RSS para
Artigos
Comentarios

O tema do ensaio para o mes de outubro é o mesmo que adoptaremos para o 1º Faladoiro:
EN QUE CONSISTE SER UN SER HUMANO?
Esta é a pregunta central da ATROPOLOXÍA FILOSÓFICA. Ao longo da historia, a filosofía ten proporcionado diferentes respostas que podemos concentrar en tres grandes correntes.
- A DUALISTA. Os principais representantes serían Platón (s. IV a. C.) e o francés Descartes (s. XVII). Esta escola afirma que o ser humano é un composto de “alma” e “corpo”, que constitúen dúas substancias separadas, de forma que a alma é eterna (ou inmortal, na versión cristiana) mentres que só o corpo é mortal. Na alma reside o intelecto ou razón que é a propiedade que separa ao ser humano dos animais e constitúe a súa “esencia”. Como consecuencia, esta filosofía dualista tende a desconfiar e infravalorar o papel do corpóreo (incluídos os sentidos) e sobrevalorar a dimensión “espiritual”. (Para informarse deste punto de vista recomendo a lectura da Meditación VI das Meditacións Metafísicas de Descartes)
platon.jpg descartes-caricatura.jpg

- DUALISMO ATENUADO. O principal representante é Aristóteles (s. IV a. C.), autor da definición de ser humano seguramente máis citada é influente: “O home é un animal racional”. Continúa dando preeminancia á razón como elemento esencial e diferenciador do ser humano pero admite unha conexión superior entre a alma ou “psique” e o corpo ou “soma”, o que se traduce por exemplo en que se revaloriza o papel dos sentidos. (Para esta opción, a obra clave é o “De Anima” de Aristóteles)
aristoteles_busto1.jpg

- MONISMO MATERIALISTA. A figura máis importante desta corrente na Antigüidade é o atomista Epicuro (s. IV a.C.). Negan que a alma (psique) ou espírito constitúa un tipo de entidade que se poida concibir separado do corpo. No s. XVII o holandés Spinoza defendeu un monismo que os intérpretes aínda discuten se debe conceptuarse como “materialista” (o que equivale a afirmar que todo é materia ou derivado da materia, o que implica unha posición atea, se entendemos por Deus un ser inmaterial, como é o habitual en practicamente todas as relixións) ou como “panteísta” (todo é Deus, se ben Spinoza precisa que o que el entende por Deus equivale á Natureza mesma). Mais en calquera caso, Spinoza tamén defende que non se pode admitir a separación entre unha substancia corpórea e unha substancia espiritual ou anímica. (Para esta corrente suxiro ler a interpretación que fai o neurocientífico António Damasio na súa obra “En busca de Spinoza”, capítulo 7, desde “La solución de Spinoza” ata o final).
epicurus_religion_atheism_1.jpg

O mesmo António Damasio, nunha obra precedente (”El error de Descartes”), asegura que a posición dualista platónico - cartesiana non é defendible tendo en conta as achegas que está a desenvolver as ciencias contemporáneas, especialmente no campo das neurociencias. Moito máis radicalo, o británico John Gray chega a afirmar no seu libro “Perros de paja”: “A ‘humanidade’ non existe. Só hai seres humanos movidos por necesidades e ilusións contraditorias”. Na súa opinión, non só os estudos neurocientíficos, senón a bioloxía e a xenética proban que non hai tanta distancia entre o ser humano e os animais e que a hipotética “racionalidade” está lonxe de ser unha realidade.

A partir destes datos, ti debes elaborar un breve ensaio dando o teu propio punto de vista sobre a cuestión formulada: EN QUE CONSISTE SER UN SER HUMANO? Lembra que non tes por que estar de acordo con ningún dos puntos de vista ata aquí expostos pero que en todo caso o teu propio punto de vista deberá ser debidamente argumentado. É posible que para iso precises buscar algunha información complementaria. Anímote a que o fagas. En Internet poderás atopar seguramente moitos datos valiosos. Pero en calquera caso lembra que se che pide tan só un ensaio e ademais breve (non máis do equivalente a 2 folios).
qui%c3%a9nsoyyo.gif

O ensaio deberá ser entregado antes do 1 de novembro. Recoméndase que se faga a entrega a través da web como comentario a este post.

Trackback URI | RSS Comentarios

Deixa unha mensaxe