A forma das nubes.Claudia Alonso

De Wiki Aller

"A forma das nubes" de María López Sández.

A novela empeza falando de C., unha rapaza de 13 anos. Esta embarca a esa idade nun cruceiro coa súa nai, o seu pai e co seu irmán O. Pouco despois de embarcar, a rapaza descubriría que ía compartir cruceiro coa súa actriz favorita e proporíase achegar a ela tanto como lle fose posible. Tal oportunidade estaría pouco despois ao seu alcanza, cando o capitán do barco anuncia que a actriz D. necesitaba un extra da idade e características de C. Esta non dubida en apuntarse e a asistir á proba, da cal saíu vitoriosa. Entre a novela, a protagonista fainos pequenas prolepses nas que nos adianta detalles como a morte da nai, ou que se dedicará á fotografía. A C. adulta ten ademais problemas psicolóxicos: non é capaz de amar, escolle homes que sabe que non lle custará perder e foxe daqueles que sabe que amará. A razón segundo ela foi a súa temperá aprendizaxe do desamor. Por outro lado, á idade de 35 decide que quere ter un fillo e para o conseguir ocórreselle que a mellor forma é buscar na inauguración dunha galería de arte a un home extranxeiro que nunca volvería ver para evitar problemas coa custodia. Por iso, cando se vai aquel home negro co que fai o amor, dálle número e dirección falsos. A filla que tería chamaríase Cloé. Volvendo ao asunto da nai, a protagonista vai contándonos como a mesma foi caendo pouco a pouco na loucura ata rematar, literalmente, devorada polos cans tras escapar do sanatorio onde a internaran. O pai morrería máis adiante logo de que a rapaza perdera a relación con el. Antes de todo isto, volvendo ao cruceiro, C. unha noite decide esconderse no camerino de D. Alí atópase con D. e un home e é neste instante cando todo o que sabe sobre o amor e a sexualidade cambia para ela: non era como o que dicían os poetas, era diferente. En canto á relación de D. e a rapaza, D. adoptouna no sentido figurado. A rapaza acabou sabendo o que lle gustaba e o que non e gardaba con receo todo o que lle dicía, razón de máis para que ao crecer fora quen de publicar un libro sobre a actriz. E foi esta a razón pola cal volvera ver a D. vinte anos despois, cando preparaba o libro. Cando C. xa tiña a pequena Cloé, a moza namórase sen podelo evitar. De feito, o seu namorado empezou a vivir con ela e, dous anos após disto, quixo ter un fillo con ela. C. accedeu e naquel Nadal soubo que estaba embarazada. Desgraciadamente, pouco despois a nai de R. (o seu namorado) morre. Dende entón R. empeza a distanciarse dela e nunha das viaxes de negocios do namorado, C. ten un aborto. O médico díxolle a C. que abortara por mor dunha enfermidade de transmisión sexual e entón ela dáse conta de que R. estivera con outras mulleres, rematando así a súa relación con R.


A novela consegue contar moitas cousas en moi poucas páxinas. Consegue mergullarte no mundo de C.: podes meterte na súa mente, no que pensa, no que sente. Está chea de referencias á moda, ao cine, á fotografía e á literatura. Quizais o que é máis confuso é a maneira na que che conta a tramos a súa vida, sen levar sempre unha orde cronolóxica dos feitos: comeza contando o seu cruceiro, mais logo adiántanos a morte da nai, da que case non se explicara aínda a situación nin o feito do psiquiátrico. Outro dato interesante é o significado do título: "A forma das nubes". Segundo ela, aqueles que buscan a forma que teñen as nubes non son tan felices como aqueles que simplemente deixan baleirar a mente cando as ven, porque se ao intentar que os outros vexan a forma que eles viron non a ven, isto cáusalles un enorme malestar. Porén, a novela semella ter un ton moi pesimista no canto do amor. Se ben pode ser certo que é moi realista non sempre podemos estar de acordo cunha visión tan crúa e negativa. Por outra parte, que acabe da maneira que acabou, contradicindo o anteriormente expresado, si que é de bo gusto e chama a atención: non remata da mesma forma que as típicas novelas, ao final ela queda de novo desamparada polo amor. Mais ás veces o libro require dun lector empírico capaz de entender a simboloxía dalgunhas das cousas que di, moitas cun bonito signidicado. En resumo, a novela é boa no seu conxunto pola maneira na que a autora reflicte a vida.

Ferramentas persoais