RSS para
Artigos
Comentarios

O mércores día 23 de maio teremos a última tertulia deste curso, coma sempre, na biblioteca do centro, e a partir das 16,30 h.
O tema a debater nesta sesión será: O MARXISMO HOXE.
Tomaremos como referencia o texto “Un marxismo (Karl, no Groucho) en Springfield” de James M. Wallace, en Irwin, Conard e Skoble (2009): Los Simpson y la filosofía (Blackie Books) e o breve “Un comentario sobre a filosofía de Marx” de Miguel Vázquez Freire (que se inclúe íntegro a continuación). Ademais conviría ler, quen non o teña feito, o Manuscrito Comunista de Marx e Engels (hai varios exemplares na biblioteca).

UN COMENTARIO
SOBRE A FILOSOFÍA DE MARX

Desde a perspectiva filosófica, dicir que o Manifesto Comunista é a “obra capital do marxismo”, como algúns teñen feito, é facer un fraco favor a Marx. A importancia do Manifesto é sobre todo política pero filosoficamente adoece de esquematismo, por outra banda lóxico nun texto con pretensión de intervención militante e difusión maioritaria. Se Marx fose só o autor do Manifesto (escrito conxuntamente con Engels) é probable que non gañase o dereito a ser estudado dentro dunha historia da filosofía.

Quen se centre na exposición do marxismo a partir do Manifesto, acabará facendo unha lectura esquemática e simplificadora do materialismo histórico, moi proxíma ao “dia – mat” (materialismo dialéctico) dogmático que chegou a ser a ideoloxía oficial dos estados comunistas, nomeadamente na URSS. Pero respecto disto cómpre saber que Marx en ningún momento chegou a falar nos seus escritos de “materialismo dialéctico” (nin sequera no Manifesto) senón só de “materialismo histórico”. O concepto de “materialismo dialéctico” foi proposto tan só por Engels (sobre todo en Dialéctica da Natureza). Dilucidar o que cómpre aplicar estritamente a Marx é un dos problemas claves da actual historiografía marxiana (que non “marxista”; “marxiana” = sobre Marx, “marxista” = seguidor das ideas de Marx; pódese ser un especialista “marxiano” pero non “marxista”, e algúns opinan que son os mellores, como por exemplo Kolakowski, autor de As principais correntes do marxismo).

O esquematismo redutor na aplicación simplista do principio dialéctico “tese / antítese / síntese” ás relacións entre infraestrutura e superestrutura, e á interpretación da ideoloxía, e en especial da “ideoloxía dominante”, como resultado directo dos procesos económicos, adoita conducir a desbotar xustamente o elemento máis enriquecedor do recurso marxiano á dialéctica, que reside na comprensión dos procesos históricos como resultado de contradicións complexas, e non de simples reaccións causa – efecto. Podería dicirse que, en certo xeito, a reinterpretación dogmática propia do materialismo dialéctico peca de diluír ou mesmo anular a complexidade dialéctica someténdoa a unha linealidade formal, que é o que tanto a dialéctica hegeliana como a marxiana pretendían evitar. Nisto é no que se cae cando se opera facendo da dialéctica histórica unha sucesión de “teses” (escravismo, feudalismo, capitalismo), “antíteses” (o señor feudal fronte ao amo escravista, o burgués fronte ao señor feudal, o proletario fronte ao burgués) e “sínteses” inevitables (co comunismo como síntese final superadora ao modo do Estado hegeliano integrador da razón histórica). En calquera caso, o que de ningún xeito resulta admisible (desde o punto de vista da correcta interpretación do pensamento marxiano, e mesmo da maioría das reinterpretacións marxistas) é a concepción da ideoloxía dominante como o resultado dunha decisión consciente e desexada das clases dominantes, e a alienación resultante como unha consecuencia directa desa decisión, porque para o materialismo histórico as construcións conscientes son resultado non consciente dos procesos materiais.

