Exercicio de filosofía política
8 June, 2014 por admin
O exercicio, tal como foi adiantado en clase, consistirá nunha redacción en forma dun breve ensaio sobre as dúas tendencias ideolóxicas que viñeron caracterizando o debate político ao longo do pasado século XX: o liberalismo que defende a condición inseparable entre economía de mercado e democracia; e o socialismo marxista que denuncia á democracia capitalista como puramente “formal” e esixe unha transformación revolucionaria do Estado nun sentido igualitario. Aquí non teremos en conta a cuestión dos Estados comunistas que, ao eliminar as liberdades cidadás e impoñer o partido único, derivaron nunha forma de totalitarismo, senón os modelos de socialismo democrático impulsores do chamado Estado de Benestar. Neste sentido, trátase de discernir o carácter máis ou menos xusto de dúas modalidades en principio igualmente democráticas: o liberalismo defensor do chamado “Estado mínimo” fronte ao socialismo defensor dun Estado intervencionista.
PRAZO DE ENTREGA DO TRABALLO: ATA A MAÑÁ DO VENRES DÍA 13, DE FACERDES A ENTREGA POR ESCRITO (PODEDES ENTREGALO EN CONSERXARÍA) OU AS 24 H DO DOMINGO DÍA 15, SE O MANDADES POR INTERNET (RECOMENDADO)
Como base para o voso ensaio, ademais do que foi exposto e debatido en clase, se vos propón a lectura do texto seguinte (que, desde logo, pode ser complementada coas lecturas adicionais que consideredes oportunas):
O PUNTO DE VISTA LIBERAL
A chamada ideoloxía liberal defende desde as súas orixes a estreita relación entre capitalismo e democracia, unha relación que desde o punto de vista histórico é indiscutible porque a democracia apareceu nos países capitalistas. Agora ben, a democracia política en principio non ten por que implicar en si mesma a obriga de adoptar un determinado modelo económico. Pola contra, debería aceptarse que se a maioría apoia a un partido político que defende un modelo económico diferente, este modelo debería ser implantado de acordo co criterio democrático.
Contra este suposto, os liberais argumentan que se algunha vez tal cousa se producise, a democracia acabaría desaparecendo. De feito, o sector máis radical dos liberais (os chamados hoxe en día “neoliberais”) aseguran que a política económica dos partidos socialdemócratas, que exerceron o poder nalgúns países europeos (entre eles, o PSOE en España), ao limitar os mecanismos do libre mercado, teñen introducido graves restricións ás liberdades democráticas básicas.
O argumento pode resumirse do seguinte xeito:
Para a ideoloxía liberal, a responsabilidade do goberno non é dicirlle aos cidadáns como deben vivir, nin sequera garantir tales ou cales cousas para que vivan “mellor”. A idea da “vida boa” é algo privado que cada individuo ten todo dereito a concibir de forma libre e independente. Pensar que o goberno debe dicirlle aos cidadáns en que debe consistir esa “vida boa” é seguir aferrados á idea dun goberno paternalista, no que o “Pai Estado” protexe, guía e finalmente obriga aos individuos a adoptar un determinado modo de vida, e ese tipo de Estado conduce inexorablemente ao totalitarismo fascista ou comunista. Para os liberais, ao contrario, o Estado debe limitarse a preservar as liberdades individuais garantindo exclusivamente que o exercicio desas liberdades non agreda e impida o exercicio das liberdades dos outros.

Issaiah Berlin, un dos máis reputados ideólogos do liberalismo
Entre estas liberdades básicas inclúese a liberdade económica, o que significa que a propiedade privada e a liberdade de mercado (liberdade para a circulación e inversión dos capitais; liberdade para crear empresas, contratar traballadores e fixar salarios; liberdade para fixar prezos, liberdade para obter beneficios) deben ser considerados como dereitos democráticos básicos. Xa que logo, o Estado debe tan só coidar de que as regras do libre mercado se respecten, isto é, garantir a libre competencia e impedir a concentración monopolista dos capitais. En cambio, están en desacordo con que o Estado pretenda regular os prezos ou os salarios, ou que decida que cousas deben producirse ou que cousas non. Entenden mesmo que o Estado de ningún xeito debe facer investimentos produtivos ou financieiros senón que iso debe deixalo exclusivamente aos cidadáns privados. O neoliberalismo máis radical considera que todos os servizos públicos, agás o exército e a policía, deberían deixarse á autonomía do mercado. Así, a educación e a sanidade, segundo eles, sería máis eficiente e máis democrática (no sentido de máis respectuosa coa liberdade dos cidadáns) se o Estado non interviñese nela.
A CRÍTICA DE ESQUERDAS AO LIBERALISMO
Analicemos agora brevemente os argumentos dos críticos do liberalismo (entre os que se inclúen diversas sensibilidades ideolóxicas, desde o republicanismo e a socialdemocracia ata o comunismo e o anarquismo). Para estes a concepción liberal, especialmente na súa variante máis radical do neoliberalismo, conduce a un capitalismo “salvaxe” no que os “fortes” (os máis ricos) acaban explotando no seu beneficio aos máis “débiles” (os pobres). O Estado ten a responsabilidade de, como mínimo, establecer medidas compensatorias que tendan a atenuar e finalmente facer desaparecer esas extremas desigualdades. Isto é o que fai o chamado Estado de Benestar mediante un sistema impositivo proporcional (os máis ricos pagan máis impostos, os pobres menos) e redistribuidor (os investimentos públicos tenderán a proporcionar servizos públicos aos cidadáns que doutro xeito dificilmente poderían obtelos por si mesmos, especialmente a través dun sistema público de educación e sanidade). Ademais –e isto é o esencial con respecto á cuestión da democracia- a intervención estatal orientada á compensación das desigualdades económicas é indispensable para a formación dunha cidadanía democrática participativa e efectivamente soberana. Porque a sociedade capitalista, escindida nunha minoría economicamente moi poderosa e unha maioría de traballadores asalariados, acaba baleirando de contido ás institucións democráticas no sentido de que o poder do capital (os poderes económicos) controla e somete aos seus intereses ao poder político (os partidos políticos, o parlamento, o goberno, o sistema xudicial). Isto é o que a crítica marxista tradicional chamaba “democracia formal”, isto é, unha democracia nas formas, que transmite ao pobo a crenza de que é el quen decide cando vota nunhas eleccións rituais cada certo tempo aos seus representantes, agochando que na realidade a libre decisión da cidadanía ten uns límites intocables: o respecto aos intereses do gran capital.

Karl Marx, un dos principais teóricos do socialismo
En consecuencia, reducir o papel do Estado con respecto ás decisións económicas, convertendo os mecanismos propios do sistema económico capitalista de mercado en supostos “dereitos” democráticos básicos, equivale a negar o exercicio da democracia. E ao contrario, recoñecer que o Estado ten a responsabilidade de intervir para favorecer a plena igualdade de acceso aos dereitos básicos por parte de todos os cidadáns, modificando no que sexa preciso o libre xogo do mercado, sería o único xeito de garantir unha auténtica democracia.
Para desenvolver o teu ensaio deberás:
- Avaliar os argumentos tanto do liberalismo como o dos seus críticos, sinalando os aspectos que che parecen convincentes e cales non.
- Os argumentos deben ser avaliados, non só desde o punto de vista da súa coherencia lóxica, senón desde a perspectiva dunha determinada concepción do que é xusto e o que é inxusto.
- Propoñer o teu propio punto de vista crítico, que poderá coincidir con algún dos dous enfoques, en todo ou en parte, ou distanciarse dous dous, en cuxo caso deberás tratar de fundamentar de forma argumentada o teu enfoque persoal.