TRABALLO PARA DECEMBRO
19 December, 2012 por admin
AS IMAXES, A BANDA DESEÑADA E A FILOSOFÍA
Desde Platón (s. IV a. C.), as imaxes non manteñen unha boa relación coa filosofía. Platón situaba á representación icónica (unha forma máis técnica de chamar ás imaxes) no banzo inferior de todos os niveis de coñecemento. Isto quere dicir que, para el, as imaxes eran máis perniciosas que valiosas. Acusábaas de contribuír á que a xente permanecese na ignorancia, confundindo as aparencias coa verdadeira realidade, que para el estaba, non nas cousas sensibles (moito menos, logo, nas representacións analóxicas desas cousas, como as estatuas, as pinturas ou mesmo as representacións teatrais) senón nas Ideas, que só poden ser acadadas mediante o coñecemento intelectual. Parece obvio que Platón sería especialmente crítico coa nosa sociedade, onde estamos rodeados de imaxes por todas as partes, e o poder que estas teñen acadado seguramente é maior que en calquera outro período do pasado. Os sociólogos actuais sinalan que en particular a mocidade vive instalada nunha cultura da imaxe, de xeito que a televisión, o cine, os videoxogos e os comics ou banda deseñada, teñen desprazado case por completo aos libros do ámbito dos seus intereses.
Cómpre dicir que, desde o outro lado, tampouco o mundo da imaxe ten emprestado moita atención á filosofía. Os filósofos (ou mesmo os científicos) non ocupan apenas ningún lugar entre os personaxes aos que a televisión ten concedido popularidade. Tampouco non hai grandes películas que teñan a filósofos como protagonistas, aínda que o científico ten algo máis de visibilidade, frecuentemente como figuras malvadas. E o mesmo cabe dicir da banda deseñada, de onde proceden algúns dos máis perversos “científicos” que logo saltarían ás pantallas cinematográficas, como o Lex Luthor da saga Supermán. Poño “científico” entre comiñas porque a representación da ciencia que dan estes personaxes pouco ou nada ten que ver co traballo dos científicos contemporáneos.
Pois ben, do que se trata nesta proposta de traballo é de, en certo xeito, tentar darlle a volta á esta situación de case absoluta hostilidade entre as imaxes e a filosofía, tomando á banda deseñada como espazo particular de experimentación (máis adiante farémolo tamén co cine). Para iso poño á vosa disposición unha selección da miña particular biblioteca de banda deseñada, que teño instalada no departamento, máis tres cómics que, caso de escollelos, se deben retirar da biblioteca do centro. Ata o venres no primeiro recreo podedes pasar a solicitar o libro ou cómic co que desexedes traballar. O traballo debe facerse en grupo (mínimo 3, máximo 4 persoas) porque non hai libros ou cómics para todos, agás que alguén propoña un cómic da súa propiedade que, nese caso, o traballo poderá ser individual.
O obxecto do traballo consiste en indentificar os problemas filosóficos que aparecen reflectidos nos cómics ou nos estudos sobre a banda deseñada, tendo en conta a clasificación das partes da filosofía que foi presentada en clase, e os temas de que cada unha desas partes se ocupa. Neste último caso, dado que algún deses estudos se ocupa de períodos moi amplos ou de gran número de obras, os autores do traballo poden seleccionar tan só unha parte da obra; por exemplo, quen traballen sobre La España del tebeo poderían centrarse tan só na “historieta sentimental”, na “de aventuras” ou nos cómics da transición.
Obviamente, os cómics que forman parte da sección “A filosofía na banda deseñada” son os que máis directamente permiten afrontar o tema filosófico. Pero do que se trata é de que os compoñentes do grupo saiban atopar os vínculos coa filosofía mesmo onde estes non aparecen tan explicitamente: hai algunha cuestión sobre o problema do coñecemento?, sobre a cuestión da verdade e o erro?, sobre a capacidade de argumentar ben?, sobre o papel da ciencia e a súa diferenza con respecto a “saberes” que se queren facer pasar por científicos?, sobre as relacións entre relixión e saber racional?, sobre a dificultade de lle dar un sentido á vida?, sobre o dogmatismo e o fanatismo de calquera tipo?, sobre determinados dilemas ético – morais (o que está ben, o que está mal)?, sobre os conflitos emocionais –o amor, o odio, a amizade…- e as implicacións éticas dos mesmos?, sobre o que é xusto e o que é inxusto?, sobre a liberdade e os seus límites?, sobre o exercicio do poder político ou económico?, sobre a beleza e a arte? Como podedes ver por esta enumeración, en absoluto exhaustiva, hai moitas dimensións filosóficas que poden atopar unha representación nas páxinas dunha publicación de banda deseñada. A vós correspóndevos identificala no libro ou cómic sobre o que traballedes.

Por suposto, tamén podedes adoptar un enfoque máis xenérico, afrontando o debate sobre a cuestión xeral coa que se iniciou este texto: ten razón Platón e a imaxe é contraria a todo coñececemento esixente? Se cadra, poderedes ser quen de replicar ao gran filósofo proporcionando, se non evidencias, algúns indicios significativos de que tamén as imaxes contribúen a arrequecer o ámbito dos nosos saberes valiosos.
O traballo debe ser enviado, como prazo límite, antes de finalizar a primeira semana despois das vacacións de Nadal. Se alguén ten dificultades para desenvolver o seu traballo, pode consultar co profesor a través do correo electrónico, enviando un comentario ao blog.
BIBLIOTECA DE BANDA DESEÑADA
Libros sobre BD:
Antonio Altarriba: La España del Tebeo. La historieta española de 1940 a 2000.
Javier Coma: Del gato Félix al gato Fritz. Historia de los comics
Lorenzo F. Díaz: Diccionario de Superhéroes
Antonio Martín: Apuntes para una historia de los Tebeos
Alfons Moliné: El gran libro de los manga
Agustín Oliver: Richard Corben (Un rebelde tranquilo)
Sergi Vich: La historia de los comics
Ignacio Vidal-Filch e Ramón de España: El canon de los comics
Varios: Los humoristas del 27
Cómics e novela gráfica
Os meus clásicos contemporáneos favoritos:
El Ala Oeste de Edward Gorey
El Archivista (Las ciudades oscuras) de Schuiten e Peters
Ghost World (Mundo fantasmal) de Daniel Clowes
¡Puta guerra! de Tardi e Verney
Rapsodia húngara (1ª e 2ª parte) (Las aventuras de Max Fridman) de Vittorio Giardino
Wilson de Daniel Clowes
Manga:
Adolf de Osamu Tezuka (vol. 1 e 2)
El almanaque de mi padre de Jiro Taniguchi (libro 1)
Gon de Tanaka
Hiroshima de Keiji Nakazawa (vol. 1, 2 e 3)
Banda Deseñada en lingua galega (ou de autores galegos):
Cita na Habana de Fran Jaraba
Feito a man de Xaquín Marín
Fragmentos de la enciclopedia délfica de Miguelanxo Prado
Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta de Jacobo Fernández Serrano
O máxico arrecendo (A historia de Galicia) de Fran Bueno, A. M. Benavente e J. R. Benavente
Nómades de Xosé Tomás
Páxinas crepusculares (Historias inducidas) de Miguelanxo Prado
Stratos de Miguelanxo Prado
Terra libre de Fran Jaraba
A filosofía na banda deseñada:
Epicurus el sabio de William Messner-Loebs e Sam Kieth
Logicomix.Una búsqueda épica de la verdad de Apostolos Doxiadis e Cristos H. Papadimitriou.
Terra Nostra (Imágenes de la historia / Los Derechos de la Tierra) de Max, Alicia Caseiras, Federico del Barrio, Wil Eisner, Raul, Felipe Hernández Cava, Carlos Nine, Miguelanxo Prado, Carlos Risso, Bill Sienkiewicz e Carlos Trillo.
Na biblioteca xeral do Instituto podedes atopar tamén Los Derechos Humanos, Los Derechos de la Mujer y Los Derechos del Niño, tres colectáneas de cómics de varios autores da editorial Ikusager (a mesma de Terra Nostra).

