Nace
en Vegadeo (Asturias) o 28 de decembro de 1879, cultivando con éxito
a erudición. Así, aínda sendo moi novo, dende 1904
foi catedrático de "Língua e Literatura Española"
na Universidade de Santiago.
En 1929 foi elixido, xunto con Cabanillas, membro honorario da
Real Academia Española en representación das Letras Galegas.
Tamén hai que destacar que foi o primeiro presidente do "Seminario
de Estudios Gallegos".
Despois de residir 20 anos en Compostela, trasladouse a Madrid,
onde, en 1939, foi designado Catedrático da Universidade de Madrid.
Faleceu nesta cidade o 8 de decembro de 1950.
A súa contribución ao teatro galego foi moi importante,
xa que destacou como autor dramático, mostrando sobre os seus
contemporáneos unha gran superioridade técnica.
Aínda que integrado no teatro realista do seu tempo, a
psicoloxía dos seus personaxes mostra certa complexidade, concedendo
atención as figuras secundarias. Meditaba concienciudamente o
desenvolvemento da acción e intentaba non encher os escenarios
con personaxes carentes de substantividade persoal.
Algunhas das súas pezas son de temas labregos
ou mariñeiros e outras de tipo histórico. "Trebón" é unha sátira dramática, editada en 1922. Ao
ano seguinte apareceu unha comedia bilingüe: "Sinxebra",
que se desenvolve nun pazo. En 1924 publicou "Lubicán",
conto dramático de lobos e de amor. O drama mariñeiro
titulado "Beiramar" apareceu en 1931. Seguiulle "Mourenza",
de tipo dramático, feita no mesmo ano. A traxedia histórica "Hostia" sobre o suplicio de Prisciliano deuse a coñecer
en 1926. Publicou ademais, algúns cantos populares de Nadal,
o "Cancioneiro da agulla" e a novela case bilingüe "El
Pazo".
Parte do seu teatro foi representado por estudantes
da Universidade Galega, así "Trebón" e "Lubicán" estreáronse no Teatro Principal
de Santiago.

|