RSS para
Artigos
Comentarios

Como sabedes, este curso estou experimentando co traballo por medio da aula virtual. Algúns de vós téndesme dito que preferiades que os traballos mensuais puidesen presentarse de maneira que só fosen accesibles á lectura do profesor. Paréceme unha petición razoable pero non encontro na configuración o dispositivo que me permita garantir esa confidencialidade. En consecuencia, mentres non consiga solucionalo, utilizaremos o foro da aula virtual para a consulta aberta de cuestións e o debate de ideas. Os traballos finais poderán colocalos no blog da mesma aula virtual quen non teñan inconveniente en que outr@s poidan acceder a velos. Os que prefiran que non sexa de acceso público, deberán mandarmos a través deste blog como comentario a esta entrada.
manwithdoors.jpg

O exercicio, tal como foi adiantado en clase, consistirá nunha redacción en forma dun breve ensaio sobre as dúas tendencias ideolóxicas que viñeron caracterizando o debate político ao longo do pasado século XX: o liberalismo que defende a condición inseparable entre economía de mercado e democracia; e o socialismo marxista que denuncia á democracia capitalista como puramente “formal” e esixe unha transformación revolucionaria do Estado nun sentido igualitario. Aquí non teremos en conta a cuestión dos Estados comunistas que, ao eliminar as liberdades cidadás e impoñer o partido único, derivaron nunha forma de totalitarismo, senón os modelos de socialismo democrático impulsores do chamado Estado de Benestar. Neste sentido, trátase de discernir o carácter máis ou menos xusto de dúas modalidades en principio igualmente democráticas: o liberalismo defensor do chamado “Estado mínimo” fronte ao socialismo defensor dun Estado intervencionista.

PRAZO DE ENTREGA DO TRABALLO: ATA A MAÑÁ DO VENRES DÍA 13, DE FACERDES A ENTREGA POR ESCRITO (PODEDES ENTREGALO EN CONSERXARÍA) OU AS 24 H DO DOMINGO DÍA 15, SE O MANDADES POR INTERNET (RECOMENDADO)

Como base para o voso ensaio, ademais do que foi exposto e debatido en clase, se vos propón a lectura do texto seguinte (que, desde logo, pode ser complementada coas lecturas adicionais que consideredes oportunas):

O PUNTO DE VISTA LIBERAL

A chamada ideoloxía liberal defende desde as súas orixes a estreita relación entre capitalismo e democracia, unha relación que desde o punto de vista histórico é indiscutible porque a democracia apareceu nos países capitalistas. Agora ben, a democracia política en principio non ten por que implicar en si mesma a obriga de adoptar un determinado modelo económico. Pola contra, debería aceptarse que se a maioría apoia a un partido político que defende un modelo económico diferente, este modelo debería ser implantado de acordo co criterio democrático.

Contra este suposto, os liberais argumentan que se algunha vez tal cousa se producise, a democracia acabaría desaparecendo. De feito, o sector máis radical dos liberais (os chamados hoxe en día “neoliberais”) aseguran que a política económica dos partidos socialdemócratas, que exerceron o poder nalgúns países europeos (entre eles, o PSOE en España), ao limitar os mecanismos do libre mercado, teñen introducido graves restricións ás liberdades democráticas básicas.

O argumento pode resumirse do seguinte xeito:

Para a ideoloxía liberal, a responsabilidade do goberno non é dicirlle aos cidadáns como deben vivir, nin sequera garantir tales ou cales cousas para que vivan “mellor”. A idea da “vida boa” é algo privado que cada individuo ten todo dereito a concibir de forma libre e independente. Pensar que o goberno debe dicirlle aos cidadáns en que debe consistir esa “vida boa” é seguir aferrados á idea dun goberno paternalista, no que o “Pai Estado” protexe, guía e finalmente obriga aos individuos a adoptar un determinado modo de vida, e ese tipo de Estado conduce inexorablemente ao totalitarismo fascista ou comunista. Para os liberais, ao contrario, o Estado debe limitarse a preservar as liberdades individuais garantindo exclusivamente que o exercicio desas liberdades non agreda e impida o exercicio das liberdades dos outros.

Issaiah Berlin
Issaiah Berlin, un dos máis reputados ideólogos do liberalismo

Entre estas liberdades básicas inclúese a liberdade económica, o que significa que a propiedade privada e a liberdade de mercado (liberdade para a circulación e inversión dos capitais; liberdade para crear empresas, contratar traballadores e fixar salarios; liberdade para fixar prezos, liberdade para obter beneficios) deben ser considerados como dereitos democráticos básicos. Xa que logo, o Estado debe tan só coidar de que as regras do libre mercado se respecten, isto é, garantir a libre competencia e impedir a concentración monopolista dos capitais. En cambio, están en desacordo con que o Estado pretenda regular os prezos ou os salarios, ou que decida que cousas deben producirse ou que cousas non. Entenden mesmo que o Estado de ningún xeito debe facer investimentos produtivos ou financieiros senón que iso debe deixalo exclusivamente aos cidadáns privados. O neoliberalismo máis radical considera que todos os servizos públicos, agás o exército e a policía, deberían deixarse á autonomía do mercado. Así, a educación e a sanidade, segundo eles, sería máis eficiente e máis democrática (no sentido de máis respectuosa coa liberdade dos cidadáns) se o Estado non interviñese nela.

A CRÍTICA DE ESQUERDAS AO LIBERALISMO

Analicemos agora brevemente os argumentos dos críticos do liberalismo (entre os que se inclúen diversas sensibilidades ideolóxicas, desde o republicanismo e a socialdemocracia ata o comunismo e o anarquismo). Para estes a concepción liberal, especialmente na súa variante máis radical do neoliberalismo, conduce a un capitalismo “salvaxe” no que os “fortes” (os máis ricos) acaban explotando no seu beneficio aos máis “débiles” (os pobres). O Estado ten a responsabilidade de, como mínimo, establecer medidas compensatorias que tendan a atenuar e finalmente facer desaparecer esas extremas desigualdades. Isto é o que fai o chamado Estado de Benestar mediante un sistema impositivo proporcional (os máis ricos pagan máis impostos, os pobres menos) e redistribuidor (os investimentos públicos tenderán a proporcionar servizos públicos aos cidadáns que doutro xeito dificilmente poderían obtelos por si mesmos, especialmente a través dun sistema público de educación e sanidade). Ademais –e isto é o esencial con respecto á cuestión da democracia- a intervención estatal orientada á compensación das desigualdades económicas é indispensable para a formación dunha cidadanía democrática participativa e efectivamente soberana. Porque a sociedade capitalista, escindida nunha minoría economicamente moi poderosa e unha maioría de traballadores asalariados, acaba baleirando de contido ás institucións democráticas no sentido de que o poder do capital (os poderes económicos) controla e somete aos seus intereses ao poder político (os partidos políticos, o parlamento, o goberno, o sistema xudicial). Isto é o que a crítica marxista tradicional chamaba “democracia formal”, isto é, unha democracia nas formas, que transmite ao pobo a crenza de que é el quen decide cando vota nunhas eleccións rituais cada certo tempo aos seus representantes, agochando que na realidade a libre decisión da cidadanía ten uns límites intocables: o respecto aos intereses do gran capital.

Karl Marx
Karl Marx, un dos principais teóricos do socialismo

En consecuencia, reducir o papel do Estado con respecto ás decisións económicas, convertendo os mecanismos propios do sistema económico capitalista de mercado en supostos “dereitos” democráticos básicos, equivale a negar o exercicio da democracia. E ao contrario, recoñecer que o Estado ten a responsabilidade de intervir para favorecer a plena igualdade de acceso aos dereitos básicos por parte de todos os cidadáns, modificando no que sexa preciso o libre xogo do mercado, sería o único xeito de garantir unha auténtica democracia.

Para desenvolver o teu ensaio deberás:
- Avaliar os argumentos tanto do liberalismo como o dos seus críticos, sinalando os aspectos que che parecen convincentes e cales non.
- Os argumentos deben ser avaliados, non só desde o punto de vista da súa coherencia lóxica, senón desde a perspectiva dunha determinada concepción do que é xusto e o que é inxusto.
- Propoñer o teu propio punto de vista crítico, que poderá coincidir con algún dos dous enfoques, en todo ou en parte, ou distanciarse dous dous, en cuxo caso deberás tratar de fundamentar de forma argumentada o teu enfoque persoal.

A tertulia desenvolverase o xoves día 15 de maio, ás 17 h, no lugar habitual (biblioteca do centro). Quen queira preparar algún dos textos debería informar previamente ao profesorado para evitar repeticións.
En canto ao traballo, lembrade que é obrigatorio para cantos non esteades participando en proxectos de investigación. A data límite para enviar os traballos é o venres día 30 deste mes de maio.

A CRÍTICA PLATÓNICA Á DEMOCRACIA E AS DEMOCRACIAS CONTEMPORÁNEAS

En pleno século XXI, a práctica totalidade dos países desenvolvidos teñen réximes democráticos, isto é, os seus gobernos e representantes parlamentarios son elixidos en eleccións libres cada certo período de tempo, e respéctanse as liberdades básicas (de pensamento, expresión, reunión, folga, manifestación, asociación, etc.) e os dereitos humanos. Quere isto dicir que todo o mundo acepta que a democracia é o mellor dos réximes posible? Non hai ningunha alternativa política a este modelo?

votando-urna.jpg

Responder a estas preguntas é o que se vos pide neste traballo, que será tamén o tema para o debate da nosa tertulia, a última que desenvolveremos durante este curso, o XOVES DÍA 8 DE MAIO, no lugar e hora habituais (17 h, na biblioteca do centro).

Para afrontar a resposta a estas preguntas, en primeiro lugar, lembrarei unha das máis antigas e ben fundamentadas críticas da democracia, a que Platón formulou na Atenas do século IV a. C. Trátase de ver en que medida esa crítica, dirixida contra a democracia ateniense, pode ser aínda susceptible de ser aplicada ás democracias contemporáneas ou en que medida estas poden defenderse dunha tal crítica.

platon-academia-atenas.jpg

A crítica platónica á democracia podemos adaptala aos nosos tempos do seguinte xeito:

Supoñamos que somos propietarios dun magnífico cabalo de carreiras e que pretendemos presentalo a unha famosa e ben remunerada carreira. Non se nos ocorre reunir a todos os familiares, amigos e coñecidos e facer que voten entre todos para así decidir cal é o mellor procedemento para o adestramento do cabalo. Pola contra, procuraremos informarnos ben de quen son os adestradores máis prestixiosos, os que teñen conseguido máis triunfos con cabalos de características semellantes ao noso, e só entre eles seleccionaremos a quen encargar que prepare ao noso cabalo.

cabalo-carreiras2.jpg

Supoñamos agora que caemos doentes. Non reunimos ao redor da nosa cama a todos os nosos veciños para que mediante votación decidan a terapia que debemos seguir. Non, senón que, se podemos pagalo, chamamos ao doutor especialista máis prestixioso para poñérmonos nas súas mans.

medico-atende-doente.jpg

Así que, cando se trata de gañar nunha competición ou cando se trata de curar a saúde do corpo, non nos fiamos da decisión da maioría senón tan só da opinión dos especialistas, os expertos. Como se explica, logo, que no referente ao goberno das cidades e do Estado, que debería constituír o máis importante para nós porque a súa influencia recae sobre todos os aspectos das nosas vidas, aceptemos que sexa o voto da maioría quen decida?

Como podemos adxudicar o mesmo valor ao voto dun ignorante e ao dunha persoa culta, ao dun individuo lacazán e que nunca se preocupou de informarse sobre os asuntos públicos e ao dunha persoa ben informada e intelectualmente preparada?

E máis grave aínda: como aceptamos que poida chegar ao goberno do Estado un individuo calquera, sen ningún título ou preparación coñecida fóra da súa capacidade de persuadir a un gran grupo de xente para que lle entregue os seus votos?

Se temos en conta, ademais, que normalmente son máis as persoas pouco intelixentes cás moi intelixentes, a decisión da maioría condena aos países democráticos a seren gobernados non polos mellores, senón por hábiles mediocres capaces de engaiolar a unha maioría de ignorantes.

votacion-eleccions-galegas.jpg

Non sería, logo, máis razoable garantir que todos os cidadáns puidesen demostrar as súas capacidades nun sistema educativo aberto a todos pero fortemente selectivo? Só os mellores –en matemáticas, en economía, en socioloxía, en ciencias políticas: nos principais coñecementos que gardan relación coa xestión dos asuntos públicos- poderían superar as distintas seleccións que se irían aplicando. E só entre quen finalmente superasen esas probas se designaría ao ou aos que debería(n) gobernar. Falariamos daquela do goberno dos mellores, os verdadeiramente preparados para gobernar, os técnicos ou sabios nas artes do bo goberno.

Este enfoque seguramente foi tomado en conta polos guionistas da popular serie de televisión “Os Simpson” para desenvolver un dos seus episodios, que é obxecto dunha análise particular no libro Los Simpson y la filosofía (ver referencias). Nese episodio, Lisa, a irmá “lista” dos Simpson, únese con outras persoas consideradas de gran valía intelectual, para expulsar do goberno da cidade de Springfield aos seus corruptos dirixentes, que con todo foran elixidos en eleccións libres democráticas. Pero a “república dos sabios”, imitación da república ideal platónica, fracasa estrondosamente. Serán os propios cidadáns os que reclamarán o regreso dos corruptos porque non aturan a “tiranía” do saber.

Como interpretades vós este fracaso?

Pensades que só se trata dunha esaxeración cómica dunha serie de ficción? Ou quizais debemos darlle a razón a Platón e recoñecer que o vulgo ruín e ignorante prefire gobernantes coma eles, ruíns e ignorantes, e que polo tanto a democracia é contraditaria cun goberno sabio e xusto? Estaría, logo, xustificada a tiranía ou ditadura dos sabios (ou o goberno tecnocrático dos expertos) para obrigar ao vulgo a actuar decentemente segundo normas xustas?

simpson.jpg lisa-simpson.jpg

REFERENCIAS:
PLATÓN: A República (especialmente o Libro VIII)
Simon BLACBURN (2007): La historia de La República de Platón. Editorial Debate. (Capítulos 4, 8 e 14).
Aeon J. SKOBLE (2009): “Lisa y el antiintelectualismo estadounidense”. En IRVING, CONARD, SKOBLE (ed.): Los Simpson y la filosofía. Blackie Books.

Estes libros están a disposición de quen queira consultalos na biblioteca.
Lémbrase de novo que quen queira preparar algún destes textos para expoñelo na tertulia, debe advertilo previamente ao profesor para evitar repiticións.

Este traballo poderá ser entregado ata o último día deste trimestre (venres 11 de abril) ou o primeiro do terceiro e último trimestre (martes 22 de abril). Lémbrase que quen están a traballar sobre proxectos de investigación non están obrigados a facelo. Lembro tamén que os comprometidos nos traballos de investigación deben informar da marcha dos mesmos antes de concluír o trimestre porque deberán presentar un primeiro esbozo na semana inmediata despois das vacacións de Semana Santa.

No que respecto ao traballo para esta fin de trimestre, este esixirá tomar en conta as nocións sobre Filosofía da Ciencia (en especial as relativas á metodoloxía e a teoría da falsación popperiana) que foron desenvolvidas durante estes últimos días en clase.

karl_popper.jpg Karl R. Popper

O tema será a polémica entre EVOLUCIONISMO e TEORÍA DO DESEÑO INTELIXENTE. A Teoría da Evolución, concibida no século XIX polo gran biólogo Charles Darwin, completada coas achegas da xenética, é sen dúbida o paradigma aceptado na actualidade pola comunidade científica como o máis axeitado para explicar o desenvolvemento das especies biolóxicas.

exhibicion-darwin-2005.jpg
Cartel dunha exposición organizada con motivo do bicentenario de Darwin

Desde a súa formulación por Darwin, as distintas igrexas cristiáns manifestáronse en contra das súas teses por considerar que contradicía o creacionismo bíblico. Segundo esta interpretación da Biblia, Deus creou as especies biolóxicas, incluído o ser humano, tal e como hoxe son e, xa que logo, non hai evolución dunha especie cara outra; en especial, consideraban intolerable que se puidese considerar á especie humana produto da evolución dunha especie “inferior”, uns “monos”, dado que o home fora creado “á imaxe e semellanza do mesmo Deus”.

caricatura-darwin-1.jpg caricatura-darwin-4.jpg caricatura-darwin-6.jpg Caricaturas de Darwin, publicadas en vida deste, coas que se pretendía ridiculizar a súa teoría sobre a orixe do ser humano

Naturalmente, este debate, opoñendo por unha banda unha hipótese científica (a teoría darwinista) e por outra un dogmatismo relixioso (a Biblia como palabra de Deus), non é un debate científico porque este exclúe calquera dogmatismo.

Agora ben, desde finais do pasado século, certos biólogos estadounidenses veñen promovendo unha teoría, compatible co creacionismo e oposta ao evolucionismo, que presentan con pretensións de cientificidade. É a chamada “Teoría do deseño intelixente”. Segundo os defensores desta teoría, o evolucionismo non ten proporcionado probas satisfactorias da súa veracidade senón que é unha simple hipótese que en absoluto resolve o que trata de explicar. Ao contrario, consideran que hai sólidos argumentos en contra desta teoría, o máis importante o que denominan “complexidade irredutible”, que se podería resumir deste modo: así como, se atopamos un reloxo nunha illa deserta, non se nos ocorre pensar que é produto da hipotética evolución azarosa dos metais que se atopan na illa, senón que deducimos que tivo que ser deixado alí por un ser humano; do mesmo xeito é absurdo pensar que as estruturas orgánicas dos seres vivos, inconmesurablemente máis complexas cun reloxo, poidan ser resultado dunha evolución fortuita, por máis que esta se teña desenvolvido ao longo de miles ou millóns de anos. En conclusión, na orixe das especies biolóxicas só pode estar un ser intelixente capaz de deseñar estruturas tan complexas.

capa-libro-deseno-inteli8xente.jpg seminario-deseno-intelixente-chile.jpg Capa dun libro sobre a Teoría do Deseño Intelixente e cartel dun Seminario dunha universidade chilena dedicado a comparar a teoría evolutiva e a teoría do deseño intelixente.

O que se vos propón é visitar o sitio web que se citará de seguido, onde poderedes ler o cruce de argumentos entre defensores da teoría evolutiva e defensores da teoría do deseño intelixente. Deberedes analizar os argumentos duns e dos outros e decidir cales se axeitan ao modelo de método científico estudado na clase e por que, respondendo finalmente á seguinte cuestión:

Son tanto a Teoría Evolutiva como a Teoría do Deseño Intelixente dúas teorías científicas en disputa? Se é así, dispoñemos de algún criterio (científico, naturalmente) para decidir cal das dúas é válida na actualidade?

En caso de que a resposta sexa non, cal das dúas debe considerarse unha teoría seudocientífica e por que? Ou quizais as dúas merecen o cualificativo de seudocientíficas ou non suficientemente científicas?

O sitio web que debedes visitar é este:

http://www.actionbioscience.org/esp/evolucion/nhmag.html

caricatura-deseno-intelixente.jpg

Na tertulia de febreiro, o debate sobre o canon de beleza derivou cara á cuestión do lugar que ocupa a beleza nas artes contemporáneas. Naceu así a idea de facer unha visita ao Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago e tomar como base esa visita, ademais dunhas lecturas que ao final se sinalarán, para a nosa vindeira tertulia.
A visita xa está concertada para o mércores día 19 deste mes, ás 17 h, e contaremos cunha guía do departamento de educación do propio CGAG. Recoméndovos visitar a páxina web do Centro para informarvos da exposición qaue nos imos atopar, aínda que non é algo estritamente necesario:
http://www.cgac.org/
cabecera-expo-93_01.jpg
Despois da visita, e no mesmo CGAG, desenvolveremos a nosa tertulia que, tamén coma sempre, terá unha duración dunha hora, así que deberedes dispór de tempo, desde as 17 ás 19 horas.
Previamente, a clase do martes día 18 dedicarémola tamén a este tema, cunha breve conferencia ilustrada que impartirá o profesor.
En canto ás lecturas, as persoas que queiran preparalas poderán optar entre as seguintes:
Mario Perniola: El arte y su sombra. Cap. 3: “Warholl y lo posmoderno”. Cap. 6.2: “El antiarte situacionista y el evento” e Cap. 6.3: “El arte conceptual y la no indentidad”.
andy-warhol-282×400.jpg 4colors4words.jpg

Outras lecturas posibles se poden atopar nos seguintes sitios da web:
Andy Warhol, fashion pop en el arte contemporáneo
Por Gerardo Ayala agosto 6, 2013
- See more at: http://culturacolectiva.com/andy-warhol-fashion-pop-en-el-arte-contemporaneo/#sthash.fWpgfYOW.dpuf
http://culturacolectiva.com/andy-warhol-fashion-pop-en-el-arte-contemporaneo/

DUCHAMP. EL ARTISTA DEL SIGLO XXI
http://sdelbiombo.blogia.com/2008/101701-duchamp.-el-artista-del-siglo-xxi.php

¿Qué es un ensamblaje artístico?
http://preguntas-de-arte.blogspot.com.es/2012_08_01_archive.html

Joseph Kosuth: El arte y los conceptos. Por Mariana Sánchez
http://culturacolectiva.com/joseph-kosuth-el-arte-y-los-conceptos/

Trátase de sitios que fan referencia a artistas que teñen marcado de xeito determinante boa parte da marcha que teñen adoptado as artes contemporáneas despois dos primeiros anos do século XX, dominados polas vangardas. Así, Marcel Duchamp, que se moveu inicialmente dentro das ringleiras do surrealismo, cos seus ready mades revolucionou a concepción da arte, ao afirmar que calquera obxecto pode trocarse en obra de arte.

fountain.jpg ready-made.jpg

Unha “ensamblaxe” é algo así como un “collage” tridimensional e enlaza con modalidades artísticas do que algúns chamaron a “post pintura” e “post escultura”, por considerar que estes dous xéneros artísticos quedaran xa definitivamente obsoletos. No lugar en que se fala das ensamblaxes podedes atopar tamén unha proposta para que vós mesmos fagadas as vosas propias ensamblaxes. Atrevédevos a amosar o voso lado artístico!

traxe-de-feltro.jpg joseph_beuys_gallery_7.jpg
Dúas obras do artista alemán Joseph Beuys

Por fin, Joseph Kosuth é un dos promotores do chamado “arte conceptual”, unhas das correntes máis influentes a partir dos anos setenta.

kosuth-xl1.jpg ceci-nest-pas-un-kosuth.jpeg joseph-kosuth-clock-one-and-five.JPG

Suxiro tamén que, xa á marxe das lecturas, visitedes as páxinas de algúns artistas especialmente influentes, ao mesmo tempo que especialmente polémicos, como o italiano Piero Manzoni: http://www.pieromanzoni.org/SP/biografia.htm

23913_merda.jpg escultura-vivinte-2.jpg

Ou a francesa Orlan e a serbia Marina Abramovic, representantes da performance:

http://www.orlan.eu/

http://marinafilm.com/

3-1964-2011-la-reencarnacion.JPG orlan57j.jpg

800px-artistispresent.jpg rest_energy.jpg pieta.jpg

TERTULIA DO 27 DE FEBREIRO

A vindeira sesión da TERTULIA FILOSÓFICA terá lugar o XOVES DÍA 27 de febreiro, na BIBLIOTECA, das 17 ás 18 h.
O o tema a desenvolver será, segundo foi acordado na sesión precedente:
O CANON DE BELEZA E A SÚA INFLUENCIA SOCIAL
As lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia son:
El desarrollo del canon clásico. Cap. VI da Historia Universal del Arte, Tomo 2.
canon_policleto1.jpg
O canon de Policleto
Raíces griegas de la cultura moderna (Rdrguez. Adrados et al. Páxs. 160 a 165).
belvedere_apollo-canon-8_51.jpg 220px-venus_de_milo_louvre_ma399_n2.jpg
O Apolo de Belvedere e a Venus de Milo
Aspectos estéticos e icónicos del cuerpo, de M. Bruchon-Scheitzer e J. Maisonneuve. En R. Francés: Psicología del arte y de la estética, Akal, páxs. 163 a 191.
Os dous primeiros libros poden consultarse na biblioteca do centro. Para o terceiro, cómpre pedir copia ao profesor.
Quen queira ampliar a información, pode tamén consultar na web:
http://vieirosdaarte.blogspot.com.es/2013/10/proporcion-modulo-e-canon-na.html (Un stupendo estudo sobre a evolución do canon ao longo da historia)
Marta Martín LLaguno: “La tiranía de la apariencia en la sociedad contemporánea”. Un artigo que se pode localizar na web da Universidade da Laguna:
www.ull.es/publicaciones/latina/2002/latina50mayo/5005mllaguno

vitruvio.jpg
O canon de Vitrubio por Leonardo

durero21.jpg
Adán e Eva de Durero.

Como sabedes, estamos a traballar na aula a Lóxica e, dentro desta, temos estudado as falacias. Temos visto tamén que moitas desas falacias gardan algunha relación coas argumentacións demagóxicas frecuentes xa nos debates da democracia ateniense (s. VI a IV a. C.). Xustamente chamamos “demagoxia” ao uso de argumentos falaces, facéndoos pasar por correctos, co obxecto de enganar ao pobo (o “demos”) e manipulalo ao servizo dos intereses agochados dos demagogos.
Pois ben, o tema que se vos propón para desenvolver durante o vindeiro mes é:
A DEMAGOXIA NAS DEMOCRACIAS CONTEMPORÁNEAS
Trátase, logo, de investigar se tamén nos parlamentos democráticos actuais, a comezar polo parlamento autonómico galego e o español, é posible detectar o uso de argumentacións falaces características das intervencións demagóxicas. Para iso suxírovos consultar informacións (na prensa ou nos informativos e outros programas das televisións) sobre os debates políticos. Que argumentos se utilizan? Detectades algún que poida ser asociado coas falacias estudadas en clase (ad hominem, tu quoque, ad populum, ex populo, falso dilema…)?

parlamento-aleman.jpg
Caso de, efectivamente, ter detectado o uso de algunha destas falacias, a cuestión seguinte a resolver sería esta: por que credes que, sendo perfectamente coñecido desde ben antigo o carácter falaz deses argumentos, aínda se seguen a utilizar? Por que a democracia non ten conseguido erradicar a demagoxia?
E a cuestión final sería esta: Hai algo que se vos ocorre que se podería facer para mellorar os procedementos democráticos na dirección de dificultar o éxito dos demagogos?

beiras-no-parlamento.jpg

feijoo.jpg

TERTULIA XOVES DÍA 30

A primeira tertulia deste novo ano terá lugar o vindeiro xoves día 30 ás 17 h na biblioteca do Instituto.
Lémbrovos que cómpre levar lido polo menos algún dos textos recomendados para que o debate resulte áxil e ben fundamentado. E tamén que ata este momento aínda non teño confirmado os nomes dos alumnos ou alumnas que van facer a presentación de cada texto. Por favor, procurade confirmarmo canto antes.

Debido a unha circunstancia non prevista, e tendo en conta ademais o pouco tempo habido para preparar debidamente as lecturas da nova tertulia, esta queda adiada para despois das vacacións. As propostas de presentación dos resumos dos textos de lectura pódense ir facendo xa a través deste blog e serán acordadas por orde de recepción, para así tratar de evitar que haxa textos repetidos mentres quede algún sen ninguén que se ocupe del.

TERTULIA E TRABALLO DE DECEMBRO

Este xoves día 19, de 17 a 18 h, na biblioteca do Instituto teremos a última sesión de tertulia deste ano. Tal e como foi decidido na sesión anterior, o tema seguirá a ser o mesmo: A FELICIDADE. Pero agora se trata de conseguir centrarse na cuestión que xa se adiantaba para a sesión anterior pero que ao final apenas foi tocada:
AS RELACIÓNS ENTRE SER FELIZ E SER BO
Isto obriga a responder ás cuestións:
- ser bo é o mesmo que ser feliz?
- pódese ser feliz sendo un malvado?
- pódese ser bo sendo un desgrazado?
Para iso imos axudarnos de algúns textos clásicos, a comezar co capítulo X da “Ética a Nicómaco” de Aristóteles que ninguén se preocupou aínda de ler.
Propóñovos tamén ler sobre a posición dos EPICÚREOS e dos ESTOICOS, dúas escolas de filosofía moral que tradicionalmente se consideran antagónicas. Para iso, podedes ler as paxs. 81 a 100 (sobre Epicuro), e 141 a 149 (sobre os estoicos) de “La filosofía helenística: éticas y sistemas” de García Gual y Mª Jesús Imaz.
Epicuro
EPICURO
Filósofo Rembrandt
UN filósofo. Cadro de Rembrandt

Tamén os capítulos 1 a 6 (”La vida feliz”) do libro “La respuesta del pensamiento profundo a la vida, al universo y a todo” de Mark Vernon.
Finalmente, como houbo quen suxeriu traballar sobre as neurociencias en relación con este tema, poden lerse os breves capítulo 24 (”¿Podríamos vivir sin dolor”) e 29 (”Es cierto que existe en el cerebro centros del placer?”) do libro “Qué sabes de tu cerebro? 60 respuestas a 60 preguntas” de Francisco J. Rubia.
Todos estes libros están na biblioteca.
Como sabedes, os asistentes á tertulia que leven lido algún destes textos e fagan un resumo para iniciar o debate, recibirán unha puntuación positiva que dependerá do rigor da presentación. Podedes escoller libremente o texto que queirades para presentar pero sería bo que procurásedes falar entre vós para evitar repetir unha mesma elección.
En canto ao traballo, podedes desenvolver unha redacción libre ben argumentada sobre a mesma cuestión, formulada do seguinte xeito:
¿HAI PERSOAS FELICES QUE SON MALVADAS?
Na vosa argumentación deberedes tomar en conta os argumentos das diversas escolas ás que se fai referencia nos textos citados, ademais da vosa propia opinión.
Todos os textos están na biblioteca do centro.
Este traballo deberá estar enviado a este blog o primeiro día de clase despois das vacacións.

filosofosonriendo-ribera.jpg
Filósofo sorrinte. Cadro de José Ribera O españoleto

« Ant. - Seg. »