RSS para
Artigos
Comentarios

Este traballo non ten límite de extensión e debe ser entregado como data límite antes do venres 17 de febreiro mediante envío ao blog.
O traballo debe desenvolverse a partir da lectura do texto seguinte. As dificultades de comprensión que se poidan suscitar, poden ser resoltas mediante consultas ao profesor, ben sexa directamente ou a través de comentarios ao blog.

AS NEUROCIENCIAS E O PROBLEMA MENTE - CORPO

A POSICIÓN DE DAMASIO
antonio_damasio.jpg
Antonio Damasio é un prestixioso neurocientífico estadounidense de orixe portuguesa. Partindo das achegas da neurociencia, Damasio rexeita a escisión entre “mundo mental” e “mundo físico”, presente en boa parte da tradición filosófica e que tería a súa orixe na falsa “intuición” de que os fenómenos mentais (a conciencia, o eu) constitúen unha realidade distinta e separada dos fenómenos físicos. Así, el identifica no cerebro a base física e corpórea de todos os fenómenos mentais e salienta a capacidade do sistema nervioso para comunicarse, a través de sinais químicas e neuronais, con calquera parte do corpo. Mediante esa comunicación, o cerebro ten a capacidade de transformar os estados corporais (a través de ordes dirixidas ao sistema muscular, por exemplo, pero tamén doutras ordes dirixidas a construír determinados estados emocionais) e tamén de simulalos. Todo isto explicaría que os fenómenos mentais (que inclúen a construción da conciencia persoal, o que Damasio chama a “identidade reflexiva” ou tamén o “eu autobiográfico”) non sexan simple resultado mecánico, por así dicir, de determinados estados da máquina corporal, senón que á súa vez estes fenómenos poden producir transformacións destoutros estados. Non hai, logo, separación entre mente e cerebro, entre “alma” e “corpo”. A mente é produto do cerebro, e este unha parte do corpo. Pero o corpo é á súa vez, en todo momento, influenciado polas construcións mentais.

O DUALISMO CARTESIANO
el-error-de-descartes-antonio-damasio.jpg descartes.jpg
René Descartes foi un filósofo francés do século XVII, considerado o “pai” da filosofía moderna e un dos principais representantes da concepción dualista entre alma (mente) e corpo. Un dos seus principais argumentos a favor desta tese pode resumirse así: Descartes anda na procura de algunha afirmación que poida superar toda dúbida (é o inicio do que el denomina “dúbida metódica”, a dúbida como método ou procedemento para acceder a unha verdade indiscutible). Desbota así as aparentes evidencias de orixe sensible (empíricas) porque se decata de que todas elas están sometidas a incerteza. Aplicando a dúbida hiperbólica (é dicir, levando a dúbida ata a máxima esaxeración), procede a considerar falsas todas as ideas derivadas da percepción sensible. Polo tanto, é falso que existan fóra da miña mente corpos cunha extensión, figura e movemento. Isto quere dicir, logo, que admito como falso que eu mesmo sexa un corpo. Obrígame iso a considerar que eu non son nada? En absoluto, posto que, por moito que dubide, non podo dubidar de que dubido e, se dubido, son, existo. Isto quere dicir, logo, que a miña existencia pode ser concibida á marxe da existencia do corpo; en consecuencia, conclúe Descartes, eu son algo máis que corpo (“res extensa”, algo material que ocupa un lugar no espazo), eu son pensamento (“res cogitans”, algo pensante). Deste modo, cre Descartes que queda probado que o pensamento ou espírito (a alma) é algo substancialmente distinto do corpo e que ademais a existencia do eu como pensamento é indubidable (non pode ser pensada sen contradición: pensar “eu penso que eu non son pensamento” é absurdo por contraditorio) mentres que, en cambio, a existencia do eu como corpo si é cuestionable (pode ser pensada como inexistente sen caer en contradición: pensar “eu penso que eu non son corpo” non é contraditorio).

A CRÍTICA DO REDUCIONISMO CIENTIFISTA POR JUAN ARANA

Na súa contribución ao libro colectivo Neurofilosofía. Perspectivas contemporáneas, Juan Arana admite que o dualismo substancialista cartesiano é discutible na medida en que se basea no concepto de “substancia” propio da tradición metafísica occidental (“substancia” é algo que existe en si, fronte ao “accidente” que existe noutro; así, por exemplo, Sócrates é un ser humano que constitúe unha substancia que existe por si mesma, mentres que alto ou baixo, sabio ou ignorante, son cualidades accidentais que para seren precisan ser na substancia Sócrates, ou noutra substancia análoga) que a filosofía contemporánea ten cuestionado (agora imos prescindir aquí das bases dese cuestionamento). Pero en cambio considera inadmisible que a partir dese cuestionamento se reduza o pensamento e, con el, o ser do suxeito pensante (o “eu”) a simples conexións neuronais por complexas que estas sexan. Rexeita así os intentos de facer unha neurofilosofía que sería a descrición mecánica dos procedementos físicos que rexen a actividade cerebral e, xa que logo, apenas un comentario dos resultados das neurociencias. Isto é o que se adoita chamar “reducionismo cientifista”, isto é, a pretensión de que a filosofía non pode aspirar a procurar respostas aos enigmas da existencia humana máis alá dos resultados que a ciencia proporciona. En relación coa cuestión da natureza do “eu”, do suxeito pensante, é reducionista pensar que as explicacións das neurociencias son suficientes para dar conta de toda a enorme complexidade dos comportamentos mentais conscientes e inconscientes. As neuronas non pensan, conclúe Arana citando a un autor que non nomea, logo a suma de neuronas tampouco poden dar lugar a pensamento (a suma de moitos ceros segue a ser cero). O pensar, logo, é algo máis que un gran número de neuronas conectadas.
neurociencias.jpg
A POLÉMICA ENTRE DENNETT E CHALMERS

Este debate (entre reducionismo cientifista e filósofos antirreducionistas) reprodúcese na discusión entre os filósofos estadounidenses Daniel C. Dennett (A conciencia explicada. Unha teoría interdisciplinar, 1991; Doces soños. Atrancos filosóficos para unha ciencia da conciencia, 2005) e David J. Chalmers (A mente consciente. Na procura dunha teoría fundamental, 1996), o primeiro “reducionista”, o segundo “antirreducionista”. Este último defende que a existencia da “conciencia” (o “eu”) é algo intuitivo, isto é, inmediato e indubidable (no que segue a Descartes, e era algo que tamén reivindicaba Arana) e que os intentos reducionistas de explicala mediante as neurociencias cometen o erro de reducir os fenómenos mentais á “mente psicolóxica”, sen decatarse de que tamén existe a “mente fenoménica”. Así, mentres que a primeira pode ser explicada cientificamente, por medio de leis físico – químicas, a segunda non. Exemplo de estados fenoménicos son os “qualia”, isto é, as experiencias suxeitivas de determinadas cualidades que non poden ser explicadas sen reducionismo ás relacións causa – efecto que explican as ciencias. En consecuencia, isto obriga a recuperar o dualismo mente – corpo (actualización do vello dualismo substancialista cartesiano). Para probar que isto é así, Chalmers propón varios “experimentos mentais” (experimentos imaxinarios, concibibles mentalmente aínda que imposibles de aplicar na realidade física) dos que seleccionaremos dous. O primeiro é o da existencia dun mundo paralelo de zombis e di, en síntese, así: nada nos impide concibir un mundo paralelo ao noso onde existirían individuos exactamente idénticos a nós, coa mesmo estrutura corpórea incluída a mesma complexidade cerebral, que con todo non estarían dotados de conciencia de si, isto é, de mente consciente ou eu (ou sexa, un clon noso zombi); se podo concibilo, entón é posible aínda que non sexa real e, se é posible, isto proba que a conciencia (mente) precisa dunha explicación secundaria distinta da simple explicación da parte física (corpórea) do ser humano. O segundo é o chamado “experimento de Mari”: Mari sería unha completísima especialista de intelixencia artificial, capaz de aplicar eses coñecementos ao funcionamento do cerebro humano, mais Mari vive recluída nunha habitación pintada con cores brancas e negras e coa única conexión co mundo exterior a través dun ordenador dotado dunha pantalla de branca e negro; aínda que Mari coñeza as bases físicas que explican a percepción das cores, cando Mari saia da habitación, ou reciba na habitación algún obxecto dotado de cores (distintas do branco e negro), terá unha experiencia nova que o coñecemento teórico previo non explica de ningún xeito; esa experiencia nova é o que denominamos “experiencia consciente” e en consecuencia a conciencia presupón un engadido adicional ao simple proceso físico, que non pode ser explicada mediante as leis que explican os procesos físicos en xeral.
Dennett
Fronte a Chalmers, Dennett asegura: 1, que o dualismo mente – corpo está tan inxustificado como o dualismo substancialista cartesiano; os fenómenos mentais, incluída a conciencia, non son outra cousa que a manifestación dos procesos físico – químicos que ocorren nas complexas conexións neuronais que constitúen o cerebro humano. 2, que, xa que logo, a conciencia pode ser explicada mediante os estudos que están a desenvolver as neurociencias e non se precisa de ningunha explicación adicional. 3, que os fenómenos mentais que ata o de agora non foron explicados pola ciencia só poden ser resoltos no futuro con novas achegas científicas, sen que as especulacións metafísicas de certos filósofos poidan proporcionar explicacións substitutorias. 4, que, polo tanto, non hai ningún “enigma” ou “misterio” da conciencia senón problemas que a ciencia aínda non ten descifrado, do mesmo xeito que noutros campos tamén permanecen certos fenómenos inexplicados e a ninguén se lle ocorre que poidan chegar a explicarse por medios distintos dos medios científicos. 5, que o método científico esixe procedementos de carácter “heterofenoménico” (que permitan a observación e comprobación experimental dos fenómenos por parte de terceiros) o que exclúe como procedemento básico o método da introspección (a análise persoal da experiencia mental) usado polos filósofos da mente da corrente de Chalmers. Como retruca Delnett aos experimentos mentais de Chalmers? Sobre a hipótese dos zombis é contundente: “Algúns filósofos pensan que poden concibir un zombi, pero están completamente equivocados.” Isto é: como os zombis non existen realmente (o que recoñece o propio Chalmers), a existencia imaxinaria dos zombis non pode ser adoptada como proba de nada. En canto ao experimento de Mari, Dennett pensa que, se fose certo que Mari tivese ese completo coñecemento que o experimento lle atribúe, Mari non se sorprendería en absoluto cando puidese ter a experiencia directa da cor (por exemplo, se se lle amosase un obxecto dunha determinada cor) senón que, moi ao contrario, recoñecería perfectamente esa cor (sabería, aínda que fose a primeira vez que a vía, que a cor vermella é vermella). En palabras do propio Dennett: “,,, Mari xa tería deducido, valéndose do seu vasto coñecemento da ciencia da cor, o que se sinte exactamente ao ver algo vermello, algo amarelo ou algo azul antes de pasar pola experiencia.”

A partir do resumo que aquí acabamos de expór (que ti podes complementar mediante lecturas adicionais dos textos que se citan máis abaixo), ti debes desenvolver o teu punto de vista, para o cal:

- Debes identificar que puntos de vista e que argumentos dos autores citados che resultan convincente, e cales non, e por que razóns.
- Debes ter en conta que de ningún xeito podes estar de acordo con argumentos contraditorios entre si, polo que é conveniente que identifiques asemade cales son eses argumentos contraditorios (isto é: que se é verdadeiro un, o contraditorio é necesariamente falso).
- Pode, en cambio, ser posible que os dous argumentos contraditorios sexan igualmente falsos. Nese caso, ti deberías expór o teu propio argumento alternativo, desenvolvendo debidamente as razóns polas que o consideras superior aos anteriores.
- Finalmente e a xeito de conclusión, deberás presentar, de xeito debidamente xustificado, o teu propio punto de vista sobre os principais problemas analizados: 1, poden as neurociencias explicar o “enigma” da conciencia ou se precisan explicacións adicionais non reducibles ao estrito modelo científico? 2, o cientifismo fai innecesaria unha filosofía da mente para alén da explicación neurocientífica? (posición reducionista) ou, pola contra, segue a ser precisa unha filosofía baseada na introspección? (posición non reducionista). 3, segue a ser necesario un dualismo mente – cerebro ou pola contra a mente non é máis que a manifestación das conexións neuronais que constitúen a estrutura física cerebral?

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

David J. Chalmers: La mente consciente. En busca de una teoría fundamental. Gedisa.
Antonio Damasio: Y el cerebro creó al hombre*. Destino.
Daniel C. Dennett: Dulces sueños. Obstáculos filosóficos para una ciencia de la conciencia. Katz.
René Descartes: Meditaciones metafísicas*.
Diosdado, Rodríguez Valls e Arana ed.: Neurofilosofía. Perspectivas contemporáneas. Thémata / Plaza y Valdés.

(Os libros marcados con asterisco están dispoñibles na biblioteca do centro para quen queira consultalos. Quen desexe consultar calquera dos restantes, debe solicitalo ao profesor)

2 respostas to “NOVO EXERCICIO PARA O ALUMNADO DE 1º DE BACHARELATO”

  1. o 27 Jan 2012ás 11:45 am admin

    COMENTARIO DO PROFESOR Á CONTRIBUCIÓN DE CLAUDIA HERNÁNDEZ
    (Os comentarios van entre corchetes)

    No texto de Damasio, só estou de acordo na frase de que a mente forma parte do corpo e o corpo da mente, polo demáis penso que o corpo e a mente estan separados como dicía Descartes, aínda que forman un todo indivisible para min.

    [É evidente a contradicción flagrante na que caes: se algo forma parte de algo ata o punto de constituír un “todo indivisible”, como pode estar separado? É máis, nin sequera poderías falar de algo parte de algo se o todo é indivisible, porque a indivisiblidade consiste xustamente na imposibilidade de división en partes.]

    O texto de Arana paréceme contradictorio, por un lado descarta a teoría de Descartes, e por outro opina que o “eu pensante” é imposible de explicar mediante a ciencia, é dicir, está en contra da neurociencia, ao contrario de Damasio, que é o seu único punto de apoio, e tamén nesa posición atópase Dennett, que afirma que todo pode ser explicado pola ciencia, ao contrario que Chalmers que volve á teoría de Descartes, cun toque empirista e totalmente en contra da neurociencia.

    [De novo a túa argumentación non é convincente. Descartar a teoría cartesiana e estar en contra da neurociencia non teñen por que constituír posicións contraditorias; ti, desde logo, non dis onde radica a contradicción. Non sei de onde quitas que Damasio é “o seu único apoio”: en que consiste o tal apoio? Reducir, por fin, as posicións de Dennett e Chalmers a que o 1º afirma que “todo pode ser explicado pola ciencia” e o 2º está “totalmente en contra da neurociencia” é excesivamente simplificador; podería aceptarse, en todo caso, o primeiro, pero desde logo non o 2º]

    Eu estou no lado de Descartes e Chalmers, opino que a alma e o corpo están separados e que hai cousas que nin a neurociencia máis avanzada pode explicar como por exemplo como pensan as neuronas.

    Penso que non todo está no cerebro, como din Damasio e Dennett.

    Se o que dí Damasio é verdadeiro, que o cerebro é o que rexe todo, e o cerebro forma parte do corpo, necesariamente o que di Descartes ten que ser falso, xa que el dí que o corpo e a mente están separados.

    [Aquí se fai máis evidente a túa autocontradición porque agora asumes abertamente o dualismo cartesiano –división alma e corpo- cando ao comezo asegurabas a indivisibilidade de mente e corpo]

    Arana, dende o meu punto de vista, contradícese a si mesmo, primeiro dí que é imposible que o corpo e a mente estean separados, pero despois non atopa argumentos que o demostren na neurociencia.

    [Paréceme que non entendes ben o concepto de “contradición”: dúas afirmacións son contraditorias se a verdade de unha esixe a falsidade da outra. Non atopar argumentos probatorios de algo non converte a ese algo en contraditorio: contraditorio, respecto de que? Habería contradición se Arana afirmase por un lado a non separación e por outro a separación de mente e corpo]

    Chalmers está do lado de Descartes, aínda que dí que todo é subsceptible de comprobacion mediante os sentidos, sendo neste punto no que contradí a Descartes (racionalista), é contraditorio con Dennett, xa que este ultimo se apoia na ciencia e deixa de lado á filosofía e todo o que a ciencia non poida entender. Neste sentido as súas ideas e as de Damasio non son contraditorias.

    Eu creo que calquera dos dous argumentos pode ser verdadeiro, e polo tanto o outro falso. Inclínome máis por Descartes e Chalmers, xa que as miñas ideas están reflictidas nos seus pensamentos. Porque eu creo na separación alma-corpo, e non teño ningunha teoría para contradicir estes dous puntos de vista.

    [Isto resulta confuso, 1º porque falas de “2 argumentos” sen facer antes claramente explícitos cales son. O lector pode supoñer que te refires por un lado aos argumentos, que ti consideras comúns, de Damasio e Dennett, e por outro aos de Descartes e Chalmers. Pero no teu escrito previo xa deixaches claro (correctamente) que os argumentos destes dous últimos autores non son coincidentes, así que é imposible saber con exactitude de que argumentos falas]

    Opino que a ciencia, non ten a resposta a todo, hai cousas que só ela pode responder, pero outras non explicadas por ela tamén poden ser verdadeiras e válidas. As neurociencias poden axudar a explicar o enigma pero quizais precisen axuda da filosofía que pode dar outro punto de vista.

    Eu creo que para a explicación neurocientífica por moito que avance a ciencia necesita un punto de vista filosófico baseado na reflexión que poda axudar a dar respostas máis profundas. Ninguén foi capaz de explicar como pensamos por moito que se estude o cerebro, polo tanto podemos seguir crendo no dualismo entre mente e corpo ainda que non estea completamente demostrado.

    [A túa argumentación non semella moi convincente. Redúcese á fórmula seguinte: Como ninguén foi quen de explicar A antes de hoxe, A seguirá sendo inexplicado tamén no futuro. Obviamente trátase dunha fórmula falsa: todo o que hoxe consideramos explicado cientificamente algunha vez no pasado foi algo inexplicado. Aplicando a túa fórmula, a ciencia xamais tería feito ningunha explicación nova.]

  2. o 23 Feb 2012ás 12:19 pm admin

    Valoracións do profesor aos comentarios recibidos:

    Rodrigo Barral Nuñez

    En mi opinión me veo claramente a favor de los argumentos del reduccionista Dennett.

    Estoy completamente de acuerdo con la afirmación de que aquellos fenómenos mentales que hoy en día carecen de explicación científica no constituyen ningún misterio ya que el avance de la ciencia terminará por darles solución. Veo totalmente innecesaria una búsqueda de respuestas fundamentada en experimentos mentales sobre zombis y mujeres encerradas en habitaciones en blanco y negro a las cuales nunca se les ha ocurrido mirarse a si mismas (entendiendo que Mari es una persona…¿acaso existen personas en blanco y negro?)

    Estar a favor del reduccionismo científico me sitúa en contra de la concepción dualista entre alma y cuerpo y por lo tanto, me lleva a compartir las ideas de Antonio Damasio basadas en el rechazo de la separación entre mundo mental y mundo físico ya que dichas ideas en mi opinión son mas realistas que las ideas de Descartes de reducirlo todo a pensamientos para separar, de esa forma, cuerpo y mente o Chalmers, el cual modifica las antiguas ideas de Descartes y añade la existencia de la “mente fenoménica” para así justificar la creación de las neurofilosofias.

    En conclusión, desde mi punto de vista los entresijos de la mente son procesos explicables científicamente, incluidos también los actualmente no demostrados. Mi opinión es que con el tiempo dichos hechos no demostrados terminarán siéndolo aunque la presencia de una neurofilosofía todavía no está ni debería estar en la actualidad completamente descartada mientras que algunos procesos mentales sigan siendo un misterio para la ciencia, por esa razón, opinar si debería o no existir ese tipo de filosofía no debería ser tan directo (o si o no) sino que ambas posiciones podría tranquilamente convivir sin problema.

    [Argumentación coherente e aceptable aínda que pouco desenvolvida]

    Uxía López Saqués

    De todos estes textos o que me resulta máis convincente é o de Juan Arana. No aspecto de que a conciencia (mente) non son só conexións neuronais complexas senón eu creo que debe de haber algo máis. Sen embargo na frase ‘a filosofía non pode aspirar a procurar respostas aos enigmas da existencia humana máis alá dos resultados que a ciencia nos proporciona’ non me parece de todo certo pola seguinte razón. Poñendo como exemplo a frase de Descartes de: eu dubido, logo existo; a conclusión de que eu existo está xustificada pero non cientificamente polo tanto eu penso que non todo se reduce a probas científicas, senón que tamén a probas da razón. Aínda así non creo que cientificamente ou mediante a razón se poida ter resposta para todo.

    Comparando os textos de Antonio Damasio e de René Descartes encontro que as ideas que expoñen son contraditorias. Por un lado Damasio admite que non hai separación entre a mente e o corpo. Mentres que Descartes non é que diga que están separados, senón que afirma a existencia da alma (conciencia, mente) mentres a existencia do corpo a presenta como cuestionable. Certamente inclínome máis pola teoría de Descartes, aínda que non totalmente. Estou de acordo en que a alma existe (xa que dubido,logo existo). Pero sen embargo eu creo que a alma sen corpo non pode existir, polo tanto se a alma existe e se non pode existir sen corpo o corpo tamén existe. Pero que admita que a alma non pode existir sen corpo non quere dicir que afirme o que di Damasio de ‘ a mente é produto do cerebro’, senón que eu penso que é algo máis ca iso.

    Dende o meu punto de vista mediante o experimento dos zombis coincido con Dennett en que non considero que probe nada. Aínda así o experimento de Mari non estou de acordo con Dennett xa que considero que alguén que estivo toda á vida vendo nada máis que a cor branca e á cor negro, por moita información e moita intelixencia que teña non podería deducir (como di Dennett) que esa é a cor que é xa que nunca antes a cotemplara. Neste aspecto coincido con Chalmers.

    Como dixen antes, opino que para explicar os enigmas da conciencia se precisan a parte de probas científicas, tamén mentais, e aínda así non creo que se poidan explicar na súa totalidade xa que penso que iso vai máis alá das nosas capacidades.

    Considero que o cientifismo non chega para coñecer a filosofía da mente e que é imposible explicalo todo.

    Para min a mente non é soamente a manifestación das conexións neuronais que constitúen a estrutura física cerebral senón que é como dixen antes algo máis ca todo iso.

    [Non hai graves erros de argumentación pero o descoido na redacción desmerece. Unha simple relectura che permitiría advertir eses erros e corrixilos]

    María Martínez Alonso 1ºB

    As neurociencias e o problema mente-corpo

    Según a opinión de Antonio Damasio, o mundo mental referido aos nosos pensamentos está unido ao mundo físico, que son as actividades relacionadas co movemento do corpo. Damasio dí que se encontran unidas xa que ca mente manipulamos os actos que logo realizaremos co noso corpo físico.

    Eu sí estou de acordo con esta idea xa que estes dous mundos van unidos no seu funcionamento. Para un bo emprego do físico haberá que ter unha voa capacidade mental, xa que sen non esas ideas non serían levadas a cabo polos nervios que permiten as nosas actuacións, ademais o mundo mental está representado polo cerebro, e este forma parte do corpo, polo tanto, do mundo físico. Un bo exeplo para demostrar esta teoría son as persoas con enfermidades psicosomáticas, que é cando unha persoa se encontra nun estado de emocións negativas que se manifestan físicamente.

    A opinión de Descartes apoia o dualismo xa que dí que corpo e mente están separados, afirmando que a existencia das persoas pode encontrarse á marxe da existencia dos corpos, existindo só o seu mundo mental.

    Eu non defendo o dualismo de Descrates, xa que na miña forma de ver este tema, o corpo e a mente sí están unidos, e unha persona non é persoa se non conta cun corpo ou cunha mente. Sí é certo que unha persoa poida quedar nun estado vexetativo e así non ser consciente de ter un corpo, pero todo iso é porque a mente non fai trabajallar os nervios que producen as nosas movilidades e funcionamentos polo tanto ainda así, segue a ter unido o corpo e a mente, polo tanto eu non o interpreto do mesmo xeito que o fai Descartes e sigo a apoiar a idea contraria, e dicir, a de Antonio Damasio.

    O comentario de Juan Arana defende os coñecementos proporcionados pola ciencia, tamén defende parte da idea de Damasio, a mente vai relacionada co corpo pero tamén considera que él como sustancia pensante non é un ser, polo tanto, necesita un corpo.

