TRABALLO DO MES DE MAIO
19 May, 2015 por admin
A DEMOCRACIA E OS SEUS RETOS
Tendes nacido nun sistema democrático, isto é, un réxime fundado na liberdade dos cidadáns. Pero cómpre que lembredes que, ao longo da historia, a democracia ten sido algo excepcional. Por iso pode afirmarse que a democracia, e con ela as liberdades individuais, son bens historicamente fráxiles que deben ser protexidos e defendidos, se consideramos que están entre os valores principais que deben orientar a vida humana.
O que se vos proporá de seguido é valorar algúns fenómenos característicos das nosas sociedades contemporáneas que, segundo algúns observadores e analistas, poden constituír (ou derivar en) auténticos perigos para o futuro da democracia. A partir deles, do que se trata é de que desenvolvades os vosos propios argumentos a respecto das seguintes cuestións:
a) en que medida considerades que eses fenómenos constitúen perigos reais ou, pola contra, esa consideración vos parece esaxerada;
b) de que xeito os tales perigos –reais ou esaxerados- poden, en calquera caso, ser combatidos e corrixidos, respectando os principios democráticos básicos.
Debedes desenvolver as vosas respostas argumentadas en forma dun breve ensaio, escollendo exclusivamente un só dos fenómenos propostos. Como en moitos casos se fai referencia a situacións ou episodios históricos concretos, é conveniente que vos informedes debidamente deles antes de elaborar o voso ensaio.
As respostas deben estar entregadas antes do día 5 de xuño.
FENÓMENO 1: Os límites da tolerancia.
Un dos principais dilemas que debe afrontar a democracia é a determinación dos límites da tolerancia. En efecto: se a democracia é tolerante mesmo cos intolerantes (p. ex., con organizacións políticas que pretenden cambiar o réxime de liberdades democráticas por outro de características diferentes), corre o perigo de que os intolerantes aproveiten a oportunidade de acceder ao poder, que a democracia ofrece a toda organización política, para conquistar o goberno e as outras institucións do estado, para desde elas destruír a democracia mesma. Isto é o que algúns pensan que aconteceu na República de Weimar en Alemaña, permitindo que o partido nazi conquistase o poder por vía democrática. Unha vez no goberno, os nazis encargáronse de destruír o réxime democrático utilizando os instrumentos do propio estado (os 3 poderes, lexislativo, executivo e xudicial; a policía, o exército).

Hitler primeiro ministro, co presidente Hindenburg
Pero, se a democracia é intolerante con determinadas organizacións, córrese o risco de que os partidos no poder utilicen esas restricións en favor propio para limitar o exercicio da liberdade por parte dos grupos opositores, baixo a acusación de seren “antidemocráticos”, e dese xeito tamén se estará afogando a democracia. Isto é o que, segundo algúns, ten ocorrido nalgúns estados democráticos que prohibiron ou limitaron en alto grao a posibilidade de participar na vida política dos partidos comunistas, baixo a consideración de que, se era lexítimo prohibir os partidos de ideoloxía nazifascista, tamén debería selo prohibir os partidos comunistas, dado que os réximes comunistas desenvolveron sistemas totalitarios onde accederon ao poder (URSS, China, Cuba…). Así, nos Estados Unidos, durante a primeira fase da chamada “guerra fría” (anos cincuenta do pasado século XX), se produciu o “macarthysmo”, un movemento liderado polo senador MacCarthy que perseguiu a numerosas persoas vinculadas co mundo do cine baixo a acusación de simpartizaren coas ideas comunistas.

Os “Dez de Hollywood”. Directores e guionistas de Hollywood enxuizados por pertencer ao Partido Comunista durante a “caza de bruxas” instigada polo senador McCarthy
Como escapar deste dilema? Cales deben ser as institucións que establezan os límites ao exercicio da liberdade? Cales os procedementos por medio dos cales os cidadáns poden protexer as súas liberdades?
FENÓMENO 2: A televisión e a democracia.
Diversos autores teñen denunciado que a influencia dos medios de comunicación, e en especial da televisión, na conformación da opinión pública, constitúe un auténtico atentado á democracia. Isto sería así debido a, polo menos, dous factores:
1. Aconcentración do poder mediático en mans duns poucos “magnates” que controlan os medios máis influentes (Murdoch en Gran Bretaña e os Estados Unidos, Berlusconi en Italia, mesmo hai quen di que o poder de PRISA en España ameaza con conseguir algo parecido). O control dos medios implica o control da información e o control da información trae consigo o control da opinión pública. O exemplo de Berlusconi en Italia sería paradigmático: sen ningunha organización política detrás e sen ningún proxecto ideolóxico definido, Berlusconi conseguíu gañar as súas primeiras eleccións e converterse no político máis influente do país durante un longo período de tempo.

Berlusconi preparándose para participar nun programa de televisión
2. A imposición da chamada “tiranía da audiencia” (só os programas que conseguen audiencias superiores ao 25 % dos espectadores son rendibles para as emisións publicitarias, que son quen realmente financian as televisións) impón un tipo de programas de contidos superficiais, dirixidos case exclusivamente ao entretemento, que exclúen o debate político en profundidade. Mesmo as campañas electorais dilucídanse preferentemente a través da televisión e, como consecuencia, estase a impoñer un tipo de propaganda política cada vez máis indistinguible dos avisos publicitarios (“véndese” un candidato como se vende un deterxente, un automóbil ou un refresco). A discusión de ideas e proxectos resulta case imposible no medio televisivo, e así o debate democrático se reduce a escoller entre candidatos (ou candidatas) máis ou menos “telexénicos” (que quedan ben na pantalla televisiva porque son máis “guapos” ou máis “elegantes”) e os eslóganes simples e de carácter populista (que se dirixen máis a conmover, a provocar emocións, que a convencer mediante argumentos racionais) se impoñen sobre as ideas complexas que precisan tempo para ser desenvolvidas.
Teñen razón estes autores? Se non o cres, explica por que non a teñen. Se cres que levan razón, como cres que a democracia pode ser defendida deste perigo?
FENÓMENO 3: Os videoxogos, as novas xeracións e a democracia.
Hai quen opina que a influencia sobre as novas xeracións de certos produtos mediáticos caracterizados polos contidos altamente violentos, pode constituír tamén unha ameaza para a democracia. Isto ocorre con moitas películas e telefilmes pero, sobre todo, cos videoxogos. Segundo estes críticos, os adolescentes que medran tendo estes produtos como principal alimento cultural, acaban interpretando o mundo coma un videoxogo máis, ou como unha película de acción. Nos dous casos a sociedade divídese entre grupos hostís que se combaten incesantemente e a única aspiración dos individuos consiste en matar para evitar que os maten.
Estes adolescentes dificilmente se acabarán convertendo en cidadáns responsables, capaces de comprender a complexidade da vida democrática, onde o teu rival político non debe ser visto coma o teu inimigo. A derrota do opositor democrático non implica a súa destrución, coma acontece no videoxogo, nin a discrepancia coas súas ideas xustifica o deprezo ou menosprezo das persoas que as defenden. Ao contrario, en democracia o triunfo electoral en ningún caso pode vir acompañado da agresión ou violencia contra os opositores derrotados. Mais como se pode agardar outro tipo de comportamento dun adicto aos videoxogos de “dispara e mata”?
Compartes este diagnóstico? Se o compartes, como debería reaccionar a democracia?: estaría xustificada a censura dos contidos dos videoxogos e das películas máis violentas?, abonda con restrinxir o seu uso aos adultos (acaso estes non poderían acabar tamén influídos)? Se non o compartes, explica por que.
FENÓMENO 4: Internet e a democracia dixital
A xeneralización de dispositivos electrónicos e a ampliación do universo comunicacional que trae consigo ten motivado dúas reaccións enfrontadas que, formuladas en termos extremos, podiamos resumir así:
Por unha parte estarían os defensores da Sociedade da Información como un cambio cara a unha cidadanía mellor informada e en consecuencia máis dificilmente manipulable polos poderosos. A posibilidade de formar grupos de influencia a través das redes sociais e a capacidade de expresar a propia opinión de forma inmediata diante de calquera situación non sería senón unha extraordinaria oportunidade para mellorar o exercicio da democracia. A futura “democracia dixital” poderá mesmo permitir a eliminación do Parlamento e da figura do político como intermediario, facendo real a vella “ágora” (praza pública) ateniense como espazo asembleario no que todo se discute e se decide.
Fronte a esta visión optimista, os críticos retrucan sinalando que a experiencia indica que as redes sociais non están sendo utilizadas maioritariamente para debater de política nin moito menos para artellar un fundamento argumentado das decisións a tomar para mellorar a vida dos cidadáns. Non hai máis que visitar as listas de “trending topic” semanais, ou os sitios web máis visitados na rede, ou os perfís de facebook con máis “me gusta”, para comprobar que os intereses dos usuarios das redes sociais están máis orientados ao comentario de comadres, o seguimento dos “famosos” profesionais ou o troco de fotos de viaxes. Cando raramente a política ocupa un lugar importante é para converter aos políticos rivais en obxecto de insulto, nunca para o intercambio de argumentos.
Con cal das dúas opcións coincides? Sexa cal sexa, lembra que debes fundamentar debidamente a túa opción. Tamén pode ser que non compartas ningunha das dúas e tamén nese caso debes fundamentalo para de seguido desenvolver o teu propio punto de vista.




