SER FILÓSOFO ONTE, SER FILÓSOFO HOXE
28 September, 2009 por admin

Representacións pictóricas do filósofo grego Demócrito de Abdera e da morte de Sócrates

Descartes, filósofo racionalista, e Locke, filósofo empirista do século XVII. Kant, filósofo ilustrado do XVIII

Karl Marx e Friedrich Nietzsche, dous filósofos alemáns do século XIX
Olla estas imaxes de filósofos. As máis antigas son representacións artísticas de algunhas das figuras filosóficas máis coñecidas. É famosa a realizada polo pintor renacentista Rafaello de Sanzio, un cadro de grandes dimensións, que se atopa no Vaticano, coñecido como “A escola de Atenas”.
Nel, este xenial pintor retratou aos máis coñecidos filósofos gregos da antigüidade clásica. Na wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/La_escuela_de_Atenas) podes atopar unha completa enumeración dos nomes dos filósofos e as figuras correspondentes. Tamén poderás descubrir que o “retrato”de algúns deles foi feito a partir de modelos de persoas contemporáneas ao pintor. Entre as excepcións están as dúas figuras principais, que representan a Platón e Aristóteles, os grandes mestres filosóficos da Atenas do século IV a. C. Destes existen numerosas esculturas antigas que supoñemos se inspiraban en representacións coetáneas e, xa que logo, probablemente se asemellaban ao Platón e o Aristóteles reais.
Compara agora estas representacións coas dos filósofos do período medieval (Agostiño de Hipona, Tomé de Aquino, canonizados pola igrexa católica como San Agostiño e Santo Tomé), e logo, tanto as primeiras como as segundas, coas dos filósofos modernos, desde Descartes ata os ilustrados. Finalmente, compara todos eles coas fotografías que xa temos dos filósofos contemporáneos, desde Karl Marx e Friedrich Nietzsche ata hoxe.

Agostiño de Hipona e Tomé de Aquino, filósofos medievais
Completa este exercicio comparativo mediante unha pequena pescuda sobre a biografía dun número reducido destes filósofos. Por exemplo, selecciona un ou varios nomes de cada período: un filósofo antigo, outro medieval, outro moderno e outro contemporáneo. Podes buscar os seus principais datos biográficos, ben nun dicionario de Filosofía (tes varios na biblioteca do instituto) ou ben a través de internet.
O seguinte paso é xa iniciar a análise comparativa. Atopas algunhas diferenzas notorias entre eles (tanto respecto das súas representacións incónicas como das súas vidas?, algunhas liñas de continuidade?

Simone de Beauvoir e María Zambrano, dúas filósofas do século XX
Fíxate, por exemplo, en que apenas hai mulleres. É que a filosofía é só cousa de homes? Decátate tamén de que todos os filósofos son europeos (só Agostiño de Hipona naceu en África, na antiga Tunicia, pero cando era unha provincia do imperio romano). É a filosofía só cousa dos europeos ou, cando menos, dos occidentais (non hai filósofos africanos, nin chineses, nin xaponeses…)?
Como describirías a actividade á que se dedican os filósofos? Cal é a súa práctica? É ser filósofo unha profesión? Ou os filósofos deberon dedicarse a algunha outra actividade profesional para se gañaren a vida? E na actualidade? Coñeces o nome de algún famoso filósofo de hoxe mesmo en Galicia? E en España? E no mundo?
Cres que a actividade filosófica tivo algunha repercusión importante no pasado na vida das sociedades en que os filósofos desenvolveron a súa actividade? Que tipo de repercusión ou influencia? Cres que esa repercusión e influencia son hoxe en día maior ou menor?

Ortega y Gasset apoiou a República Española aínda que despois foi tamén crítico co seu desenvolvemento. Heidegger afiliouse ao partido nazi e colaborou co III Reich. Jean Paul Sartre participou activamente nas mobilizacións estudiantís do maio do 68. Tres exemplos de filósofos do século XX con compromisos políticos moi diferentes.
A partir das respostas a estas preguntas deberías construír a túa propia imaxe do filósofo de onte e de hoxe.



3. PREGUNTAS
Atopas algunhas diferenzas notorias entre eles (tanto respecto das súas representacións incónicas como das súas vidas?, algunhas liñas de continuidade?
A diferenza que atopo é que cada un deles provén de diferentes clases sociais, e ao fin todos triunfan da mesma maneira.
Fíxate, por exemplo, en que apenas hai mulleres.
É que a filosofía é só cousa de homes?
A explicación que lle atopo a este feito é que antigamente as mulleres non estudaban, e entón por iso non había mulleres filósofas.
Decátate tamén de que todos os filósofos son europeos (só Agostiño de Hipona naceu en África, na antiga Tunicia, pero cando era unha provincia do imperio romano).
É a filosofía só cousa dos europeos ou, cando menos, dos occidentais (non hai filósofos africanos, nin chineses, nin xaponeses…)?
A filosofía deuse neste países porque ten influencias coa relixión, a ciencia e a política.
Como describirías a actividade á que se dedican os filósofos? Cal é a súa práctica?
Os filósofos buscan a verdade, creen ter a verdade.
É ser filósofo unha profesión?Ou os filósofos deberon dedicarse a algunha outra actividade profesional para se gañaren a vida? E na actualidade?
Ser filósofo non é unha profesión, por iso os filosófos teñen outras profesións a parte de ser filósofos
Coñeces o nome de algún famoso filósofo de hoxe mesmo en Galicia?
Si, a Ramón Piñeiro (adicouselle o día das letras galegas).
E en España?
Si, a Fernando Savater (escritor do libro “ética para Amador”).
E no mundo?
Non.
Cres que a actividade filosófica tivo algunha repercusión importante no pasado na vida das sociedades en que os filósofos desenvolveron a súa actividade? Que tipo de repercusión ou influencia? Cres que esa repercusión e influencia son hoxe en día maior ou menor?
Si, porque a filosofía é imprescindible na vida. Ademais, tamén tivo influencia nos pensamentos relixiosos e sociais.
Penso que hoxe en día a influencia é igual á da antiguididade.
Avaliación:
En principio agradezo que non amoreas unha lista inútil de nomes e biografías copiadas de calquera lugar como fan moitos dos teus colegas. Pero non me queda senón recoñecer que as respostas as preguntas son dunha vaguidade tal que amosan que moi probablemente non lles tes dedicado nin cinco minutos a preparalas. Por outra banda, inclúen tamén afirmacións as veces falsas, contraditorias con cousas ditas en clase ou cando menos moi incertas. Así, dis: ”que cada un deles provén de diferentes clases sociais, e ao fin todos triunfan da mesma maneira”. Pois sucede que na antigüidade todos procedían da clase aristocrática ou cando menos non artesá, na idade media maioritariamente pertencían ao clero e aínda no mundo moderno e contemporáneo son rarísimas excepcións os filósofos orixinarios de clase traballadora. En canto ao de “trunfar”, coido que confundes aos filósofos con participantes en concursos de televisión. Non creo que de ningún filósofo se poida dicir que “trunfou” ou “fracasou” no senso que ti aquí pareces aplicar.
Outra: ”A filosofía deuse nestes países porque ten influencias coa relixión, a ciencia e a política.” Non sei moi ben que queres dicir con isto (“influencias coa” ou “influencias da” ou “influencia á”…?). En todo caso, orixinariamente non había ciencia, así que daquela a filosofía podería darse en calquera lugar, e relixión e política desde logo hainas en todos os sitios.
”Os filósofos buscan a verdade, creen ter a verdade.” Por clase deberías saber que o segundo non é o mesmo que o primeiro: quen cre ter a verdade non anda na súa procura porque non o precisa.
”Ser filósofo non é unha profesión, por iso os filosófos teñen outras profesións a parte de ser filósofos”. Esta afirmación precisaría de unha documentación que non aportas e é moi discutible. P. ex., Platón dirixía unha escola de filosofía e non se lle coñece outra “profesión”: non equivale iso a exercer a “profesión” de filósofo?
Moi frouxo.
FILOSOFOS ONTE E HOXE
Repasando a vida dalgúns filósofos atraves dos séculos decateime de que o estudo da mente busca a mesma resposta con plantexamentos diferentes.
Por exemplo: No ano 384 a.J.C, en Grecia, Aristóteles, alumno de Platón adicou a súa vida o estudo. Traballa na corte de Filipo II como maestro de Alejandro hasta que sube o trono. Marcha a Atenas e funda oliceu onde enseña. Plantea a fondo a estructura da materia, a organización da vida, o poder do espíritu, a liberdade do home e o seu sentido tamén a trascendencia da divinidade.
Fundou a anatomía e a filosofía comparadas; tamén creou a lóxica como sistema formal.
Na época medieval Tomé de Aquino, Italiano (1225-1274) teólogo cristiano. Fundador da escola de teoloxía e filosofía.
Trata de demostrar a existencia de deus. Foi maestro na universidade de París, Roma, Nápoles, etc.
Na época moderna Galileo Galilei, Italiano (1564-1642). Astrónomo e físico. Considerado fundador da mecánica moderna é introductor das matemáticas para a explicación das leis físicas.
Experimenta ca caída dos corpos e formula o principio da inercia.
Estudia astroloxía, polo que entra en contradicion coa igrexa católica, sendo xulgado pola inquisición e obrigado a pedir perdón.
Nos nosos días María Zambrano, España (1907-1991) unha das poucas mulleres adicadas a filosofía (alumna de Ortega y Gaset) profesora na universidade de Madrid, tamén exerceu no exilio en México, Cuba e Puerto Rico.
O seu pensamento segue certas correntes do século XIX.Inseparable da poesía e a veces con carácter místico.
Como se pode ver os filósofos adican a súa vida a profundizar no seu propio pensamento, tratando de achegar os seus coñecementos a sociedade.
Tanto antiguamente coma hoxe son persoas cultas e formadas académicamente, debido as súas inquedanzas polo saber. Tendo a gran sorte de vivir do que lles gusta,
Estudando e divulgando do seu coñecemento.
Non todos o tiveron fácil no plantexamento dos seus ideais, debido a carga filosófica da súa exposición; I ndependentemente do século que lle tocara vivir.
Véxase Galileo ( s. XVII ) ou Ramón Piñeiro, encarcelado, pasando pola exiliada María Zambrano en pleno século XX.
Gracias o traballo dos filósofos/as a humanidade saeu da escuridade intelectual, abrindo a mente a novas posibilidades de pensamento, e polo tanto a novas formas de vida.
Posiblemente Europa foi a cuna dos filósofos máis recoñecidos debido a que nela se asentaron as civilizacións máis importantes.
Na actualidade pensó que non están recoñecidos coa importancia que merecen. Vivimos nunha sociedade consumista e superficial onde só importa o ter non o ser.
Avaliación:
En principio, os comentarios poden considerarse aceptables pero xenéricos de máis, de tal xeito que é imposible saber en que medida responden a unha reflexión persoal a partir de un estudo e unhas ideas propios.
Por outra banda, algunhas afirmacións son ou ben discutibles ou directamente falsas. Así: “Repasando a vida dalgúns filósofos a través dos séculos decateime de que o estudo da mente busca a mesma resposta con plantexamentos diferentes.” Non é exacto dicir que a filosofía consiste no “estudo da mente” aínda que ese estudo forme parte dela. Ese é o obxecto da “psicoloxía” (“psique” é unha palabra grega que se pode traducir por “mente” ou tamén por “alma”), que formou parte da filosofía durante moito tempo, pero había tamén outras partes (“física”, “metafísica”, “lóxica”, “epistemoloxía”, “ética”… en clase temos estudado a división da filosofía!). Ademais é absurdo dicir que procuraban “a mesma resposta”: se así fose, todos os filósofos dirían o mesmo. Supoño que máis ben queres dicir que procuraban respostas ás “mesmas preguntas” ou aos “mesmos problemas”.
“Estudia astroloxía, polo que entra en contradicion coa igrexa católica“. Esta afirmación contén dúas falsidades: a primeira, considerar a Galileo un “astrólogo” cando é o pai da moderna “astronomía”. Busca a diferenza entre “astroloxía” (unha pseudociencia) e astronomía. Logo, non tiña por que haber unha contradición entre o estudo da astroloxía ou mesmo da astronomía e a igrexa católica. De feito, a maioría dos astrónomos (e mesmo dos astrólogos) da época eran cristiáns (a división entre cristianismo católico e outros cristianismos apenas se tiña iniciado). A contradición prodúcese nun aspecto moi particular: Galileo defendía o heliocentrismo e a xerarquía católica o xeocentrismo.
“O seu pensamento segue certas correntes do século XIX“. Este é un exemplo de afirmación vaga que practicamente é o mesmo que non dicir nada. Cales correntes son esas? Ademais, seguro que querías dicir “XIX” ou máis ben “XX”, século ao que pertenceu Zambrano?
“Non todos o tiveron fácil no plantexamento dos seus ideais, debido a carga filosófica da súa exposición; Independentemente do século que lle tocara vivir. Véxase Galileo ( s. XVII ) ou Ramón Piñeiro, encarcelado, pasando pola exiliada María Zambrano en pleno século XX.” Home, se vas de Galileo a Ramón Piñeiro, non “pasas” pola Zambrano, porque esta foi contemporánea deste último e mesmo o sobreviviu.
Frouxo.
LETICIA SILVA IGLESIAS.- 1ºC
PLATÓN: (filósofo clásico)
Foi un dos grandes filósofos da historia. As polarizacións creadas por os presocráticos entre razón e experiencia, ser e devenir, un e múltiple confluíron na filosofía platónica que configurou durante siglos unha maneira de pensar occidental: O IDEALISMO. A filosofía platónica ten constituído a base das solucións que han destacado na primacía do pensamento no momento de resolver o eterno dualismo do espíritu e a materia.
RAMÓN LLULL: (filósofo medieval)
Naceu en 1232 e morreu en 1315. Era un teólogo, místico e poeta nacido en Mallorca e creador da prosa literaria catalana. A súa filosofía quedou enmarcada e con algúns elementos do pensamento oriental.
A expresión máis acabada do lulismo foi “ Ars Magna” que un método lóxico que se baseaba na reducción do razoamento ao cálculo.
O arte luliano era un método que permitía ascender e descender pola escala do ser.Tamén era unha arte do saber da memoria, unha mnemotécnica prodixiosa que facía posible lembrarse de todas as materias do saber.
Pero para Llull máis alá de todo o razoamento lóxico surxía o misterio de Deus.
RENÉ DESCARTES: (filósofo moderno)
É o primeiro e máis importante dos pensadores racionalistas da Idade Moderna. Naceu no ano 1596 e morreu no ano 1650. Construíu unha nova metafísica nas que confluíron tanto as conquistas do humanismo renacentista coma os avances producidos pola nova ciencia. Descartes tomou como punto de partida as matemáticas, xa que as súas proposicións non dependen da experiencia. Impulsouse para construír un sistema filosófico que fora tan certo e evidente coma as razóns matemáticas. Para alcanzar este obxetivo, era necesario desarrolar un método que permitira a distinción entre o verdadeiro e o falso, isto considérase coma o plateamento dunha teoría do coñecemento basada na separación do suxeito e o obxeto.
KARL MARX: (filósofo contemporáneo)
Naceu no ano 1818 e morreu no ano 1883. Era un historiador, economista e pensador. Na súa filosofía propuxo unha ruptura co sistema hegeliano. Marx rechaza toda a tradición filosófica anterior . A filosofía para Marx deixa de ser filosofía para converterse nunha aliada ca ciencia empírica, no saber concreto sobre a sociedade, un saber que é económico, histórico, sociolóxico e político e que trata de incidir na sociedade para transformala.
COMPARACIÓN:
Os filósofos de cada época diferencianse en que ao ser cada un dunha época a súa teoría é distinta porque cada un faina con respecto a súa época.
PREGUNTAS:
1- ¿A filosofía é só cousas de homes?. A miña opinión é que non, xa que a “filosofía”= amor pola sabedoría, entón penso que unha muller tamén lle pode importar a sabedoría e pode ser filósofa.
2- ¿É a filosofía só cousa dos europeos ou cando menos, dos occidentais?. Eu creo que hai filósofos de todas partes incluíndo os países que están fóra de Europa, e por exemplo o filósofo africano Kwasi Wiredu.
3- ¿ Como describirías a actividade á que se dedican os filósofos?. Pois eu o describiría coma un intento de conseguir respostas razoadas a determinadas cuestións.
4- ¿ Cal é a súa práctica?. Demostrar esas cuestións cas respostas que se consigan.
5- ¿ É ser filósofo unha profesión?. Eu penso que si, xa que a filosofía pode estudarse nunha carreira na universidade e é unha profesión coma outra calquera.
6- ¿ Os filósofos deberon dedicarse a algunha outra actividade profesional para gañarse a vida?. Pois eu penso que si.
7- ¿ E na actualidade?. Penso que o mesmo que dixen na pregunta 6.
8- ¿ Coñeces o nome de algún filósofo de hoxe mesmo en Galicia?.
9- ¿ E en España?. Sí, por exemplo Agustín García Calvo.
10- ¿ E no mundo?. Si, Luc Delannoy.
11- ¿ Cres que a actividade filosófica tivo algunha repercusión importante no pasado na vida das sociedades en que os filósofos desenvolveron a súa actividade?. Eu creo que si, xa que os filósofos eran os que empezaron a demostrar as cousas que pensaban e a facer que a xente se interesara polo saber.
12- ¿Cres que esa repercusión e influencia son hoxe en día maior ou menor? Eu creo que hoxe en día tamén é moi importante a filosofía xa que a estudamos e nos interesamos por saber o que fixeron os filósofos de antes.
CONCLUSIÓN:
Pois eu penso que son moi distintas, xa que na filosofía de antes pensaban dunha maneira distinta a da filosofía de hoxe e ademais os filósofos de esa época creían nas cousas das súas épocas e querían demostrar cousas das súas épocas, en cambio na filosofía de agora demostran cousas de estas épocas e teñen máis recursos que antes.
CORRECCIÓN:
As fichas dos filósofos citados son simplemente reproducidas tal cal dunha fonte que non se cita, cando debería ser citada. Por outra banda, inclúen afirmacións que moi probablemente non domina a autora como, p. ex: “As polarizacións creadas por os presocráticos entre razón e experiencia, ser e devenir, un e múltiple” ou “dunha teoría do coñecemento basada na separación do suxeito e o obxeto”. Nun traballo, todo canto se escribe debe ser previamente ben comprendido e, en caso contrario, ou ben se pregunta ao profesor ou simplemente non debe ser incluído. En canto á resposta ás preguntas, que é a parte máis persoal, apenas se fundamentan e, cando se fai, cáese en evidentes contradicións. Así, contéstase que ser filósofo é unha profesión porque existe como carreira para de seguido afirmar que os filósofos tiveron que dedicarse a outras actividades para sobrevivir tanto no pasado como no presente. Isto equivale a dicir que a maioría dos filósofos non puideron, no pasado, nin poden, na actualidade, dedicarse á súa “profesión”. E, daquela, por que son considerados filósofos? Diríase que un arquitecto é arquitecto por ter a carreira aínda que logo profesionalmente traballase como actor de cine? Incluiríase o seu nome nunha historia da arquitectura ou nunha historia do cine? Obviamente, a autora non sentíu a necesidade de explicar esta contradición porque seguramente nin sequera foi consciente dela, simplemente contestou ao chou.
Chámame a atención que case todos os traballos citen ao mesmo autor africano (Kwasi Wiredu, para min un completo descoñecido) e, no caso deste traballo específico, a un filósofo francés (Luc Delannoy) do que tamén ignoro todo. Debo supoñer que os meus alumnos están moito máis ao día da filosofía contemporánea ca min…? … ou máis ben que todos eles acaban “cazando” os mesmos nomes no Rincón do vago ou nalgún outro sitio de internet? Non se trataba de citar un nome por citar senón de facer pescudas (non abonda con marcar google e coller o primeiro que saia na primeira referencia) para identificar cales son os filósofos máis recoñecidos. Desde logo, non o son Kwasi Wiredu ou Luc Delannoy neste momento. Se cadra, serano no futuro…? Por certo, ao advertir tanta cita destes autores, eu fixen a miña propia pescuda e certamente parécenme ben interesantes pero dubido moito que vós os teñades escollido polo interese que os xeraron. Ou é que ti, Leticia, tes realmente un grande interese polos problemas de interculturalidade e a ética do consenso (sabes o que significan estes termos?), tema principal da obra de Wiredu, ou polas neurociencias aplicadas á estética, un dos temas de Delannoy? Se fose así, podes demostrarmo presentando un traballo adicional sobre o pensamento destes autores e vereime obrigado a corrixir a avaliación deste primeiro traballo.
Ata entón, debo cualificalo como moi frouxo.