    Arana tamén fala da existencia duns comportamentos conscientes e inconscientes, cos últimos a mente e o corpo non están a traballar unidos, pero conclúe esta idea dicindo que as neuronas por sí soas tampouco pensan.

    Estou de acordo no reducionismo que defenden Arana e Damasio xa que corpo e mente van unidas, e tamén coa defensa de que toda sustancia pensante require un corpo. É certo que existen comportamentos conscientes nos que o corpo traballa sen ter en conta a información da mente, pero eso non é, na miña idea, unha forma dualista xa que a mente actúa logo dese comportamento inconsciente. Arana fai diferencia entre sustancia e accidente, a cal me parece correcta, xa que o accidente procura dunha comparación para facer idea de que sexa verdadeira ou falsa, por exemplo, para que alguén sexa alto hai que basearse noutras medidas, senón simplemente é a altura de esa persoa.

    Chalmers, é un antireducionista e apoia o dualismo co cal afirma que a mente está separada do físico porque hai unha mente psicolóxica e outra fenoménica, a psicolóxica explícase por leis físico-químicas pero a fenoménica non, eu non apoio a súa idea xa que me manteño na idea reducionista.

    Denner dí que chega a ciencia para explicar os fenómenos mentais, sí creo que sexa certo xa que a ciencia conta cuns avances que nos permiten saber todo sobre a mente e o seu funcionamento sen procurar ningún outro estudo.

    1. Non creo que se precisen explicacións adicionais porque o coñecemento do funcionamento científico do cerebro cada vez é maior e sabemos máis de determinados sucesos que anteriormente ignorábamos.

    2. Creo que é innecesaria unha filosofía baseada na instrospección xa que corpo e mente van unidos, ata o momento en que calquera enfermidade mental pode afectarche ao corpo físico, esas enfermidades son as chamadas psicosomáticas, debido a un estado de ánimo podes ter determinadas doenzas físicas. Tamén o contrario, calquera enfermidade física pode afectarche á túa dependencia mental, moita xente ao padecer algunha enfermidade física prodúcelle certas doenzas mentales como poden ser depresións.

    3.Penso que o profundo coñecemento do noso cerebro chegará a dar resposta a certos fenómenos que todabía non teñen explicación. Pra min a evolución científica dará resposta a problemas que de momento non se resolveron pero co paso do tempo si terá solución como pasou noutros campos da ciencia.

    [Valoro o esforzo de interpretar os textos e desenvolver unha posición propia pero é evidente que cometes graves erros de interpretación e desenvolves argumentacións escasamente convincentes e as veces ben confusas.
    Así, unha frase como “ca mente manipulamos os actos que logo realizaremos co noso corpo físico”, non ten moito sentido. Habitualmente diferenciamos entre “actos mentais” (os propios da mente, isto é, a acción de pensar) e “actos físicos” (os que implican a intervención de partes do corpo distintas das conexións neuronais do cerebro, dito dun xeito que non esixe adoptar unha posición dualista). Verás logo que falar de que a mente “manipula actos” que logo acaban sendo “físicos” non ten moito sentido agás que entendamos que todo acto físico está precedido dun determinado acto mental, e aínda así, supoñendo que iso fose o que querías dicir, está dito de xeito ben torpe.
    Hai un grave erro na interpretación da posición de Arana, que non é reducionista senón antireducionista. Ademais non comprendes o concepto de substancia e accidente co cal a argumentación que lle atribúes, ademais de confusa, é inexacta.]

    Tania Carbón Vales

    Estes textos dan os diferentes puntos de vista dos filósofos sobre as neurociencias e o problema mente-corpo.

    Damasio afirma que non existe unha separación entre mente (alma) e corpo. Sendo a mente parte do cerebro e o cerebro parte do corpo e o corpo está influenciado polas construcións mentais. Coincido plenamente con esta idea porque na nosa vida diaria o estamos comprobando constantemente porque a mente envia ordes ao corpo para que este realice determinados movementos.

    O texto de Descartes paréceme contradictorio xa que empeza dicindo que apoia a concepción dualista entre alma e corpo e acaba dicindo, a través da dúbida hiperbólica, que é falso que exista un corpo cunha figura ou un movemento.Estou totalmente de acordo coa idea de Juan Arana respecto que o concepto de accidente non cambia a idea de substancia, xa que a “substancia” non precisa doutro para existir mentres que o “accidente” precisa dunha substancia para existir. Tamén coincido en que se unha soa neurona non pensa por si mesma entón o conxunto de neuronas non pode dar lugar a un pensamento, como pon no texto, se sumas moitos ceros sigue dando cero. Os experimentos mentais de Chalmers desde o meu punto de vista resultan inútiles, xa que un mundo paralelo de zombis non pode xustificar que exista unha explicación secundaria á parte física polo simple feito de que os zombis non existen e o experimento de Mari, se é que se dota dunha mente tan privilexiada como di Chalmers, non se sorprendería ante o simple feito de visualizar unha cor xa que ela recoñecería perfectamente a que cor fai referencia. Nisto estou de acordo con Dennett. Tamén estou de acordo con el en que o dualismo mente-corpo e o dualismo substancialista cartesiano están inxustificados xa que non teñen demasiados argumentos para apoiar as súa teorías.

