ENSAIO MES DE DECEMBRO
1 December, 2016 por admin
IV OLIMPIADA FILOSÓFICA DE GALICIA
DISERTACIÓN FILOSÓFICA
TEMA:
NOVAS TECNOLOXÍAS E IDENTIDADES HUMANAS

O ensaio deste mes consistirá nunha Disertación Filosófica sobre o tema que aparece indicado máis arriba e que, como podedes comprobar, ten moito que ver coa temática do primeiro ensaio. Mais nesta ocasión o ensaio debe adoptar a forma dunha disertación.
En que consiste unha “disertación”? De forma moi sintética, podemos dicir que unha boa disertación consiste nunha exposición, oral ou escrita, que defende con claridade unha determinada tese sobre un tema, avaliando debidamente tanto os argumentos que sosteñen a tese como os que poderían refutala ou poñela en dúbida.
Para que a tese resulte clara cómpre que nalgún momento o autor defina perfectamente as ideas que manexa e como as interpreta. Nese sentido, precísase:
Que apareza debidamente definido o concepto de “Novas Tecnoloxías”: que entende o autor por NNTT? Cando comezaron a aparecer estas? De que maneira están transformando a sociedade?
Que igualmente estea claro que entende por “identidade humana” e así explique en que medida esa “identidade” tiña tales ou cales características antes da irrupción das NNTT, e en que medida esas características foron modificadas por esa irrupción.
Para a mellor clarificación destes conceptos, é conveniente o uso de exemplos (un -ou varios- determinado aparello ou uso dun aparello tecnolóxico que ten modificado unha determinada -ou varias- característica identitaria).
Desde a perspectiva filosófica é importante que se avalíen os pros e os contras desas modificacións: contribúen a que as persoas sexan máis “felices”?, “mellores” persoas?, a resolver importantes problemas sociais?, fan que estean mellor informadas?, fainas máis “intelixentes” á hora de tomar decisións?, favorecen a democracia ou a dificultan?, melloran as condicións de vida?, favorecen o igualitarismo ou incrementan as desigualdades? …? Tamén aquí pode axudar o uso de exemplos axeitados.
A estrutura final da disertación debería acomodarse a este modelo:
1. Presentación da tese, coa debida aclaración dos conceptos usados e a interpretación que o autor lles dá.
2. Exposición dos argumentos mediante os que sostén a validez da tese defendida.
3. Análise dos argumentos que poderían contrapoñerse aos argumentos favorables á tese defendida (isto non ten por que aparecer necesariamente separado do anterior senón que o autor pode tamén optar por ir avaliando cada contra-argumento a medida que expón os seus).
4. Conclusión final, na que se reafirma a tese inicial mediante unha síntese da argumentación coa que foi sostida.
Este traballo deberá axustarse a unha extensión máxima de 9.000 caracteres con espazo ou 1.600 palabras.
O alumnado que queira que a avaliación deste ensaio – disertación entre na cualificación da 1ª avaliación, deberá subilo ao blog antes do sábado día 10 de decembro. Os demais terán como prazo ata o último día de clases deste trimestre.