Desde a perspectiva estrita do materialismo histórico, o “querer”, isto é, a vontade consciente, non xoga en rigor ningún papel nos procesos históricos. Desde logo, esta consideración non está exenta de problemas, sobre todo desde o punto de vista político, como se ve nos debates dentro do marxismo leninismo entre as opcións “voluntaristas” e as “deterministas”, e como xa deixaron ver algúns escritos do propio Marx. En efecto, a consideración de que a revolución é o resultado inevitable de determinadas contradicións no plano da infraestrutura económica conduce, desde a perspectiva política, a unha aporía de solución non doada: se as contradicións están dadas, a revolución darase en calquera caso, e xa que logo é indiferente o que as forzas revolucionarias fagan ou deixen de facer (acabarán facendo, quéirano ou non, o que inexorablemente teñen que facer); e se non están dadas, é inútil o que os revolucionarios fagan ou queiran facer, porque a revolución nunca se chegará a dar. Diante desta aporía, os “voluntaristas” caracterízanse pola súa confianza en que as accións conscientes revolucionarias teñen a capacidade de “acelerar” e mesmo provocar as contradicións sociais, creando as condicións para que a revolución sexa posible; mentres que os “deterministas” reclaman que a práctica revolucionaria se acomode á “marcha da historia”. Tanto unha opción coma a outra teñen provocado lamentables catástrofes. Dentro das derivadas do “voluntarismo” pode encadrarse tanto certas barbaridades estalinistas (a industrialización forzada da URSS, a expropiación dos campesiños e a imposición dos koljós no campo) como o aventurerismo guevarista (Che Guevara convencido de que, liderando a un pequeno grupo de guerrilleiros no Congo ou en Bolivia, acabaría desencadeando a revolución en toda África ou toda América do sur). Entre as derivadas do “determinismo”, o oportunismo político mediante o cal os partidos marxistas teñen xustificado alianzas cos peores inimigos (porque non se daban as “condicións” para a revolución), e aquí de novo Stalin é exemplo (pacto Molotov - Ribbentrop), nunha dramática demostración de que certa interpretación da “dialéctica” (certa interpretación adialéctica da dialéctica, cabería dicir paradoxalmente) se traduce nun “o marxismo serve para xustificar tanto isto coma o seu contrario”.

Defender a vixencia do marxismo hoxe, en fin, pasa, entre outras cousas, por afrontar as principais eivas que a práctica histórica ten evidenciado, algunhas das cales son (sen ningún ánimo de exhaustividade):

- Reflexionar sobre que había no marxismo que conduciu á catástrofe moral do Gulag (isto é, ao totalitarismo dos Estados comunistas, e non só na URSS).
- Recoñecer que, contra a pretensión do propio Marx, o materialismo histórico non é ningunha explicación “científica” dos procesos históricos, e nese sentido depurar de todo teleoloxismo hegelianizante á filosofía da historia marxiana (a crítica do historicismo que Popper opón ao marxismo é dificilmente recusable, ver A sociedade aberta e os seus inimigos e A miseria do historicismo).
- Revisar que hai de válido na crítica marxiana da economía clásica e que de refutado polos procesos económicos realmente desenvolvidos (por exemplo, parece haber unanimidade entre os economistas sobre que a caída da taxa de ganancia, que para Marx era algo inevitable no desenvolvemento capitalista, non se ten producido en absoluto, ver por exemplo Unha introdución a Karl Marx de Jon Elster).
- Desvelar a conexión entre o economicismo marxista (a consideración das producións culturais e ideolóxicas como produto dunha infraestutura económica determinante) e a redución capitalista do ser humano a “homo economicus”, coa conseguinte concepción produtivista derivada, que ve no conxunto do planeta (e mesmo do universo) un simple repertorio de materias primas á disposición da acción instrumental humana, revisando esta concepción produtivista á luz da crítica ecoloxista
- Avaliar en que medida a denuncia moral do capitalismo, que para Marx era tan só un derivado secundario da súa análise económica, e a reivindicación dunha sociedade máis xusta baseada na aspiración a un igualitarismo (utópico, pero orientador das decisións sociais e políticas) é posiblemente o legado máis valioso que Karl Marx nos ten deixado. Separar, en definitiva, como no seu momento comezaron a facer os autores da Escola de Francfurt (Adorno, Horkheimer, Habermas) o que persiste no discurso marxiano de dependencia respecto da mera razón instrumental (que acaba incluyendo aos propios seres humanos como medios para outros fins “superiores”: o progreso histórico, a revolución) e o que se asenta nunha razón emancipadora (que impón como fin superior a liberación da humanidade de toda alienación).

Miguel Vázquez Freire, Santiago maio 2012

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe