CONTINUANDO O DEBATE SOBRE VIDEOXOGOS E DEMOCRACIA
25 June, 2015 por admin
Tal e como comentei en clase, pareceume que as contribucións máis persoais e controvertidas ao tema do mes de maio, Os problemas da democracia, foron as relativas á cuestión da posible influencia dos videoxogos. Por esa razón, e previa autorización dos autores e autoras, vou ir inserindo aquí a totalidade dos breves ensaios que foron escritos polo alumnado de 1º A e 1º B.
O ritmo de inserción estará exclusivamente condicionado polo meu traballo previo de edición. Con isto quero dicir que procurarei corrixir os erros ortográficos, sintácticos ou de outro tipo que na miña opinión escurecen ou simplemente afean a presentación deses ensaios. Por suposto, se algún dos autores ou autoras cren advertir algunha eiva ou exceso nese meu labor, están no seu dereito de reclamar e decidir a forma final que prefiran, posto que eles son os donos das súas palabras.
A partir destes posts, quen quera pode participar debatendo coas opinións que se vaian verquendo. As novas contribucións tamén serán publicadas, unha vez lidas polo editor, lectura que procurarei ir facendo cunha frecuencia, como mínimo, semanal.
O alumnado que debe presentarse en setembro poderá obter unha avaliación suplementaria por esas contribucións, que poderá chegar a valer ata un máximo de 1,5 puntos por riba da nota que obteñan no exame de setembro.
De seguido, as dúas primeiras contribucións:

Autora : Inés Ansede
`Reales pero conflictivos, sufrimos la vida que llevamos pero no la que elegimos ´, `los que menos tenemos hacemos más ya con poco, déjame demostrárselo a esos idiotas, dile a esos guardias que dejen de patrullar y dejen de pillar de gratis haciendo que nos registran, bajate y dile a mis chavales que dejen la coca: robar, trapichear..´, esta é unha das letras dos numerosos raps que escoitan as xeracións de hoxe en día, e que nos fan sentir identificados por ser “ bros del mismo barrio”, unidos por pertencer a un sistema que, segundo eles, non os ten en conta.

Estes rapaces xoves, inseguros, cunha personalidade aínda non consolidada, e que non se sinten vinculados a ningún grupo rematan convencidos da mesma ideoloxía das cancións que escoitan: a culpa de todo tena o estado que lles ten manía, polo tanto é o seu máximo rival. Este tipo de comportamento recorda a ese grupos que recrutan rapaces que non se sinten vinculados a nada, producindo, este gran grupo, o sentimento de “gran familia” que empregan para lavarlles o cerebro e impoñerlles certas ideoloxías (como, por exemplo, facer que asimilen violencia con algo pracenteiro).
Un papel similar é o que están a levar a cabo outras manifestacións que afectan ao pensamento dos nenos, coma os videoxogos. Este último é un tema que preocupa moito dende hai uns anos, xa que existen noticias como a do neno de Brasil que tiña tal adición aos xogos que matou os seus pais. Este exceso de sensacións violentas conseguen que o xove as integre dentro da normalidade, o que pode favorecer comportamentos agresivos e impulsivos. Se este rapaz vía como rivais do xogo aos seus pais, porque non ían facelo o resto de rapaces que botan horas fronte as pantallas? Non temos máis que pensar na típica imaxe que se nos vén á cabeza dos rapaces das películas xogando á play cun aspecto desaliñado, claro indicador de que son indiferentes aos seus corpos e ao mundo que os rodea, incluíndo nel a política. Por outra banda están os famosos youtubers, persoas que xogan e mostran as suas habilidades vía online, nos tempos actuais o que ven neles os nenos é unha gran rivalidade entre estas personalidades que empregan descualificativos e bulras para convencer de que o seu é mellor ca o dos demais, o único que lles ensinan estes líderes aos seus fans é unha conduta que, debendo ser unha disputa xusta e cun debate correcto, remata sendo unha guerra que logo estes nenos repetirán. Parte da democracia son os diálogos razoados entre os partidos que, seguindo esta conduta, só se basearía en faltas de respecto que poderían conducir a unha guerra.

Un argumento a favor do uso destes videoxogos, podería ser que axudan a tomar decisións rápidas; o que creo que non lemos é a letra pequena de esta afirmación, xa que neste tipo de pasatempos mírase polo interés individual, pola supervivencia, tendo uns obxetivos egoístas e pisoteando todo canto faga falta para conseguilo. Un comportamento así non sería compatible coa democracia xa que non se mira polo ben común senón por pasar por riba de todo o que nos impida o noso obxectivo, xa non estariamos a falar de democracia.
Numerosos experimentos sociais que podemos ver na rede, executados con nenos pequenos mostran que son tan influenciables que con facilidade poderíase repetir un proceso coma o fascista aínda que, neste caso, dirixido polo mestre. Non podería acaso, un videoxogo facer o mesmo? Por exemplo, se no videoxogo os malos fosen aqueles cunhas determinadas características físicas os nenos trasladaríano á realidade. Isto non é tan pouco probable coma nós pensamos, xa que hai varios mestres que están intentando introducir nos seus métodos de ensinanza o uso de videoxogos o cal podería írselle das mans (como pasa na película “La ola”).
Unha solución que se me ocorre de cara a este problema non é censurar a súa venda (xa que poderiamos estar “atentando” contra as liberdades dos cidadáns), o que faría eu sería tests de preparación psíquica que poderían aparecer nos nosos DNIs ou outro tipo de identificación, e limitar a venda de determinados videoxogos a aqueles que non cumprisen co mínimo establecido.
Outra opción sería ofrecer programas para unha maior conciencia social e introdución de grupos marxinais ou que non se sinten enraizados a nada, para que no ocorra o mesmo que cos rapaces dos raps.

Autor : Víctor Cabada Armada
Neste breve ensaio acerca dos videoxogos, teño que comezar recoñecendo que son un fan destes, de aí que faga eu este pequeno traballo. O problema que se propón é se os videoxogos chegan a influír na democracia e nas novas xeracións.

Ben, na miña opinión, os videoxogos NON teñen moito que ver nas novas xeracións, pero imos explicar por qué non teñen que ver, na miña opinión. Para comezar, non vou negar o innegable, e é que os videoxogos tiveron un “bum” no século XXI, e que son un factor moito máis importante ca o que eran hai 20 anos, por exemplo. Pero, non penso que cheguen a facer cambiar a opinión ou o concepto da sociedade dunha persoa. Por poñer un exemplo, eu xogo a un xogo chamado GTA (o mesmo que aparece na páxina web como exemplo de videoxogo violento), o cal é certo que ten unhas pautas de violencia practicamente extrema, e de vida moi “salvaxe”. Ese xogo é un xogo que me divirte, pero en ningún momento se me pasa pola cabeza levar o xogo á realidade. É dicir, coma ti non pensas igual ca min, eu pégote ou xa non cte considero unha persoa coa que pasar o meu tempo.

Tamén, un aspecto que destaca dentro do campo da democracia é o da tolerancia. Este campo, non o vou a desmentir, penso que si que se está vendo influenciado polos videoxogos. Obviamente, non ao extremo que se leva nalgúns xogos, como é o caso do xogo que nomei antes, pero si que se está perdendo un pouco esa tolerancia, esa forma de saber respectar os gustos dos demais, aínda que non sexan os mesmos ca os teus. Esta perda non ocorre en todos os adolescentes que xogan a estes xogos, pero si que hai xente que se ve influenciada na súa capacidade de tolerancia.
Por último, quería tocar o tema que se propón de se os adolescentes que xogamos a este tipo de xogos, algún día lograremos sermos adolescentes responsables. Penso que si que poderiamos ser responsables, pero non da mesma maneira que o son a xente maior hoxe en día, é dicir: a sociedade está evolucionando (nin para mellor nin para peor), simplemente están existindo cambios que se dan por factores coma, por exemplo, os videoxogos.
Polo que a miña conclusión é que os videoxogos non inflúen tanto coma algunhas persoas pensan e que, como se propón na páxina web, respecto de sería adecuado censurar os videoxogos e as películas extremadamente violentas, penso que, se estamos en democracia, o máis normal sería deixar a cada un xogar ou ver o que lle pareza máis oportuno. Esta afirmación que acabo de escribir chega ao problema dos límites da tolerancia, aspecto que non quero tocar porque abandoaría o tema principal, e esa non é a miña intención.