SOBRE OS ENSAIOS
12 April, 2016 por admin
A estas alturas do curso algúns aínda me preguntades que cómpre facer para redactar un bo ensaio. Alén das instrucións xerais que vos veño dado en clase, coido que pode ser interesante que tomedes algún ensaio feito por compañeir@s como referencia. Logo de pedir autorización aos autores para podelos publicar, velaquí tendes 3 bos ensaios que espero vos poidan servir de orientación. Por suposto, non se trata de que intentedes imitalos porque xustamente un dos valores esenciais dun ensaio é que responda a un punto de vista persoal. O ensaio non require unha documentación a fondo, non esixe citas doutros autores (aínda que, cando se recorra a elas, deben estar claras as fontes), tampouco unha argumentación exhaustiva e unha conclusión pechada. Nun ensaio poden facerse expresas as dúbidas, as inseguridades e as veces as preguntas poden ter máis peso que as respostas.
Espero, logo, que estes bos ensaios vos poidan servir de orientación.
A TÉCNICA EN RELACIÓN CO SER HUMANO
ENSAIO 1
Dende que se produciu a Revolución Industrial (dende metade do S. XVIII en Inglaterra) e despois, en moita maior medida, no desenvolvemento tecnolóxico do S. XX e XXI, a evolución da técnica foi espectacular. Os nosos coñecementos que ata aquel momento, como moito, foran medrando moi lentamente, aumentaron de forma rápida e vertixinosa. Este gran desenvolvemento no ámbito tecnolóxico causa, segundo algunhas opinións, unha menor utilización da razón (o aplicado nas sociedades de hoxe en día é máis ben unha razón instrumental, na que o que se domina é o coñecemento da técnica e dos procedementos para acadar un fin).
No meu punto de vista, o maior problema non é que a tecnoloxía avance a velocidade de lóstrego, senón que as persoas non estean educadas para non deixar que estes produtos creados por nós nos dominen. Que a ciencia progrese de forma rápida pode permitirnos vivir unha vida máis cómoda e fácil, polo que iso non debería supor ninguna desvantaxe. O que provoca o aspecto negativo desta cuestión é, como dixen antes, a educación. Os coñecementos ensinados nas escolas van dirixidos á aprendizaxe de procedementos: ensínanche como chegar ao fin proposto, non intentan que o alumno reflexione e adquira pensamento crítico. Por que buscamos chegar a eses determinados fins?
Ao non impulsar a reflexión nas escolas dende pequenos, facilítase o modelado de persoas fáciles de manipular, que en moitos casos é o que lles interesa aos grandes poderes e ao sistema económico que se atopa vixente na actualidade. Unha persoa que careza de opinión crítica é moito máis sinxela de controlar no traballo, podes sometela a peores condicións de vida sen que se queixe… o que supón un menor custo para as grandes empresas, que son as que controlan o mundo maioritariamente nestes momentos. Isto semella para min unha das razón polo que o modelo educativo que seguimos nesta época se centra na adquisición de coñecementos e no desenvolvemento do emprego da razón instrumental.
Outra das ideas que preocupa respecto a este tema é o mal uso que ás veces se lles dá aos aparellos electrónicos e ás novas tecnoloxías. Creo que a súa boa utilización está nas nosas mans, xa que cada un utiliza o que el cre bo e necesario; non está obrigado a utilizar determinadas aplicacións destes instrumentos. De todas maneiras, remítome ao anterior: cunha educación diferente podería concienciarse das implicacións que leva o uso destes dispositivos. No referido á extensión dos horarios laborabeis, iso creo que debería estar controlado, xa que cada empregado ten un horario concreto, e aínda que o seu xefe teña a capacidade de contactar con el grazas aos avances modernos, isto non debería supor que teña que estar dispoñible en calquera momento. Se tivera que estar pendente e libre ás 24 horas do día, estaríase indo en contra dos dereitos de todo traballador. Neste ámbito penso que nos últimos tempos si que se está indo neste sentido e reducindo os dereitos da clase traballadora.
En resumo, considero que o uso da numerosa tecnoloxía que a día de hoxe posuímos, pode ser utilizada en beneficio noso sempre que teñamos claro os obxectivos que seguimos ao empregala. No ámbito laboral ao que afectan as novas técnicas e a ciencia, estou a favor de que se creen leis que regulen este aspecto para evitar a perda de dereitos dos traballadores. Se seguimos estas pautas, dende a miña opinión, creo que os novos avances poden sernos útiles e positivos.
ENSAIO 2
Respondendo á primeira das dúas preguntas do ensaio, eu penso que non. A técnica, segundo a define o Dicionario da Real Academia Galega é o conxunto de procesos relacionados coa aplicación dos coñecementos científicos para a obtención de resultados prácticos, e o conxunto dos procedementos empregados na produción de calquera obra para obter determinados resultados.
Eu penso que actualmente, na sociedade na que vivimos, nos é imposible vivir sen a técnica, xa que é unha das nosas bases. Todo o que facemos está baseado nunha técnica que se foi desenvolvendo e mellorando co paso do tempo ata chegar aos nosos días. Esta técnica permítenos ter teléfonos móbiles, cos que nos podemos comunicar con calquera persoa en calquera sitio do mundo; ordenadores, que nun principio se empregaban como calculadoras pero que agora empregamos con diversos fins (ver peliculas, chatear, xogar, videoconferencias, realizar traballos…); ou incluso aparellos médicos que nos permiten diagnosticar enfermidades ou curalas de xeito máis rápido e efectivo.
Esta técnica desenvolveuna o ser humano posiblemente co fin de mellorar a vida das persoas axudándoas e facéndolles a vida máis fácil, aínda que despois se foi dirixindo cada vez máis a extremar o control sobre a poboación que adquiría os produtos. Estamos controlados polos produtores, para os que toda a humanidade é simple consumidora dos seus obxectos. Agora todo o que facemos deixa rastro: a tarxeta coa que se paga di onde mercamos, que mercamos, e mesmo as cámaras nas tendas captan a nosa imaxe de satisfacción ou desagrado ante os obxectos que alí vemos e, polo tanto, que é o que nos gusta e o que non para telo en conta. Tamén os ordenadores saben que nos interesa máis polas buscas que facemos. Pódese dicir que controlan o noso pensamento, porque, cando buscamos algo, o primeiro que aparece é xustamente aquilo que procuramos e non outra cousa que leve esa mesma palabra. E isto sucede con todos os seres humanos que utilizamos estes aparellos. Polo tanto, o que controla os ordenadores controla a humanidade e o peor será cando o fagan as mesmas máquinas contra todos nós.
Realmente, cando empregamos obxectos procedentes da técnica, non nos preocupamos de se esta domina as nosas vidas porque simplemente pensamos que non o fai, e que, se o fai, é para que todo sexa máis fácil, máis cómodo e mellor. En moitas ocasións esquecemos o porqué desa técnica e deixámonos dominar por ela e incluso a empregamos para outros fins contrarios aos que foi concibida.
Eu penso que finalmente chegamos a un estado no que a técnica nos domina e nós non podemos evitalo.
Como resposta á segunda pregunta eu penso que o mellor que podemos facer é non adquirir esas máquinas, aínda que actualmente levar isto a cabo é moi difícil por non dicir que é imposible. A tecnoloxía invádeo todo. En Galicia incluso os procedementos xudiciais e a declaración da renda a Facenda só se poden facer telematicamente. Cada vez hai máis procedementos que só se poden facer así. E que pasa coa xente que non dispón de aparatos ou de coñecementos para facelo dese modo? Non parece que isto sexa poñer as máquinas ó servizo da humanidade, máis ben parece o contrario; os nosos datos para as máquinas, que o saben todo de nós.
