RSS para
Artigos
Comentarios

Como sabedes, estamos a traballar na aula a Lóxica e, dentro desta, temos estudado as falacias. Temos visto tamén que moitas desas falacias gardan algunha relación coas argumentacións demagóxicas frecuentes xa nos debates da democracia ateniense (s. VI a IV a. C.). Xustamente chamamos “demagoxia” ao uso de argumentos falaces, facéndoos pasar por correctos, co obxecto de enganar ao pobo (o “demos”) e manipulalo ao servizo dos intereses agochados dos demagogos.
Pois ben, o tema que se vos propón para desenvolver durante o vindeiro mes é:
A DEMAGOXIA NAS DEMOCRACIAS CONTEMPORÁNEAS
Trátase, logo, de investigar se tamén nos parlamentos democráticos actuais, a comezar polo parlamento autonómico galego e o español, é posible detectar o uso de argumentacións falaces características das intervencións demagóxicas. Para iso suxírovos consultar informacións (na prensa ou nos informativos e outros programas das televisións) sobre os debates políticos. Que argumentos se utilizan? Detectades algún que poida ser asociado coas falacias estudadas en clase (ad hominem, tu quoque, ad populum, ex populo, falso dilema…)?

parlamento-aleman.jpg
Caso de, efectivamente, ter detectado o uso de algunha destas falacias, a cuestión seguinte a resolver sería esta: por que credes que, sendo perfectamente coñecido desde ben antigo o carácter falaz deses argumentos, aínda se seguen a utilizar? Por que a democracia non ten conseguido erradicar a demagoxia?
E a cuestión final sería esta: Hai algo que se vos ocorre que se podería facer para mellorar os procedementos democráticos na dirección de dificultar o éxito dos demagogos?

beiras-no-parlamento.jpg

feijoo.jpg

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe