RSS para
Artigos
Comentarios

Resumo da tertulia de novembro

IDENTIDADE E NEUROCIENCIAS

Nesta sesión da tertulia, practicamente todo o tempo se consumiu na exposición dos contidos dos textos. A conclusión máis notoria con respecto ás cuestións filosóficas, que estamos a afrontar tamén nas clases, é que os neurocientíficos contemporáneos coinciden en xeral na idea de que o dualismo cartesiano é insostible á luz das evidencias proporcionadas polos seus estudos. Descartes afirmaba que o corpo e a alma consituían substancias diferentes e independentes e, xa que logo, que o ser humano era a suma de dúas substancias distintas. Isto obrigaba a unha explicación de como se producía a conexión entre ambas as dúas substancias, isto é, por exemplo, como cando a miña vontade (facultade do espírito) decide que meu corpo mova a man, este movemento se produce. Nalgún dos textos lidos vimos algunhas das complicadas solucións que os filósofos racionalistas propuxeron para solucionar ese problema, desde a función da glándula pineal no propio Descartes, ata o ocasionalismo de Malebranche ou a harmonía preestablecida de Leibniz. Os neurocientíficos simplemente din que non hai tal problema, decantándose xa que logo a favor do monismo, que tivo tamén os seusrepresentantes na tradición filosófica como Spinoza ou os materialistas. Aducen como probas evidentes de que a mente (o espírito, na terminoloxía tradicional) é unha función dos órganos corporais, fundamentalmente do cerebro, ata tres feitos principais: as consecuencias que certas lesións cerebrais producen nas capacidades mentais; a conexión entre doenzas mentais e determinados problemas físicos localizados no sistema neurolóxico; a influencia que certas drogas teñen nos cambios comportamentais, derivadas da acción de determinadas substancias químicas sobre as sinapses neuronais. Máis complexo é resolver o problema da identidade e da conciencia. Os neurocientíficos recoñecen que a ciencia non ten resolto de forma conclusiva este problema é que agora mesmo se manexan diferentes hipóteses sobre onde reside a localización física da conciencia (se tal precisión ten sentido, o que tamén se cuestiona), incluída a hipótese extrema de que se cadra a conciencia e a identidade persoal, o “eu”, non é máis que unha ilusión. Pero, en calquera caso, o que semella evidente para os autores lidos é que tampouco neste punto non se pode negar a conexión directa existente entre a base física, corpórea, e a dimensión mental ou espiritual, o eu ou identidade persoal. Posiblemente a evidencia máis espectacular que atopamos nos textos lidos fose a das persoas que, debido a unha grave lesión, sufriron a escisión dos dous hemisferios cerebrais, desenvolvendo dúas personalidades diferentes (dous “eu”) como efecto desa traumática división.

Ao final da sesión, procedeuse a decidir o tema para a sesión seguinte, acordándose que fose “Relixión, filosofía e ciencia”.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe