TRABALLO PARA ABRIL E MAIO
23 April, 2012 por admin
Este será o último traballo a desenvolver no blog durante este curso. A entrega debe realizarse antes do luns 21 de maio.
En canto ao tema a desenvolver esta vez ten que ver coa filosofía política e é o seguinte:
A CRÍTICA PLATÓNICA Á DEMOCRACIA E A REPÚBLICA DOS SABIOS DE SPRIGSFIELD
En pleno século XXI, a práctica totalidade dos países desenvolvidos teñen réximes democráticos, isto é, os seus gobernos e representantes parlamentarios son elixidos en eleccións libres cada certo período de tempo, e (cando menos formalmente) respéctanse as liberdades básicas (de pensamento, expresión, reunión, folga, manifestación, asociación, etc.) e os dereitos humanos.
Desde a caída do muro de Berlín (10 de novembro de 1989) e o abatemento dos réximes comunistas do Este europeo, existe a impresión de que o sistema político democrático, asociado co sistema económico capitalista de libre mercado, non ten ningún modelo alternativo que compita con el. Mesmo os máis dos países que non teñen incorporado plenamente o sistema de liberdades (pensemos en China, por exemplo, un Estado que se segue denominando formalmente “comunista”), si teñen aceptado algúns mecanismos económicos de mercado (o que lles permite entrar nos procesos de globalización) e aseguran estar dispostos a dar pasos no futuro cara á instauración das liberdades políticas.
Quere isto dicir que todo o mundo acepta que a democracia é o mellor dos réximes posible? Quere dicir tamén que todo o mundo acepta que a liberdade de mercado capitalista é inseparable dun bo funcionamento democrático? Non hai ningunha alternativa, nin política nin económica, a este modelo? Estamos, por outra banda, todos os cidadáns realmente comprometidos coa democracia? Podemos, logo, afirmar que unha catástrofe como a ocorrida na primeira metade do século XX –o ascenso dos réximes totalitarios fascista e nazi, a consolidación durante longos anos do GULAG (rede de campos de concentración) soviético- xa non se pode repetir?
Responder a estas preguntas é o que se vos pide neste traballo. Para iso, en primeiro lugar, lembraremos unha das máis antigas e ben fundamentada crítica da democracia, a que Platón formulou na Atenas do século IV a. C. Trátase de ver en que medida esa crítica, dirixida contra a democracia ateniense, pode ser aínda susceptible de ser aplicada ás democracias contemporáneas ou en que medida estas poden defenderse dunha tal crítica.
![]()
A crítica platónica á democracia podemos adaptala aos nosos tempos do seguinte xeito:
Supoñamos que somos propietarios dun magnífico cabalo de carreiras e que pretendemos presentalo a unha famosa e ben remunerada carreira. Non se nos ocorre reunir a todos os familiares, amigos e coñecidos e facer que voten entre todos para así decidir cal é o mellor procedemento para o adestramento do cabalo. Pola contra, procuraremos informarnos ben de quen son os adestradores máis prestixiosos, os que teñen conseguido máis triunfos con cabalos de características semellantes ao noso, e só entre eles seleccionaremos a quen encargar que prepare ao noso cabalo.
Supoñamos agora que caemos doentes. Non reunimos ao redor da nosa cama a todos os nosos veciños para que mediante votación decidan a terapia que debemos seguir. Non, senón que, se podemos pagalo, chamamos ao doutor especialista máis prestixioso para poñérmonos nas súas mans.
Así que, cando se trata de gañar nunha competición ou cando se trata de curar a saúde do corpo, non nos fiamos da decisión da maioría senón tan só da opinión dos especialistas, os expertos. Como se explica, logo, que no referente ao goberno das cidades e do Estado, que debería constituír o máis importante para nós porque a súa influencia recae sobre todos os aspectos das nosas vidas, aceptemos que sexa o voto da maioría quen decida? Como podemos adxudicar o mesmo valor ao voto dun ignorante e ao dunha persoa culta, ao dun individuo lacazán e que nunca se preocupou de informarse sobre os asuntos públicos e ao dunha persoa ben informada e intelectualmente preparada? E máis grave aínda: como aceptamos que poida chegar ao goberno do Estado un individuo calquera, sen ningún título ou preparación coñecida fóra da súa capacidade de persuadir a un gran grupo de xente para que lle entregue os seus votos? Se temos en conta, ademais, que normalmente son máis as persoas pouco intelixentes cás moi intelixentes, a decisión da maioría condena aos países democráticos a seren gobernados non polos mellores, senón por hábiles mediocres capaces de engaiolar a unha maioría de ignorantes.
Non sería, logo, máis razoable garantir que todos os cidadáns puidesen demostrar as súas capacidades nun sistema educativo aberto a todos pero fortemente selectivo? Só os mellores –en matemáticas, en economía, en socioloxía, en ciencias políticas: nos principais coñecementos que gardan relación coa xestión dos asuntos públicos- poderían superar as distintas seleccións que se irían aplicando. E só entre quen finalmente superasen esas probas se designaría ao ou aos que debería(n) gobernar. Falariamos daquela do goberno dos mellores, os verdadeiramente preparados para gobernar, os técnicos ou sabios nas artes do bo goberno.

Este enfoque seguramente foi tomado en conta polos guionistas da popular serie de televisión “Os Simpson” para desenvolver un dos seus episodios, que é obxecto dunha análise particular no libro Los Simpson y la filosofía (ver referencias). Nese episodio, Lisa, a irmá “lista” dos Simpson, únese con outras persoas consideradas de gran valía intelectual, para expulsar do goberno da cidade de Springfield aos seus corruptos dirixentes, que con todo foran elixidos en eleccións libres democráticas. Pero a “república dos sabios”, imitación da república ideal platónica, fracasa estrondosamente. Serán os propios cidadáns os que reclamarán o regreso dos corruptos porque non aturan a “tiranía” do saber. Como interpretades vós este fracaso? Pensades que só se trata dunha esaxeración cómica dunha serie de ficción? Ou quizais debemos darlle a razón a Platón e recoñecer que o vulgo ruín e ignorante prefire gobernantes coma eles, ruíns e ignorantes, e que polo tanto a democracia é contraditaria cun goberno sabio e xusto? Estaría, logo, xustificada a tiranía ou ditadura dos sabios (ou o goberno tecnocrático dos expertos) para obrigar ao vulgo a actuar decentemente segundo normas xustas?
REFERENCIAS:
PLATÓN: A República
Simon BLACBURN (2007): La historia de La República de Platón. Debate.
Aeon J. SKOBLE (2009): “Lisa y el antiintelectualismo estadounidense”. En IRVING, CONARD, SKOBLE (ed.): Los Simpson y la filosofía. Balckie Books.
Estes libros están a disposición de quen queira consultalos na biblioteca.
O tema deste traballo é o mesmo que se debaterá na tertulia filosófica do xoves (ver entrada anterior deste blog). Para mellor preparar este traballo, polo tanto, sería moi proveitoso que o alumnado de 1º de bacharelato acudise á tertulia, se non como participante activo, cando menos para escoitar posibles liñas de desenvolvemento útiles para o seu traballo.
