RSS para
Artigos
Comentarios

ENSAIO MES DE XANEIRO

O tema para este ensaio é o mesmo que foi aprobado ao final do último faladoiro do pasado ano e que tamén abordaremos no faladoiro inmediato:
A VERDADE NA ÉPOCA DA POSVERDADE
Para afrontalo é conveniente que antes vos informedes sobre os conceptos de “posverdade” e “posfactual”, por exemplo neste artigo da wikipedia:

https://es.wikipedia.org/wiki/Posverdad

Como veredes, hai autores que advirten de que as redes sociais están provocando por así dicir unha desvalorización do concepto de verdade, que xa se tería visto afectado anteriormente por influencia da publicidade.
publicidad_1.jpg
En efecto, todos os medios de información, desde a prensa ata a televisión, están invadidos pola publicidade. Agora ben, todos somos conscientes de que os avisos publicitarios non din a “verdade” porque o seu obxectivo non é informar senón persuadir ao consumidor para que compre un produto. Como consecuencia, no mellor dos casos só nos informará de aquelas cualidades positivas dese produto, silenciando as negativas; no peor, simplemente mentirá. Xustamente por iso existen leis que perseguen a publicidade enganosa. Pero non é engano que un personaxe famoso diga que tal marca é “a mellor” e que por iso a usa, cando sabemos que só o di porque é pagado por facelo? E se todos sabemos que é así, por que permitimos que a publicidade o inunde todo? A maioría das persoas aseguran que a elas non lles afecta a publicidade. Mais se iso fose así, gastaríanse as empresas grandes cantidades de cartos en publicidade para convencernos de que merquemos os seus produtos?
publicidadespubl.jpg
Os críticos desa invasión publicitaria, que na actualidade nos rodea por todas as partes, aseguran que os seus peores efectos é que inducen na xente un cinismo xeneralizado: xa ninguén cre en nada porque todo é publicidade ou propaganda, é dicir, mensaxes orientados a convencernos de determinadas ideas, non a proporcionarnos informacións para permitirnos que nós xulguemos criticamente a partir delas.

Este fenómeno teríase incrementado a partir da irrupción das redes sociais. Nelas circula coa mesma facilidade o verdadeiro e o falso. E as xentes tenden a formar grupos con ideas afíns nas que escoitan o que queren escoitar, mentres rexeitan o que non coincide coas súas ideas. No canto do mundo trocado en “aldea global” ou “ágora (praza pública) universal” onde todo o mundo dialoga reflexiva e criticamente, o mundo das redes sociais parécese ao espazo da taberna, onde o que máis berra é o máis escoitado, e onde o intercambio de argumentos é substituído polo cruce de insultos e descualificacións.
manipulaciondemedios1.jpg
Nestes dous artigos podes atopar dous puntos de vista sobre este tema, que ti mesmo podes ampliar buscando, na web ou noutras fontes, outros, como por exemplo nestes artigos tomados da prensa:

http://elpais.com/elpais/2017/01/09/opinion/1483964006_772995.html

http://elpais.com/elpais/2017/01/03/opinion/1483472787_252512.html

O que se che pide con este ensaio é que desenvolvas o teu punto de vista sobre este tema preguntándote:
- Como podemos, neste contexto, identificar o verdadeiro discriminándoo do falso?
- Estamos obrigados a aceptar que xa non hai criterio para identificar onde está a verdade?
- Que consecuencias pode ter esta situación para o exercicio da democracia?
- Que consecuencias para as nosas vidas en xeral?

O prazo para a entrega deste ensaio conclúe o último día deste mes de xaneiro.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe