ENSAIO MES DE DECEMBRO
16 December, 2015 por admin
O ensaio deste mes deberá estar entregado como prazo límite o primeiro día de retorno de vacacións, día 7 de xaneiro de 2016.
O tema do ensaio é unha variante do que foi tema do faladoiro e xa que logo os textos propostos para a preparación deste tamén vos poden servir para preparalo. Cómpre que teñades presente, en todo caso, que o obxectivo non é facer un estudo académico sobre o tema senón desenvolver un punto de vista persoal, apoiado en argumentos.
RAZÓN E EMOCIÓNS
Ao final d’A República Platón (s. IV a.C.) propón expulsar da súa cidade ideal aos poetas porque considera que os seus poemas se dirixen ás emocións e dese xeito interfiren nos obxectivos da educación cidadán, que aspira a formar homes esencialmente racionais.


Unha idea que na Ilustración recuperará Rousseau (s. XVIII) na súa polémica sobre a función do teatro con D’Alembert: se este defendía a utilidade do teatro para formar cidadáns virtuosos, Rousseau cría que só alimentaba os vicios e os peores costumes. O argumento de Rousseau podería ser recuperado hoxe, por certo, para avaliar a función do cine, a televisión e os videoxogos, e seguramente con maiores razóns das que xustificaban a crítica do teatro no seu tempo. Pensaba Rousseau que, ou ben unha obra de teatro se dirixía a compracer as emocións máis elementais do público (amores e desamores, loitas de poder, egoísmos e disputas) ou ben fracasaría…

É dicir: calquera obra que se propoña “educar” será vista polo público como aburrida, falta de interese, e inevitablemente fracasará. Só as obras non “educativas” teñen éxito e estas non só non educan senón que “deseducan”. Non se pode aplicar este mesmo dilema ao que acontece hoxe coa maioría das películas, series de televisión e videoxogos?
Establécese logo unha oposición entre o emocional (ámbito das “paixóns” e os instintos, dos desexos sempre difíciles de dominar,) e o racional (ámbito do xuízo, mediante o cal é posible elevarse sobre esas baixas inclinacións para así acceder á verdade do espírito). Con moitas variacións, podemos dicir que esa oposición segue a estar presente tanto en moitas correntes filosóficas modernas e contemporáneas como nas prácticas educativas dominantes. Cando un se deixa dominar polas emocións, pénsase, non é quen de xulgar “obxectivamente”. Unha afirmación que, naturalmente, non é de todo errónea. Pero de constatar isto dáse o paso, como fixera Platón, a negar ou desprezar toda función emotiva nas eleccións racionais. Mais non é o mesmo dicir que ao ser “arrastrado” polas emocións (cando se está colérico ou deprimido ou namorado) un pode incorrer en xuízos erróneos, ou mesmo actuar impulsivamente (isto é, sen reflexión e xuízo previos), a establecer que para ben xulgar cómpre neutralizar toda emoción. É o paso que moitos pedagogos veñen denunciando nos modelos educativos dominantes: enfocados exclusivamente a educar a razón (a razón calculadora sobre todo, a “razón xeométrica” que no s. XVII defendía Descartes e criticaba Pascal como insuficiente) e reprimir as emocións.

Pois ben, os actuais estudos neurocientíficos teñen descuberto que en realidade esa escisión entre o emocional e o racional nunca se dá porque o noso cerebro está construído de tal modo que en toda elección racional intervén tamén unha carga emocional. O erro estaría logo en impoñer procesos de aprendizaxe que se dirixen a formar a un ser humano puramente racional que en realidade non existe. A teoría da “intelixencia emocional” advirte de que esa imposición educativa, que non pode anular unha dimensión emocional imposible de eliminar, si pode bloquear as emocións positivas que deberían acompañar sempre a toda aprendizaxe. A consecuencia é que os procesos educativos son vividos maioritariamente como procesos emocionalmente negativos, desagradables, dando lugar ao odio á escola, o que non tería por que ser necesariamente así. Ao contrario, desenvolvendo as estratexias que propoñen os defensores da intelixencia emocional, non só podería conseguirse que as tarefas de aprendizaxe non fosen acompañadas de emocións negativas, senón que ao ser vividas dunha maneira positiva tamén resultarían máis exitosas.


Utilizando unha imaxe contemporánea, poderiamos dicir que a educación fundada na escisión entre razón e emocións toma ao ser humano como se fose un simple computador dotado dunha intelixencia calculadora e instrumental. O grave é que ao facelo así non cabe excluír que esta educación non estea contribuíndo a formar individuos emocionalmente enfermos. Se teñen razón os neurocientíficos, nunca poderán facer de nós simples computadores, mais si poderían estar “fabricando” individuos neuróticos, con grandes dificultades para desenvolver unha vida afectiva plena e feliz.
É este un diagnóstico esaxerado? Tiñan razón Platón e Rousseau en advertirnos contra os espectáculos emocionalmente compracentes e manipuladores? É posible outro tipo de produtos culturais que ao tempo que nos conmoven emocionalmente nos axuden a pensar racionalmente mellor? É desexable e posible unha educación que se dirixa a formar tanto racional como emocionalmente?

Tócate a ti reflexionar e dar a túa opinión. E lembra que todas as opinións deben estar sempre debidamente argumentadas.