ENSAIO MES DE ABRIL
29 March, 2016 por admin
EN QUE MUNDO VIVIMOS?
Os filósofos non fixeron máis ca interpretar de diversos xeitos o mundo,
pero do que se trata é de transformalo.
Karl Marx:Teses sobre Feuerbach. Tese XI.
Máis de 100 anos despois de que Karl Marx escribira esta frase, o mundo certamente se ten transformado moito. Porén, non parece que fosen os filósofos quen propiciaron esa transformación. Foi máis ben o desenvolvemento tecnolóxico o que ten provocado os acelerados cambios que farían que un home ou unha muller da época de Marx (século XIX), se puidesen trasladarse ao noso tempo, apenas recoñeceran nada do que constitúe a vida cotiá no noso século XXI. Acontece ademais que as aceleradas transformacións sociais semellan estar facendo ben difícil o labor de interpretar e dar sentido ao mundo que o pensador revolucionario alemán atribuía aos filósofos do pasado. O que se vos propón é que adoptedes como tema para o ensaio deste mes continuar vós ese labor: como cualificariades o mundo que vos tocou vivir?

Para iso, primeiro farei un reconto sumario de algunhas das interpretacións que acadaron certo éxito na segunda metade do século pasado e no que levamos deste, período no que se ten producido esa especial aceleración dos cambios de que antes falamos. Veredes que a miúdo os filósofos (e non só, tamén hai, por exemplo, sociólogos) acoden a metáforas mediante as cales tratan de atrapar a complexidade da nosa cambiante sociedade. Podedes propoñer vós a vosa propia metáfora ou apoiarvos nas que vos parezan máis plausibles das que aquí se enuncian, ou noutras que coñezades.
– Nos anos 60 os autores da Escola de Francfurt denunciaron a sociedade de consumo e a mercantilización da arte e a cultura, coa escisión entre unha cultura de masas banalizadora e a alta cultura (ou cultura “seria”, non banal) só accesible a unhas elites.
– No ronsel desa análise, o francés Guy Débord afirmou que vivimos nunha sociedade do espectáculo, dominada polas mensaxes publicitarias e o xogo das aparencias que encobre a ditadura do poder capitalista.
– O canadiano Marshal McLuhan puxo o acento sobre os medios de transmisión das informacións para salientar que estamos abandonando a Galaxia Gutenberg, dominada polo libro, para entrarmos nunha cultura da imaxe (fotografía, cine, televisión) que algúns deron en chamar, na súa honra, Galaxia McLuhan.
– O italiano Umberto Eco advirte que, diante do espallamento da cultura de masas da man das tecnoloxías de reprodución de imaxes e sons, se abren dous tipos de reaccións: a dos apocalípticos ou tecnófobos, que consideran que esta cultura vai traer consigo a destrución dos valores máis prezados da sociedade occidental; e a dos integrados ou tecnófilos, que aplauden os novos valores da “cultura popular”.

– Na liña dos “tecnófobos” destacan, entre outros, o estadounidense Neil Postman e o italiano Giovanni Sartori que coinciden en atacar especialmente o dominio da televisión. Para o primeiro, a presenza absoluta da televisión está a quebrar o paradigma epistemolóxico da tradición cultural occidental, baseada na distinción entre o verdadeiro e o falso, que o reino televisivo da publicidade fai xa indiscernibles. Para Sartori, a televisión substitúe ao “homo loquens” (o home que reflexiona e fala) polo “homo videns” (o home seducido polas imaxes), co que a democracia perde o seu fundamento (o cidadán elixe aos gobernantes, non en base aos mellores discursos sobre cales son as leis máis xustas, senón do mesmo xeito que escolle entre produtos comerciais, é dicir, seguindo modas, slogans e caras bonitas).
– A finais dos 70, outro francés, François Lyotard, anunciou a fin da modernidade e o xurdimento da posmodernidade, o que segundo el significa a imposibilidade de propoñer “grandes relatos” con pretensión de verdade, que fora a característica da modernidade ilustrada. O posmoderno confórmase con relatos fragmentarios, as veces non de todo coherentes entre si, que intentan atrapar síntomas ou signos inestables, diante da imposibilidade de afirmar verdades estables.
– Nesa liña, o italiano Gianni Vattimo falará dun pensamento débil fronte ao “pensamento forte” da modernidade ilustrada. Cómpre aceptar un san escepticismo no canto de pretender regresar ás “verdades” da modernidade que inevitablemente desembocan en dogmatismos ideolóxicos e tiranías políticas.
- Nos anos 80 ábrese paso con forza, en parte por influencia do posmodernismo, o cuestionamento do eurocentrismo e o patriarcalismo dos discursos filosóficos dominantes, o que dá paso aos chamados “estudos postcoloniais” e “estudos de xénero”. Mentres os primeiros reclaman tomar en conta os puntos de vista e a perspectiva dos ámbitos culturais silenciados polos discursos filosóficos occidentais (desde as civilizacións orientais ata a cultura dos chamados pobos indíxenas africanos, americanos, australianos etc); os segundos denuncian o silenciamento do lugar da muller neses mesmos discursos. Cuestiónase logo a pretensión de universalismo do proxecto ilustrado da modernidade.
– Xa nos 90, o español Miguel Castells salienta os cambios radicais que introduce a xeneralización de internet anunciando a Sociedade da Información que, segundo el, está chamada a transformar as relacións entre as persoas así como os procesos educativos e o propio exercicio da democracia.

– De novo os filósofos divídense fronte á irrupción das novas tecnoloxías e o imperio da transmisión instantánea de información que trae Internet. O español Javier Echeverría falará de Telépolis, unha nova cidade de cidadáns interconectados (telepolitas) que por vez primeira fan realmente posible unha democracia universal. Do outro bando, o francés Paul Virilio denuncia que o cibermundo, ao estar baseado en sistemas velocísimos de transmisión de información que superan as capacidades humanas de control, conduce inexorablemente a un accidente catastrófico, un “accidente global”, do que o crack bursátil de 1987 só sería un anticipo (hai quen di que a actual crise proba o acertado das previsións de Virilio).
– O polaco afincado en Gran Bretaña Zygmunt Bauman fala de modernidade líquida para destacar que na actual sociedade a descomposición dos valores da vella “modernidade sólida” acada ás identidades grupais e individuais; dito doutro xeito, as vellas identidades de grupo (étnicas, nacionais) fragméntanse e recompóñense constantemente ao tempo que o mesmo acontece coas identidades individuais e persoais. Na modernidade líquida ninguén pode dicir eu son “isto” (teño unha profesión, son veciño dun lugar, formo esta familia, mesmo teño este sexo …) porque as identidades líquidas están sometidas ao mesmo fluxo cambiante da produción e o consumo capitalista, dominado pola produtividade compulsiva e as modas.
– Xa nas primeiras décadas do século XXI, o coreano Byung-Chul Han, profesor nunha universidade alemá, describe as nosas sociedades como sociedade da transparencia e sociedade do cansazo. A primeira porque a difusión masiva das redes sociais tende a destruír a vella separación entre público e privado: todo é público, “transparente” e como consecuencia o individuo está sometido permanentemente á imposición dunha positividade abafante que se traduce no “inferno do igual”; a aparente diversidade das eleccións individuais encobre a homoxeneización redutora do cidadán democrático a simple consumidor. A segunda porque esa redución implica paralelamente á condición única do ser humano como “homo laborans”, escravo dunha produtividade incesante (desaparición, logo, da separación entre ocio e traballo: cando nos “divertimos” vendo unha serie na televisión ou consultando o facebook estamos en realidade producindo, traballando).
– Moi diferente é o diagnóstico do francés Michel Serrés quen, coa figura de Polgariña, asegura que cómpre aceptar que está a aparecer un novo suxeito que non pode ser interpretado coas vellas categorías, Co nome de “polgariña” designa as novas xeracións que manexan os móbiles movendo os dedos polgares (non como as vellas que o fan cos outros dedos, aplicando aos novos teclados as habilidades adquiridas coas vellas máquinas de escribir) e que, segundo el, estarían chamadas a producir unha revolución cognitiva, isto é, unha nova forma de producir coñecemento que xa non se basearía na reflexión privada individual senón na construción de ideas compartidas. Esta concepción coincidiría coas teses do conectivismo, defendidas por autores estadounidenses como George Siemens ou Stephen Downes, que anuncian unha nova era de construción de coñecementos en rede.

Poderiamos continuar… Como podedes ver, aínda observando certas semellanzas, o que predomina é a gran diversidade e en ocasións mesmo oposición das teorías coas que estes pensadores pretenden explicar o noso mundo. E ti, cal é a explicación que propós?