A DISERTACIÓN. II OLIMPIADA FILOSÓFICA DE GALICIA
12 January, 2015 por admin
Este xoves día 14 de xaneiro ou o luns día 19, das 17 ás 18,30 h, terá lugar a proba do centro para participar na II Olimpiada Filosófica de Galicia.
A participación nesta proba é obrigatoria para todo o alumnado de 1º de bacharelato e voluntaria para o de 2º.
Calquera alumno ou alumna pode escoller participar en calquera das dúas tardes, unha vez que puidemos comprobar que era imposible atopar unha data única válida para todos.
O tema da disertación é, como xa foi explicado en clase:
NATUREZA E CULTURA.
QUE NOS FAI SER O QUE SOMOS
Trátase dunha cuestión na que a filosofía vén reflexionado practicamente desde os seus inicios.
A Natureza é o que constitúe a nosa realidade biolóxica. Non é algo sobre o que nós poidamos decidir xa que nos vén dado. Pero ata que punto a herdanza biolóxica determina aspectos esenciais da nosa condición humana? Os desenvolvementos científicos recentes, co descubremente do xenoma humano ou as achegas da neurociencia sobre o funcionamento do noso cerebro, teñen levado a algúns autores a salientar a nosa dependencia biolóxica. Somos, poderiamos dicir, “máis animais” do que aceptamos ser? Determina a nosa conduta a herdanza xenética ata o punto de que a capacidade de elixir nós ser o que queremos ser é moito máis limitada do que se cría?
Por outra banda, tamén na dimensión cultural, a dimensión do transmitido e aprendido, certos desenvolvementos científicos advirten de que a liberdade humana está limitada polo lugar no que nacemos e as informacións que recibimos. Que ese condicionamente existe é obvio pero podemos dicir que a súa influencia chega ata o punto de que a liberdade é unha ilusión, como afirmou por exemplo o psicólogo americano B. F. Skinner? Na biblioteca tendes a súa obra “Walden 2″ onde propón unha sociedade futura estritamente planificada. De algún xeito esa sociedade dirixida por técnicos na conduta que planifican a vida futura dos humanos se asemella ao que describe a novela futurista de Aldous Huxley “Un felz mundo novo”, só que este é moi crítico coas implicacións para a vida dun tal mundo tecnicamente planificado-
Iso é, logo, o que está en xogo e sobre o que se vos pide a vosa opinión argumentada.
Teredes 90 minutos para redactar a vosa disertación, que podedes levar ben preparada.
A estrutura da disertación debe seguir esencialmente 3 pasos:
- No primeiro debedes expoñer a vosa tese coa máxima claridade, isto é, explicar a vosa posición en relación co problema formulado.
- No segundo, desenvolver os argumentos mediante os que xustificades a validez da vosa tese. Cómpre ter en conta que non abonda con expór os argumentos propios senón tamén tomar en consideración os opostos e demostrar a superioridade dos primeiros (os defendidos por vós) sobre os segundos (os que se opoñen aos defendidos por vós).
- No terceiro, unha síntese onde se establecen claramente as conclusións finais.
Podedes consultar as bases da II Olimpiada neste sitio:
http://olimpiadafilosoficagalicia.weebly.com/bases.html


