco, perfilan o argumento dunha historia. Agasallar aos nenos e nenas cun bo exemplar fará con que se aproximen e gocen da lectura dun xeito natural e lúdico. Unha boa mostra de títulos ofréceos Blix.