    En conclusión as neurociencias non son capaces de explicar o enigma da conciencia,o cientifismo non fai imnecesaria unha filosofía da mente para alén da explicación neurocientífica e a mente non é máis que a manifestación das conexións neuronais que constitúen a estrutura física cerebral.

    [Non hai contradición na posición de Descartes senón unh mala comprensión túa do concepto de “dúbida hiperbólica”: Descartes non afirma “non hai corpo” senón que propón argumentar coma se non o houbese en tanto non atopamos algo indiscutiblemente verdadeiro. A clave está nese “coma se” que indica que a inexistencia do corpo se adopta só a título de hipótese mentres non conseguimos escapar da dúbida. Posteriormente Descartes si afirmará a existencia do corpo aínda que o primeiro evidente á mente é a existencia da mente mesma ou “alma”.
    Non fas unha verdadeira argumentación senón que vas sumando as posicións sen que demostres entendelas suficientemente. A proba é que a conclusión a que chegas ao final non só non se segue das premisas antes desenvolvidas senón que máis ben as contradí. En efecto, nas distintas controversias ti vas adoptando o punto de vista dos chamados reducionistas: Damasio contra Descartes, Dennett contra Chalmers e con todo na conclusión final te declaras antireducionista!… porque esa é a posición dos que afirman que se precisa unha neurofilosofía que vaia alén das achegas das neurociencias. O que eu conclúo é que non entendeches os argumentos.]

    Lydia Cantorna Santos

    A neurociencia e a filosofía

    Antonio Damasio (1944), o neurólogo de orixe portuguesa, Premio Príncipe de Asturias (2005), dinos no seu libro O erro de Descartes (1994): “Non é só a separación entre mente e cerebro a que é mítica. A separación entre mente e corpo é, probablemente, igual de facticia. A mente forma parte do corpo coma do cerebro”. Segundo Antonio Damasio, a razón non se pode desligar do seu contexto emocional. Por que e para que dividir o corpo da alma se, como di Nietzsche, son unha única e mesma cousa? Descartes separou os sentimentos da razón. Damasio sostén que non é así e que os sentimentos, en vez de perturbar o raciocinio, poden ter unha influencia positiva na razón: “En termos anatómicos e funcionais, é posíbel que exista un fío condutor que conecte a razón cos sentimentos e co corpo”. Descartes supoñía que pensar era unha actividade allea ao corpo –a separación da substancia pensante da substancia extensa non pensante–. Non obstante, para sobrevivir, o home forxou unha conciencia elemental que desembocou na posibilidade de pensar e despois de usar a linguaxe, para organizar e comunicar mellor os seus pensamentos. Primeiro estivo o corpo, dinos Damasio, e logo o pensamento: “Somos e despois pensamos, e pensamos só na medida en que somos, porque as estruturas e as operacións do ser causan o pensamento”. Dese xeito, o postulado primordial de Descartes –“penso, logo existo”– é unha falacia: non se pode pensar antes de ser. “Este é o erro de Descartes: a separación abismal entre o corpo e a mente, a suxestión de que razoamento, xuízo moral e sufrimento derivado da dor física ou da alteración emocional poden existir separados do corpo” conclúe Antonio Damasio na súa obra sobre Descartes. A teoría de Damasio é perfectamente sostíbel, aplicando a pura lóxica.

    Daniel Dennett (1942) é un filósofo estadounidense ateo, especializado no estudo da conciencia, intencionalidade e da intelixencia artificial. Distingue a mente dos animais da dos seres humanos, atribuíndolles tamén unha mente ás demais especies animais do noso planeta. Para el, a mente humana ten unha estrutura bipartita: o seu contido é a conciencia, é dicir o sentimento interior co cal o ser humano aprecia as súas propias accións: a nosa conciencia é o noso xuíz. O mundo que describe a ciencia non é o mundo real, xa que é unha abstracción metodolóxica. O mundo da subxectividade humana, no que vivimos e que a ciencia pon entre parénteses, nunca deixa de existir.

    David Chalmers (1966) é un dos filósofos australianos máis destacados da filosofía da mente e particularmente da conciencia. Coma moitos filósofos, David Chalmers define ao home coma un “animal racional” ou “coñecemento”. A conciencia é a experiencia subxectiva nun mundo obxectivo e a clave do problema mente-corpo en filosofía. Se unha persoa que está no coma é conectada a un pulmón artificial, ten conciencia da súa situación, aínda que o seu corpo non responda aos estímulos, quen se atrevería a desconectala do dito pulmón artificial e deixala morrer? Persoalmente, creo que os pacientes comatosos teñen conciencia do que lles ocorre, mentres o corpo ten unha chispa de vida. Hai varios casos de persoas que saíron dun longo coma e que lembraban o que lle dixeran familiares ou amigos que os foran visitar, mentres estaban nese estado de aparente inconsciencia. En ética, non todo debe depender da ciencia, pero a ciencia ten certa relevancia para a ética.

    O reducionismo cientifista ou cientifismo, que intenta explicar a esencia do ser humano, ao considerar o corpo humano coma unha maquinaria complexa composta por unha multitude de pequenas máquinas sinxelas coma o define Daniel Dennett, non pode investigar a dita esencia co método das ciencias naturais, malia o valioso descubrimento do ADN. A ciencia non pode explicar e aínda menos solucionar todos os problemas do home. Non obstante, hoxe en día, sábese que as estruturas neuronais fan, por exemplo, que nos namoremos. Na primeira década do século XXI, estudos neurolóxicos puxeron ao descuberto o rol de varias partes do cerebro –o hipotálamo, a cortiza prefrontal, a amígdala…– no amor, que nace máis ben no cerebro que no corazón. Estas investigacións apuntan que tanto o amor coma a fidelidade posúen unha base neurolóxica, onde neurotransmisores coma a adrenalina, dopamina, serotonina, oxitocina ou vasopresina son elementos fundamentais para comprender por que nos namoramos. O sentimento amoroso provoca alteracións neuronais en áreas do cerebro relacionadas coa percepción. O amor coma o odio estimulan algunhas das mesmas rexións cerebrais: o amor parece inhibir parte das zonas onde se procesan as ideas racionais, mentres que o odio as fai hiperactivas.

    Persoalmente, coido que as neurociencias non poden explicar, por completo, na actualidade, por que, por exemplo, nos namoramos, odiamos ou o “enigma” da conciencia. Por iso, as explicacións adicionais das teorías da filosofía da mente, baseada nunha introspección, son necesarias, para poder aportar unha resposta máis completa e válida a estas incógnitas. Dese xeito, decántome pola posición non reducionista ou cientifista. Por outra banda, e aínda que pareza contraditorio co que acabo de dicir, na vida non todo é branco ou negro, hai distintas gamas de grises, opino, tras consultar varios libros sobre o tema, que non segue sendo necesario un dualismo mente-cerebro e que a mente é a manifestación das conexións neuronais, que constitúen a estrutura física cerebral. Non obstante, cada un de nós pode cultivar a súa mente, exercitala con cuestións filosóficas, que todos, nun momento da nosa vida, nos facemos: a miña cor de pel, sexo, nivel de estudos, profesión, tendencia sexual, ideal encadraranme nun prototipo de persoa –marxinal, anarquista, proletario, burgués– ou eu son o que penso e non o que aparento neste gran teatro das máscaras, que é o mundo actual das redes sociais, dunha sociedade materialista e individualista, onde cada día estamos máis sos, fronte ás nosas pantallas de ordenador, móbil con wifi ou tablet, agregando miles de “amigos” que nunca vimos e cos que, quizais, nunca nos poñeremos en contacto, porque desexamos compartir as intimidades dunha vida idealizada, que nos gustaría ter, e non da real que vivimos, xa que a banalidade aburre e non interesa no mundo virtual e artificial da internet coma no mundo real, que está cheo de mentiras, erros e suposicións…

    BIBLIOGRAFÍA

    -Damasio (Antonio), El error de Descartes: la emoción, la razón y el cerebro humano, Barcelona, Crítica, 2006.

    -Dennett (Daniel), Contenido y conciencia, Barcelona, Gedisa, 1996.

    -Díaz (José) e Serra (Eva), “Entrevista a David Chalmers” in Catalunya Vanguardista, 9-VI-2010.

    [De primeiras confeso que non sei moi ben o que dicir do teu traballo, Lidia. Vese un esforzo de procurar documentación adicional moi loable pero o problema é que mesturas cuestións que en principio pouco ou nada teñen que ver coa que se formula para ao final establecer unha conclusión que en absoluto se segue dos argumentos previos. A miña impresión é que recolleches informacións de aquí e de alá que logo pegaches sen moito sentido. A consecuencia é que toda a primeira parte, referida ao, chamémoslle así, debate Damasio – Descartes, está centrada na crítica do primeiro ao racionalismo puro do segundo, que despreza o papel das emocións. Este é, en efecto, o tema central do libro de Damasio que citas pero non o tema que se che propuña, que era o do dualismo alma – corpo. Por suposto, as dúas cuestións están conectadas: a identidade entre corpo e mente explica que a acción mental “puramente” racional non se chegue a dar. Pero o problema no teu traballo é que esa conexión non está debidamente formulada.
    O mesmo pasa coa oposición entre Dennett e Chalmers, que non se ve por ningures na túa redacción porque te acabas indo por cuestións en principio alleas ás que motivan o traballo, como os problemas éticos asociados aos enfermos de coma. De novo, podería establecerse algunha conexión, o problema é que ti non o fas.
    Significativamente, a posición de Arana nin sequera é comentada, seguramente porque na túa pescuda en internet non atopaches nada deste autor.
    En conclusión, non me parece que demostres ter entendido ben cal é a cuestión que se debate e, desde logo, non desenvolves unha argumentación propia debidamente xustificada]

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe