RSS para
Artigos
Comentarios

Como recibín algunha consulta sobre a modalidade dos exames de setembro, malia tela explicado antes de concluír as clases, e tamén verbalmente ao alumnado que mo solicitou, deixarei aquí por escrito as características dos exames. Ademais poderase facer calquera consulta a través do procedemento habitual (vía comentarios a este post).

EXAME DE 1º DE BACHARELATO

Consistirá nunha proba, semellante en todo ás realizadas durante o curso, sobre cada un dos temas desenvolvidos:
1. INICIACIÓN Á FILOSOFÍA
2. TEORÍA DO COÑECEMENTO
3. LÓXICA
4. EPISTEMOLOXÍA E FILOSOFÍA DA CIENCIA
5. FILOSOFÍA MORAL E POLÍTICA
O alumno ou alumna deberá escoller tan só unha cuestión de tan só tres temas, sendo cada cuestión diferente segundo o tema escollido.
Exemplo:
Cuestión 1 (análise e comentario de texto) do Tema 1. (4 puntos)
Cuestión 2 (definicións de conceptos) do Tema 2. (3 puntos)
Cuestión 3 (problema aberto) do Tema 4. (3 puntos)
No caso de escoller unha cuestión de Lóxica, dado que este tema se compón exclusivamente de 2 cuestións, calquera destas poderá servir tanto como cuestión 2 como cuestión 3, valendo os mesmos puntos.
Exemplo:
Cuestión 1 (análise e comentario de texto) do Tema 5. (4 puntos)
Cuestión 2 (resolver un problema en linguaxe natural aplicando unha regra lóxica, formalizar e facer táboa de verdade) do Tema 3 (Lóxica). (3 puntos)
Cuestión 3 (problema aberto) do Tema 2. (3 puntos)

EXAME DE 2º BACHARELATO
Terá as mesmas características da proba de selectividade e constará polo tanto de dúas opcións a elixir, unha (A) de autores de Filosofía Antiga e Medieval (Platón, Aristóteles, Agostiño, Tomé de Aquino) e outra (B) de autores de Filosofía Moderna e Contemporánea (Descartes, Locke, Hume, Kant, Nietzsche, Marx).
Os criterios de avaliación que se aplicarán son os mesmos que constan na páxina da CIUG, e que foron aplicados nos exames ao longo do curso. A única variante é que no relativo á cuestión 3 (comparación con outros autores) deberase ter en conta non só os autores precedentes ao autor do texto, senón tamén os posteriores.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe