NOVO FALADOIRO: XOVES DÍA 10 DE MARZO
12 February, 2016 por admin
A temática do Faladoiro (que tamén será a do próximo Ensaio, segundo máis adiante anunciarei) será esta:
SOCIEDADE DA INFORMACIÓN OU SOCIEDADE DO CANSANCIO
Nos últimos faladoiros puxemos o acento sobre todo en ideas e autores que teñen advertido sobre os perigos asociados co desenvolvemento tecnolóxico. Moitos deses autores son cualificados de “tecnófobos”, é dicir, persoas que responden con medo fóbico aos novos avances da ciencia e da técnica. Hai por suposto tamén “tecnófilos”, é dicir, outros autores que consideran bo e positivo per se toda novidade producida polo chamado progreso científico. Para o próximo faladoiro decidimos contrapoñer dous enfoques que, sen que necesariamente debamos consideralos representativos dunha tecnofilia fronte a unha tecnofobia, si opoñen unha visión positiva dos potenciais das aplicacións científico - técnicas, en especial no eido da informática (Manuel Castells coa súa teoría da Sociedade da Información), contra outra negativa (Byung-Chul Han e a súa concepción da Sociedade do cansancio).
Os textos sobre os que debateremos atópanse na biblioteca e son:
Manuel Castells: Comunicación y poder. Páxs. 443-455, 470-473, 530-533.
Manuel Castells: Redes de indignación y de esperanza. Páxs. 239-253.
Byung-Chul Hal: La sociedad del cansancio. Páxs. 25-32, 33-39, 71-79.