TRABALLO PARA A FIN DO TRIMESTRE
17 March, 2014 por admin
Este traballo poderá ser entregado ata o último día deste trimestre (venres 11 de abril) ou o primeiro do terceiro e último trimestre (martes 22 de abril). Lémbrase que quen están a traballar sobre proxectos de investigación non están obrigados a facelo. Lembro tamén que os comprometidos nos traballos de investigación deben informar da marcha dos mesmos antes de concluír o trimestre porque deberán presentar un primeiro esbozo na semana inmediata despois das vacacións de Semana Santa.
No que respecto ao traballo para esta fin de trimestre, este esixirá tomar en conta as nocións sobre Filosofía da Ciencia (en especial as relativas á metodoloxía e a teoría da falsación popperiana) que foron desenvolvidas durante estes últimos días en clase.
O tema será a polémica entre EVOLUCIONISMO e TEORÍA DO DESEÑO INTELIXENTE. A Teoría da Evolución, concibida no século XIX polo gran biólogo Charles Darwin, completada coas achegas da xenética, é sen dúbida o paradigma aceptado na actualidade pola comunidade científica como o máis axeitado para explicar o desenvolvemento das especies biolóxicas.
![]()
Cartel dunha exposición organizada con motivo do bicentenario de Darwin
Desde a súa formulación por Darwin, as distintas igrexas cristiáns manifestáronse en contra das súas teses por considerar que contradicía o creacionismo bíblico. Segundo esta interpretación da Biblia, Deus creou as especies biolóxicas, incluído o ser humano, tal e como hoxe son e, xa que logo, non hai evolución dunha especie cara outra; en especial, consideraban intolerable que se puidese considerar á especie humana produto da evolución dunha especie “inferior”, uns “monos”, dado que o home fora creado “á imaxe e semellanza do mesmo Deus”.
Caricaturas de Darwin, publicadas en vida deste, coas que se pretendía ridiculizar a súa teoría sobre a orixe do ser humano
Naturalmente, este debate, opoñendo por unha banda unha hipótese científica (a teoría darwinista) e por outra un dogmatismo relixioso (a Biblia como palabra de Deus), non é un debate científico porque este exclúe calquera dogmatismo.
Agora ben, desde finais do pasado século, certos biólogos estadounidenses veñen promovendo unha teoría, compatible co creacionismo e oposta ao evolucionismo, que presentan con pretensións de cientificidade. É a chamada “Teoría do deseño intelixente”. Segundo os defensores desta teoría, o evolucionismo non ten proporcionado probas satisfactorias da súa veracidade senón que é unha simple hipótese que en absoluto resolve o que trata de explicar. Ao contrario, consideran que hai sólidos argumentos en contra desta teoría, o máis importante o que denominan “complexidade irredutible”, que se podería resumir deste modo: así como, se atopamos un reloxo nunha illa deserta, non se nos ocorre pensar que é produto da hipotética evolución azarosa dos metais que se atopan na illa, senón que deducimos que tivo que ser deixado alí por un ser humano; do mesmo xeito é absurdo pensar que as estruturas orgánicas dos seres vivos, inconmesurablemente máis complexas cun reloxo, poidan ser resultado dunha evolución fortuita, por máis que esta se teña desenvolvido ao longo de miles ou millóns de anos. En conclusión, na orixe das especies biolóxicas só pode estar un ser intelixente capaz de deseñar estruturas tan complexas.
Capa dun libro sobre a Teoría do Deseño Intelixente e cartel dun Seminario dunha universidade chilena dedicado a comparar a teoría evolutiva e a teoría do deseño intelixente.
O que se vos propón é visitar o sitio web que se citará de seguido, onde poderedes ler o cruce de argumentos entre defensores da teoría evolutiva e defensores da teoría do deseño intelixente. Deberedes analizar os argumentos duns e dos outros e decidir cales se axeitan ao modelo de método científico estudado na clase e por que, respondendo finalmente á seguinte cuestión:
Son tanto a Teoría Evolutiva como a Teoría do Deseño Intelixente dúas teorías científicas en disputa? Se é así, dispoñemos de algún criterio (científico, naturalmente) para decidir cal das dúas é válida na actualidade?
En caso de que a resposta sexa non, cal das dúas debe considerarse unha teoría seudocientífica e por que? Ou quizais as dúas merecen o cualificativo de seudocientíficas ou non suficientemente científicas?
O sitio web que debedes visitar é este:
http://www.actionbioscience.org/esp/evolucion/nhmag.html
