RSS para
Artigos
Comentarios

Debido ao retraso na convocatoria da anterior tertulia, as tertulias de xaneiro e de febreiro case se tocan. A próxima terá lugar este xoves día 28 de febreiro, das 18 ás 19 h., na biblioteca do centro.
En todo caso, esta proximidade ten ao final unha consecuencia favorable porque na anterior sesión apenas deu tempo de debater sobre un só dos textos previstos, as páxinas seleccionadas de ¿Por qué persisten los dioses? Una aproximación científica a la religión (Robert A. Hinde, Biblioteca Buridán). Un texto que suscitou importantes discusións. En principio, a alumna que presentou o texto recoñeceu que lle resultou de difícil interpretación. Por esa razón, o profesor achegou unha interpretación complementaria. En resumo, podería dicirse que o científico R. A. Hinde afirma que as crenzas relixiosas son inaceptables porque pretenden detentar unha “verdade única e definitiva, eximida de toda investigación racional”, fronte á ciencia, que consiste nunha “forma de coñecemento público universal”, resultado de esforzos “desinteresados e imparciais” dos científicos por corroborar de xeito sistemático as conclusións das súas pescudas. En consecuencia, o saber racional científico reclama un escepticismo implícito que choca con calquera pretensión de verdade definitiva de carácter dogmático, como sería a “verdade” sustentada pola fe relixiosa. Con todo, Hinde recoñece que as relixións parecen proporcionar a unha parte importante da humanidade certo tipo de tranquilidade espiritual, e mesmo de guía moral, que a ciencia non pode substituír. A cuestión da moralidade é particularmente controvertida: se, por unha parte, fundar os valores morais sobre principios relixiosos non é sen maís aceptable para as sociedades contemporáneas, a redución dos imperativos éticos a explicacións científicas (baseadas en relacións de causa - efecto) choca coa idea de liberdade individual. Poderiamos dicir que se é inaceptable a imposición, como ocorría no pasado, dunha moralidade civil sometida a un dogma relixioso, a visión dunha sociedade tecnocrática programada segundo criterios pretendidamente científicos (como a que, por exemplo, teñen defendido psicólogos condutistas como B. F. Skinner: na biblioteca do instituto podedes ver a súa “utopía” social nun libro titulado Walden Dous) é contraditoria co respecto aos dereitos e liberdades individuais propio das sociedades democráticas.
No debate que seguiu á presentación das teses de Hinde, a maioría manifestouse contraria á visión que Hinde dá de relixión e ciencia como inevitablemente antagónicas. Houbo quen salientou que hai moitos científicos que son tamén relixiosos, o que é indiscutible. Logo parece que a posición de Hinde responde a unha concepción extremista, que non toda a comunidade científica comparte nin moito menos. Pero noutras intervencións, máis minoritarias, salientouse que non se pode negar que en ocasións aparecen contradicións entre o que a ciencia propón e o que certas relixións defenden como dogma indiscutible. Xurdeu en relación con isto a cuestión do evolucionismo. Pode ser compatible a aceptación do evolucionismo -que é o paradigma hoxe dominante nos estudos biolóxicos- coas relixións monoteístas que afirman que Deus creou todo? Pode selo tamén a teoría do Big Bang, aceptada hoxe pola física? No debate saíron situacións recentes nas que esa incompatibilidade se ten feito evidente como, por exemplo, a presión de sectores relixiosos nos Estados Unidos a favor de que os estudos evolutivos fosen prohibidos en centros de ensino, ou que fose obrigatorio acompañalos da exposición de teorías -como a teoría do “deseño intelixente”- compatibles co creacionismo relixioso.
O debate quedou aberto para continualo coa análise dos textos que non puideron ser presentados, e que propoñen concepcións menos “radicais” que a de Hinde, incluída unha que defende expresamente, non só a lexitimidade de ter ideas relixiosas (lexitimidade que ninguén nega), senón que mesmo a reflexión racional reclama o pensamento relixioso. Este xoves, logo, continuaremos o debate.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe