RSS para
Artigos
Comentarios

Despois da exposición dos dous alumnos encargados de presentar os resumos dos textos lidos, abriuse o debate, para o cal o profesor suxeriu tres posibles liñas de discusión:

- Que é a identidade persoal e como se constrúe? Chamou a atención, neste sentido, sobre a hipótese de Locke, citada no artigo de Kevin Kinghorn: “Cuestiones de identidad: ¿es el increíble Hulk la misma persona que Bruce Banner?”, que postula a continuidade da memoria como base da identidade.
- A posibilidade de ser “cego” á propia realidade persoal, seguindo o proposto no artigo de Greene “¿Tony Soprano está ciego ante sí mesmo?”, onde se formulan tres hipóteses de ignorancia sobre a propia identidade: o “estado de negación”, o descoñecemento da auténtica motivación dos propios actos e o fracaso no coñecemento dos propios estados mentais.
- A máscara e as dobres identidades: ata que punto a adopción dunha máscara pode acabar apoderándose da identidade ata substituír á identidade orixinaria?, cuestión suscitada a partir dos dous artigos tomados do libro Los Superhéroes y la filosofía.

O debate iniciouse arredor da primeira cuestión, ao fío de observar como un participante pedira a palabra cando aínda non entraba dentro da quenda, mais renunciaba a ela cando se lle concedía a ocasión. Por que? Dado que el recoñecía non ter a resposta, semellaba que estabamos diante dun caso de ignorancia da motivación dos propios actos. Somos, logo, movidos a actuar por pulos que non dominamos e que mesmo non sabemos ben en que consisten? As intervencións foron maioritariamente afirmativas pero suscitando a confusión entre ese “pulo” ignorado e as inclinacións instintivas. O profesor precisou que en principio se acepta unha clara diferenza: as segundas –instintivas- son comúns a todos, derivadas da propia natureza; as primeiras –os “pulos” irresistibles- son adquiridas e diferentes segundo as persoas. En consecuencia, dos instintos non somos responsables pero dos “pulos” si, pois deberían poder ser abandonados do mesmo xeito que algunha vez foron adquiridos.

Outras intervencións inclinábanse a interpretar que tampouco non se podía considerar a unha persoa absolutamente responsable deses “pulos” porque terían sido causados pola educación e influencias recibidas. Contra iso, houbo quen salientou que persoas educadas nun contexto común –por exemplo, irmáns que recibiron o mesmo tipo de educación dos pais- desenvolvían logo personalidades e condutas moi diversas. Apareceu así a figura do “carácter”: as persoas parecen nacer cun carácter determinado e diferente, o que explicaría que influencias externas comúns dean resultados diversos.

Semella, logo, que o “eu” ou identidade persoal sería a suma do carácter, algo innato, e da educación e a influencia social, algo adquirido. Pero, se fose así, a identidade sería esencialmente allea á voluntariedade da persoa. Mais, con todo, pensamos que nós si temos a capacidade de decidir e cambiar de conduta e, xa que logo, de contribuír de algún xeito a construción da propia identidade. Por aí podería ter continuado unha interesante liña de reflexión, a que permitiría reinterpretar o clásico “coñécete a ti mesmo” como un proceso de recoñecemento dos límites impostos polo noso “carácter” e os condicionamentos socioeducativos, para así mellor saber o espazo de liberdade que nos queda para construírmonos a nós mesmos. Un proceso no que, como no caso de Tony Soprano analizado nas lecturas, xogaría un papel fundamental o desvelamento dos autoenganos nos que as persoas decote caen para xustificar actos egoístas ou condutas moralmente reprobables.

Mais o debate continuou por un vieiro diferente ao se centrar na hipótese de Locke: o papel determinante que a memoria xoga no recoñecemento da propia identidade. Isto suscitou a cuestión de se unha persoa pode perder a súa identidade ao perder a memoria, como no caso de Hulk no artigo lido. E, seguindo o fío do artigo, apareceu a cuestión de se un doente de Alzheimer deixa de ser el mesmo cando perde a memoria, coa análise de casos particulares de participantes no debate que teñen na familia persoas afectadas por esa doenza. Isto levou a outra das afirmacións do mesmo artigo: eu non son só o que eu recoñezo ser senón tamén o recoñecemento que me conceden os outros. Nese sentido, o doente de Alzheimer segue a ser el mentres haxa outras persoas que o recoñecen como tal.
Hulk smash

Esta última afirmación provocou algunhas resistencias porque foi interpretada no sentido de que son os outros os que deciden o que nós somos. Houbo un importante número de intervencións que o negaban: iso só pasaría con persoas de carácter débil ou pouco carácter. As persoas de carácter forte, non deixan que os outros lles impoñan unha personalidade distinta da propia. Sen dúbida, unha cuestión particularmente importante na idade da adolescencia, decisiva para a construción da identidade adulta. Pero hai logo unha “personalidade” propia á marxe das influencias externas? Non nos obriga isto a volver sobre a cuestión do carácter innato? Neste punto o tempo da tertulia concluíu.

Os cinco últimos minutos foron dedicados a decidir o tema da seguinte tertulia. O profesor propuxo o mesmo que ha ser tamén o que terá que desenvolver o alumnado do 1º de bacharelato como traballo do mes de novembro: as relacións entre filosofía, ciencia e relixión. Pero houbo unha maioría que propuxo continuar co mesmo tema da identidade. O profesor comprometeuse a preparar unha proposta sobre a contribución das neurociencias ao tema da consciencia, base da identidade persoal, seleccionando uns textos que serán debidamente anunciados e encargada a lectura ás persoas que abrirán o próximo debate.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe