TITULARES

Actividades curso 2006-2007
Actividades 2005-2006
Actividades 2004-2005
Actividades 2003-2004
Actividades de Cursos anteriores
O ronsel do paroleiro nº 7 - xuño 07
O Ronsel do Paroleiro nº 6, xuño 06
O Ronsel do Paroleiro Nº 4, xuño 05

Volume 1
   
Volume 1, nº1 EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN-IES E CIFP DE FENE  

Xaneiro de 2007

 

 

 

 

Contido:

Saúdo inicial  

 Manifesto pola paz

Castelao                           

Boletín informativo

Saúdo inicial

Este boletín renace cunha intención de servizo, como unha ferramenta que quere contribuír a un proceso de normalización lingüística onde a nosa lingua non teña un uso ritual, onde o galego se converta no idioma cotiá, superando vellos prexuízos.

Entre os obxectivos que se marca este pequeno medio de comunicación está o de informar dos distintos eventos ou actividades relacionados cos nosos institutos, ofrecer noticias sobre diferentes temas: culturais, deportivos, sociais, etc... mais tamén queremos incluír pequenos comentarios lingüísticos e por suposto, intentar ofrecer contidos amenos, mesmo crear unha sección de humor.

Para conseguir todo o citado anteriormente, necesitamos da vosa colaboración, porque sodes vós, alumnos e profesores, os verdadeiros artífices desta obra. Temos que participar, deixar que flúa o río da creatividade, e compartir os produtos da nosa imaxinación, do noso esforzo e dos nosos desexos. Ilustracións, imaxes, poemas, contos, chismes, todo é necesario e todo é posible neste boletín. Só poñemos unha condición: transmitir as nosas intencións e impresións, na nosa lingua.

E para que vos animedes aínda máis, unha promesa: a través da nosa páxina web entraredes nas vidas dos cidadáns do mundo, os vosos artigos serán consultados por milleiros de persoas. Entrega xa ese traballiño que agochas na faltriqueira.

 

 

Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña.
 

 

 

 

 

 

Facemos un chamamento a todos para que manifesten pacificamente a súa adhesión á paz

.

 

 

Manifesto pola paz

Manifesto a favor da Vida, da Paz, e da Igualdade

Cada día morren 35,000 nenos de fame segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 2.800 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Non hai fondos para o tratamento da SIDA ... Pero os beneficios do complexo industrial bélico militar dirixen en boa medida a economía mundial. É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente.

En lugar de fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos, séguense explotando os recursos naturais de países progresivamente empobrecidos cuxa cidadanía vese forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade.

Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos - que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia - como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial. Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das brechas sociais e económicas.

¡NON Á POBREZA! Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal.

Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario.

É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino. Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir: ¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA.

Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflitos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos Dereitos Humanos.



É necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos .... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia. Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais ... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico.

Chegou tamén o momento das culturas e relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e amor ao próximo que lles é inherente, sitúense na vangarda do rescate da dignidade humana.

É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade. Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.

Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:

NON Á GUERA E Á VIOLENCIA.

SI Á PAZ E Á XUSTIZA.

Durante 24 horas, en todas as partes do mundo, manifestarémonos de viva voz ou a traveso dos medios de comunicación os vindeiros 10 e 11 de Decembro, en conmemoración da declaración Internacional dos Dereitos Humanos. Si acadamos avances progresivos, pronto poderá chegar a “mundialización da conciencia, a independencia real dos pobos.

Adolfo Pérez Esquivel, Nobel de la Paz, Argentina
Mario Soares. Ex Presidente de Portugal
Federico Mayor Zaragoza, Presidente Cutura de Paz, España
Pere Casadàliga, Obispo, Brasil
Danielle Mitterrand, Presidenta France Libertés, Francia
François Houtart, Teólogo, Bélgica
Montserrat Ponsa, periodista, Catalunya, España
Luís Eduardo Aute, cantautor, España
Arcadi Oliveras, Presidente Justicia i Pau, Catalunya, España
Ernesto Cardenal, Teólogo, Nicaragua
Marilia Guimaraes, Presidenta Comité Defensa de la Humanidad, Brasil
Handel Guayasamin, arquitecto Ecuador
Silvio Rodríguez, cantautor, Cuba
James Cockcroft, escritor. EEUU
Eliseu Climent, València
José Enrique González Ruiz, México
Giovanni Parapini, periodista, Roma
Marianna Masciolini, comunicación, Roma
Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz)
Elvira Souto Presedo, esculca
Carlos Martínez Carbonell
M. Carmen Durán Martínez

 

 

Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana

 

30 de xaneiro de 1886, nace Castelao

O ilustre e polifacético intelectual Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao é a figura máis relevante da Historia da Galiza do século XX. Naceu en 1886 en Rianxo e, con once anos, tería de sair da súa vila para coñecer de perto o mundo da emigración na Pampa arxentina. De regreso a Galiza, concluíu o Bacharelato e iniciou os estudos de Medicina (1903-1909). Nesta altura encontramos un Castelao mozo moi dinámico, participando nalgúns episodios teatrais, pintando caricaturas e asistindo á tertulia do Café Colón.
     En 1910 comezou a traballar como médico rural na súa vila, mergullándose na política local. Mais a profesión médica non conseguiu satisfacelo e unha crise de cegueira en 1914 precipitou o seu afastamento da Medicina. Pronunciou unha serie de conferencias como artista plástico. Concursou para entrar no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra e gañou en 1916 unha praza de funcionario. Desde o ano seguinte, alternaría o novo traballo co de profesor auxiliar de debuxo no Instituto Xeral e Técnico da cidade. Nesta altura Castelao é xa un artista recoñecido e o seu labor está centrado no mundo das artes plásticas: exposicións (estampas Nós) e conferencias ("Algo acerca da caricatura"). Mais tamén son anos de reflexión sobre as relacións entre a Arte e a Terra, reflexións que exporá na conferencia Arte e Galeguismo (1919) e que coallarán definitivamente despois da viaxe que, en 1921, realiza por Europa (Diarios de Arte). A partir deste momento, a plástica facilitará a entrada da literatura: Cousas da vida (1922), Cousas (1929), Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934). No ámbito persoal, sofre a perda do fillo e o agravamento da súa doenza ocular. Nestas circunstancias marchou para a Bretaña, onde comezou As cruces de pedra na Bretaña, dada a coñecer en 1930.
     Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, sumarase ao Castelao artista o Castelao político. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano 1931 Castelao contribuíu con numerosos mitins por todo o país á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Porén, en 1934 foi desterrado a Badaxoz, onde comezará a redixir o Sempre en Galiza. Por fin o rianxeiro regresa a Pontevedra. Convocadas eleccións en 1936, consegue o escano con maior número de sufraxios da provincia pontevedresa. Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que se reflicte nos álbums de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza, Milicianos), de grande difusión internacional.
     Símbolo do nacionalismo galego, desenvolveu unha actividade continua no exilio. Tras unha etapa de grande expectativa, iniciada co seu nomeamento en 1946 como ministro en representación dos partidos antifascistas galegos, entrou nun período de enorme desencanto que non superaría durante a súa permanencia en París en exercicio do novo cargo. Nos primeiros meses do ano 1949 detectóuselle un cancro no pulmón que o afastou da actividade pública. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Bos Aires.



 

 




Perlas na redeEquipo directivoCómo chegar ao IES de FENEPonte en contactoGalería de imaxes do IES de FENEBUSCADOREquipo web