ENSAIO MES DE XANEIRO
13 January, 2016 por admin
ESTÁ A TÉCNICA FABRICANDO UN MUNDO NON HUMANO?
A pregunta que abre a proposta de ensaio para este mes nace do ensaio e faladoiro do mes de decembro. Cómpre logo que retomemos a cuestión onde a deixamos entón: a posibilidade de que a educación orientada a formar individuos puramente racionais, obrigados a bloquear a expresión das emocións, contribúa a producir homes-computadora, por así dicir.
![]()
Esta hipótese preocupante sitúase nun contexto social dominado pola técnica ou, o que é o mesmo, por unha aplicación limitada da razón, o que filósofos da Escola de Francfurt, como Juergen Habermas, chamaron “razón instrumental”. A razón instrumental é unha racionalidade técnica, é dicir, dirixida a dominar procedementos para obter determinados fins. Algo que xa sinalara no seu tempo Aristóteles, cando distinguía entre a “tekné” e a “praxe”: as dúas diríxense á acción pero, mentres que a primeira só se ocupa dos medios para acadar fins previamente determinados (a técnica dos zapateiros serve para facer zapatos, a dos escultores esculturas, a dos mariñeiros -”artes” pesqueiras- pescar, etc.), a segunda estuda os fins aos que debemos dirixir as nosas accións, o que segundo Aristóteles en última instancia será a felicidade ou vida boa dos cidadáns.
![]()
Juergen Habermas, filósofo da Escola de Francfurt / Aristóteles
É obvio o problema que se deriva de centrar toda a atención na dimensión técnica ou instrumental, esquecendo a razón práctico-ética: que ao final ninguén se preocupa de para que serve esa poderosa técnica que domina as nosas vidas.
Pero acaso a técnica non é en si mesma unha obra humana? Non debemos logo pensar que naceu co obxectivo de satisfacer fins prácticos concibidos para satisfacer necesidades humanas? Desde logo, así foi nos inicios. O dominio da técnica permitiu ao ser humano escapar da presión inmediata da simple loita pola sobrevivencia animal, creando un entorno artificial (roupas, vivendas, máquinas) sen o cal nunca teriamos acadado o confort vital que caracteriza ás sociedades contemporáneas. O problema é que, ao centrarmos a atención na solución dos problemas técnicos, podemos acabar esquecendo preguntar o “para que” desa técnica.

Vexámolo cun exemplo tomado da vida cotiá. É indiscutible a utilidade dos teléfonos móbiles, dos ordenadores portátiles e das tablets, que nos permiten atender e enviar mensaxes desde calquera parte. Pero é tamén certo que, ao posibilitar que todos os usuarios e usuarias destes aparellos estean permanentemente conectados, esa utilidade está ampliando a dispoñibilidade laboral, pois en calquera intre o empresario pode solicitar unha prestración do seu empregado.

Cando un mozo ou unha moza se conecta a internet para abrir o seu facebook ou descargar un vídeo de youtube, crendo estar realizando unha actividade que só a el ou ela o / a gratifica, en realidade está consumindo un produto e engordando a conta bancaria dunha empresa. O mesmo que cando miramos un programa na televisión: cremos que son gratuítos (cando vemos as canles en aberto) pero en realidade estamos “traballando” para a produtora do programa que nos “vende” como consumidores ás empresas publicitarias. Desaparece así, por unha parte, a separación entre tempo de ocio e tempo de traballo (mesmo cando estamos de vacacións seguimos “producindo”: os turistas son consumidores de programas de viaxes prefabricadas) e, por outra, desaparece tamén a distancia entre produtos culturais e simple mercadoría. É o que diversos autores teñen denunciado como a “cultura do espectáculo”, na que tanto vale unha sinfonía de Beethoven como a final dunha competición deportiva, o cadro das Meninas ou a última foto tomada co seu móbil por Rihanna, trocada en trending topic nas redes sociais.

Nós (os consumidores) cremos estar escollendo libremente consumir os que “queremos” sen decatármonos de que o noso “querer” xa está previamente condicionado pola limitada oferta que o artefacto nos impón. E o maior límite é o de acabar aceptando que a nosa autonomía como persoa (a nosa liberdade) se reduce a consumir un produto no escaparate das grandes superficies do mercado universal. Por iso erroneamente cremos ser máis libres cantas máis marcas podemos escoller. Así, xa poucos pensan que a autonomía e a liberdade é algo moi diferente de mercar unha marca de refresco ou outra. Contra esa confusión, a maioría dos filósofos empéñanse en lembrarnos que o que nos fai autenticamente libres non é algo que se poida vender ou mercar. Pensades que os filósofos se enganan?

Resumindo, xa para concluír. Nun mundo dominado pola técnica e pola razón instrumental, o ser humano corre o perigo de acabar como simple instrumento dos produtos por el creados. Non utilizamos os móbiles ou os ordenadores para satisfacer os nosos fins, senón que somos nós os que acabamos sometidos aos fins que esas máquinas nos impoñen.
É aínda posible un uso emancipador (liberador) da técnica? Como deberiamos actuar para garantizar que as máquinas se poñan ao servizo dos intereses da maioría da humanidade e non a maioría da humanidade ao servizo duns fins, tecnicamente prefixados á marxe dunha previa reflexión racional? Estas son as preguntas que deberiades tentar contestar no voso ensaio.

Os ensaios deberán ser enviados antes do 1 do mes de febreiro.