Aínda que pensemos que estamos escollendo libremente e que, como pagamos, somos os que decidimos o que mercamos, na realidade non é así. O noso querer por así chamalo está condicionado por diversos factores que nós non controlamos, como por exemplo a oferta limitada (as marcas poden poñer á venda un determinado grupo de produtos que a elas lles interesan sen ofrecer ningún produto substitutivo, e no caso das máquinas, elas poden poñer uns límites que nos non podemos cambiar).
Finalmente debemos acabar aceptando os límites do noso poder como consumidores que se reduce a poder escoller entre un produto ou outro nos estantes das tendas. Pero non debemos confundir isto coa liberdade, xa que esta non é algo que se poida mercar ou vender. Así e todo, cada vez somos menos libres coa invasión da tecnoloxía nas nosas vidas, que nós aceptamos encantados como algo que fai que vivamos mellor, aínda que nos escraviza sen decatarnos apenas ou que acatamos enfeitizados pola novidade.
ENSAIO 3
A técnica e a tecnoloxía (véxanse móbiles, tablets, ordenadores, etc.) entraron nas nosas vidas a modo de axuda. Máis esta “axuda” acadou por facer de nós seres dependentes das máquinas. De seguro que vostede, ao saír da casa, mentres baixa as escaleiras do seu edificio, se se da conta de que non leva o móbil enriba, volta á casa por él. Isto podémolo explixar dun modo moi sinxelo: sentímonos desprotexidos sen el. Pero, cómo chegamos a isto?
Coa xeneralización do internete e dos “smartphones”, caalqueira de nós podía acceder a todo tipo de contidos (fotos, información, música, películas, mapas…). Ademais, grazas ao whatsapp e demasi redes sociais, podemos manter correspondencia binaria de balde. Poderíase dicir que a nosa capacidade para solventar problemas viuse gravemente en desuso, chegando a atrofiarse nlgúns casos. Para qué nos imos preocuparnos por aprender a cambiar unha roda pinchada do noso vehículo se o podemos mirar no internete dado o caso? Despois, se resulta que pinchamos e non levamos o teléfono enriba, podémonos quedar tirados unha infinidade de horas ate que pase alguén que nos poida axudar. Este é un exemplo, pero se podería aplicar a moitas situacións de diversa índole. Outro que se me ocorre é o dos navegadores. Cando eu era pequecho, adoitábamos viaxar nas fins de semana, visitando case toda Galicia. Eu recordo de ir á cama a noite anterior á saída da excursión e ver a meu pai estudando os mapas e as diferentes estradas e autovías. Quedaba ata moi tarde ocupado por esta labor. Mais agora, coa axuda do navegador (agora veñen incluídos ata nos móbiles), un pode levantarse un sábado e decidir visitar Verín, sen saber cómo chegar alí. Se o seu smartphone se quedase sen batería polo camiño, estaría nun gran apuro.
A realidade é que dependemos totalmente das máquinas. Ademais, as redes socias teñen un poder aditivo maior ca algunhas drogas. Calquer adolescente que se prece revisa o seu “instagram”, “twitter” e “snapchat” alomenos unha 5 veces ó día. Só así se poden manter informados de todo. Se podería dicir que revisar as túas redes sociais é unha tarefa rutinaria, coma quen lava os dentes antes de ir á cama. Mesmo para entregar os traballos escolares (véxase este ensaio mesmamente).
A única solución que se me ocorre é un tanto drástica: eliminar todo aparello electrónico excepto os de uso doméstico (lavadora, lavalouzas, microondas ou forno). Só sendo eliminados poderemos abrir os ollos. Eu teño morriña de cando saía a xogar cunhas pistolas de gomas caseiras polo monte cos meus amigos sendo pequeno. Cando se nos metían os balóns debaixo dos coches ou quedaban atascados no cano da auga, cando organizábamos concertos para a familia coas frautas doces da escola… Coa chegada da tecnoloxía, agora quedamos na casa xogando a Xbox. E é que estas cousas che atrapan sen darte conta, e non te imaxinas un mundo sen elas. Por iso, eu sosteño que fai falta unha volta ó pasado mediante a eliminaciión destes trebellos. É a única solución posible.